Na Costa da Morte existe vocación de fin e de principio, por iso se celebra en festa a morte e a resurrección de Cristo. Símbolos que teñen por escenario un cabo do mundo, onde na antigüidade se situaban as Aras Solis, altares de culto á derradeira raiola solar da vella Europa. Aquí está o luscofusco que pon fronteira ó día e á noite, o relampo que morre no Mar Maior dos Atlantes. Confíns nos que converxe e diverxe a luz dos faros, no que arriban ou parten os camiños da terra, das augas e tamén os marcados no ceo polas galaxias . Semella que a vida e a morte se lían entre as guedellas douradas do seu venerado Santo Cristo. Por algo o símbolo da peregrinación a estes nosos confíns non pode ser outro que o de Venus, a estrela da mañá e dos vésperus, a cuncha da vieira.

Ó fin e ó cabo dun Vía Crucis -camiño onde se atopan traizóns, torturas, escarnios e tamén compasión e axuda- sempre alborea unha nova Pascua Florida. Ó fin renace a Esperanza. Despois da noite novamente reaparece polo oriente aquel sol que se fora pola proa do extremo occidente.

Pobos e parroquias da Costa da Morte, con igrexas nas que o altar máis concorrido é o da Dolorosa e o dun Cristo dramático, expesión da Dor terreal. Imaxes ennegrecidas polo fume dos cirios que lle dan vida a un rostro que semella moverse entre o alampar das luces e das sombras. Imaxes piadosamente revestidas de veludo bordado en fío de ouro, e con cabelo natural, de ofrecida. As viúvas dos vivos que navegan polos camiños do mar identifícanse con esa imaxe e cóntanlle as súas confidencias. No Cristo ollan ó marido ou ó fillo mozo que deixou a casa na busca da vida polo horizonte?. Xentes que semellan feitas de madeira de buxo, Madera de boj dixo Cela -as que cantan á vida, ó traballo, ó amor, ás tristuras e ledicias, á esperanza e tamén á morte-. Aquí a oración faise saeta popular. Aquecen os versos de Machado ó Cristo dos Xitanos, os que tamén andan errantes polos camiños...

?.Cantar de la tierra mía,

que echa flores

al Jesús de la agonía,

y es la fe de mis mayores!

¡Oh, no eres tú mi cantar!

¡No puedo cantar, ni quiero,

a ese Jesús del madero,

sino al que anduvo en el mar!...

A Semana Santa na Costa da Morte é propietaria dun barroquismo inxenuo, sinxelo e humilde, encaixe auténtico, en consonancia co son do seu mar e o latexar da súa terra. Procesións mariñeiras, de caladiños?luz de mil cirios que acenden aínda máis os misterios e o escurantismo fisterrán.

A Pascua Florida, domingo de estreas e roscón de pan, atopará o seu mellor altar en Fisterra. Farase festa arredor da igrexa de Santa María da Area, escenario pro Auto da Resurrección: as tres Marías, como as Tres Gracias, as deusas da beleza, da creatividade e da fecundidade, anuncian ó pobo mariñeiro -o que se identifica cos apóstolos pescadores- o renacer anual do Sol Invictus. Repenique de campás, música, cánticos e foguetes ó ceo.

Dende Bergantiños ó Monte Pindo móstrase o esplendor da mellor gastronomía mariña, as caldeiradas de peixe, os mariscos, o bo facer do pan. As artesanías trunfan por aquí: eses encaixes que teñen capital e escola en Camariñas. Dicir Camariñas é suxerir paisaxes, historias e tradicións, máis alá do sorprendente Cabo Vilán, horas e horas de mans femininas entrecruzando fíos sobre a almofada, entre os alfinetes, tramando xeometrías entre cavilares para poñerlle puntilla á vida.

Terras con monumentos megalíticos, "confín dos verdes castos", con vestixios romanos, cos da cidade de Duio, a que as lendas xacobeas din que foi asolagada. Corazón da enigmática Suevia, terras de Trastámara, as de máis alá do Tambre... berce de fidalguías, de reis, ansiosas de poder. Bergantiños, Soneira, o Xallas e Fisterra, son rexións que asoman a unha beiramar bravía, que soubo de invasións normandas, vikingas, sarracenas e de todo tipo de pirateos, as que ergueron sobre os seus montes penedíos altares de cultos panteístas e torres de vixía: Traba ou o Pindo. Señorío dos Moscoso e dos Osorio, os poderosos condes de Altamira, co Castelo de Vimianzo, como exemplo. País de torres, logo feitas pazos, como as do Allo en Zas, ou as de Cereixo en Vimianzo, os Castelos do Cardenal e do Príncipe na ría de Cee e Corcubión; mosteiros como o de Moraime abrindo a esa Muxía que presume da Virxe da Barca, santuario sobre o mar e as penedas milagrosas, curadoras, a "de abalar", a "dos cadrís"...

Francisco de Ramón e Ballesteros entendeu cousas así e falou ben e quizais mellor que ninguén de escurantismo fisterrán... como o fixo Esmoris Recaman respecto ós cultos fecundativos na Ermida de San Guillerme de Fisterra, os do Monte Facho, das "Pedras Santas" ...pedras abaladoiras, sanadoras, fecundativas... Aquí "pasar pola pedra" é un dito e un feito. Así o transmite Benxamín Trillo Trillo no seu libro Las huellas de Santiago en los caminos de Finisterre. Abecedarios elementais para guiarse polos enigmas desta sempre tópica, por descoñecida Galicia máxica.

Mar e vento de acentos contaxiosos, os que esbarran na voz popular en seseos. Cánticos de serea que seduciron a moitos estranxeiros a gastar a súa vida entre nós. E lembramos a Manfred Gnädinger, simplemente Man, o home, o hippie integral, como un Cristo que o deixou todo para reducir seu paraíso á xeometría dun pequeno casufo arrodeado de mar e cons, para demostrar o efémero, facendo Arte con todo o que trousaba o mar, para dignificar ó ser humano entre tanto feísmo campante. Man morreu un día dos Santos Inocentes dun ano capicúa con números que debuxan un drakkar 2002, cando un buque arrogantemente chamado Prestige verteu o ouro negro para enchapaotealo todo. Agora deixamos esvaer no horizonte a memoria de pureza de Man. Ó final vencerá a Natureza.

Costa da Morte, calvario mariño, espello para calquera Cristo: os das pateras , o nicaraguano de Palacaguina, que era "fillo de Chepe Pavón e dunha tal María..." e tantos galegos feitos nos mares do planeta, obreiros no Calvario, como os que pintou Luis Seoane ou cantara aquel anónimo do século XVII:

No me mueve, mi Dios, para quererte

el cielo que me tienes prometido,

ni me mueve el infierno tan temido

para dejar por eso de ofenderte.

Tú me mueves, Señor, muéveme el verte

clavado en una cruz y escarnecido,

muéveme ver tu cuerpo tan herido,

muévenme tus afrentas y tu muerte?

Cristo do Catecismo do Labrego, o Cristo mariñeiro e do traballo, o da Costa da Morte, venerado en altares de vida no principio-fin do mapa.

Felipe Senén É Museólogo E Técnico De Xestión Cultural