Falar das cousas rurais e de antes trae hoxe, á urbe, arrecendos a empanada, sabores a viño espeso ou a tostado, a encontro coa tradición. Nostálxicos paraísos perdidos que tentan anovarse coa festa. Gustosos momentos de Agosto, o mes que centra no verán as vacacións, cunha luz poderosa e calor, raxeira solar, suor, baño, praia, en contraste coa frescura do monte, do bosque, de ríos e fontes. Agosto foi tempo de mallas pra encher hórreos e palleiros, e final con festa maior pra celebralo, con procesións, músicas, bandeiras de todas as cores, repenique de campás, folións, caldeira de polbo, churrascos e agora macrobotellóns desnortados ...

Pese a toda globalidade uniformizadora, que varre a distincións das identidades, aínda mantemos e sabemos por aquí cousas dun pasado tradicional rural e agrario próximo. Tras moitos de nós aínda está a casa, a aldea, a parroquia e as súas pantasmas. Algo do Neolítico que levamos prendido, a produción propia de alimentos, o que ó fin e ó cabo dá de xantar. Cousas de antes da cofección e distribución comercial, multinacional, da comida e da bebida en sobres i en supermercados.

Sabemos e vaise perdendo que entre a sega de Xullo e a vendima de Setembro están as mallas de Agosto, aquelas celebradas nas eiras que non faltan nas aldeas, complementarias de hórreos, cabaceiros, canastros e de toda esa arquitectura do pan que pasa polos muíños e polo forno. Improvisada música co bater rítmico, golpear alternativo de mallos e o varrer das vasoiras, logo substituídos por ruidosas e fumegantes máquinas para separar a palla do grao, para empacar, para as medas, para encher o cabaceiro e o palleiro e logo celebralo en festa. Convivencia, relación, fortalecer a casa, a tribo, as lembranzas e o que somos. Agosto, como o Nadal supón a volta á casa, o retorno á aldea, o encontro co que queda do pasado. Algo do Ferragosto dos italianos, os que cada 15 deste mes foxen da urbe, buscan adoecidos a campiña, celebran a Asunción da Virxe, a versión cristián da deusa romana da fartura e do agro, Diana.

Agosto do pan e Setembro do viño, esenciais, por algo sacramento, eucaristía. Meses nos que este noso cabo do mundo ferve en festas. Augusto mes de agosto, o que, cando o imperio Romano controlaba o mesmo devalar do tempo, foi dedicado ó emperador Augusto.Triunfante e luminoso mes, solar, de lume, do arrogante Leo, o que nos seus días finais esvaece na roda do Zodíaco para travestirse na debilidade de Virgo. Todo se centra, estacionalízase no estío e neste mes de estreas, escaparate do bo facer e das alegrías de vilas e cidades, a pesar do debate da desestacionalización, que iso é teoría. Está claro que a lei da oferta e da demanda móvese nos carrefour, nas encrucilladas e nos días, onde e cando concorren os consumidores. A festa actúa de fronteira entre un antes e un despois para encamiñar acertos e corrixir vicios prendidos na sociedade. E iso é o que buscan hoxe os xestores, os dinamizadores con sentidiño, e iso foi o que soubo facer a Igrexa e dende ben atrás, aberta por vacacións, coas súas contradicións tamén: feira, festa e romaría cada día do ano, encamiñalas arredor dun santiño e da fabulación inxenua dos seus milagres, entre promesas e esperanzas. Festas en nome de santos e patróns, logo festas nas que se enxalzan os produtos locais, máis adiante as festas que se converten en entroidos de verao, sacados polo estudoso local dalgunha efeméride... Nas concellerías de cultura, sucesoras dos mordomos e ramistas, debándase o siso buscando argumentos, dende os carteis ó programa. Estrebíllase algo atractivo, incluso sen reparos á provocación, contravindo a ética con tal de atraer a atención mediática, máis centrada nos eventos dos poderosos que pagan a publicidade.

Moitas son as nosas festas de Agosto, nas que facer parada e fonda, pero entre as máis celebradas e para o primeiro domingo está a Festa do Albariño en Cambados. Nese mesmo día Catoira celebra a Romaría Viquinga arredor das Torres do Oeste. Ambas dúas festas creadas a finais dos anos cincuenta marcaron un precedente importante, foron imitadas, pero con diferente advocación gastronómica e motivo histórico. Por exemplo a Festa do Polbo do Carballiño que se celebra dende 1962 o segundo domingo de Agosto no seu Parque. A un tempo que as Festas de San Roque de Betanzos, coa solta do globo e a romaría fluvial dos Caneiros... a finais de Agosto a Romaría do Naseiro, nas ribeiras do río Landro... Logo a Festa da Istoria en Ribadavia, o último sábado a Romaría das Nove Ondas, arredor da ermida da Lanzada ... entre máis de mil e unha máis. Ansia festiva que move a músicos, pirotecnias, tómbolas, carruseis, moinantes, xentes de camiño e canto supón gastronomía, as artesanías, o bo facer de cada parte, o que se fai, para mostralo i exportalo e que tamén agora corre competitivos riscos.

Veñen e móvense os emigrantes que aínda quedan, cargan pilas e anovan as tradicións arredor dunha caldeira de polbo ou dun churrasco caníbal. A festa ten a súa liturxia, dende o primeiro día, dende a mañá á noite e incluso na súa convocatoria en ostentosos programas impresos en papel couché, entre o tópico Saúdo do Alcalde, fotos, colaboracións dos persoeiros e autores locais que se inician nesto das letras. Páxinas cunha literatura naif no cronograma de eventos, perdido entre anuncios comerciais. Festas que se inician con pregóns, ás veces retóricos e aburridos, impartidos por políticos e apolíticos, outras choqueiradas de famosos televisivos. E como si dunha guerra festiva se tratase amence o día coas dianas e alboradas, as bombas de palenque, os pasacalles de gaiteiros cos cabezudos detrás...namentres de cada porta sae un rapaciño e as mozas empoleiradas con algo de estrea, namentres os maiores toman asento nas terrazas da rúa principal para a sesión vermouth (por pajilla) que queda moi ben. Mestura de arrecendos, a estufado, a confeitados. Na casa prepáranse as mesas, e si o tempo o permite, baixo a frescura dun emparrado e a carón dun pozo. Mesa e mantel, pra ocasión poida que amidonado e de Camariñas, sobre del expóñense os produtos da terra, do bo facer da cociña da casa, abundancia de carne, peixe, mariscos, viños e licores. As matriarcas, dirixen, acenan cun ¡comede todo...! E despois, sin sesta, na praza ou no campo, competicións deportivas, como si dun concurso televisivo se tratase. Para logo entrar nas verbenas con grandes orquestras sobre trailers-palcos que ocupan a metade da praza, acantoando, entre telderetes, á estatua do prócer e o vello cruceiro. Fachendosas actuacións Broadway que converten en espectadores ós actores da festa, os que, a golpe e ritmo de percusión non quitan ollo do que acontece no escenario.

Despois sesión de foguetes, fogo fixo e voador, pirotecnia de rodas, tracas e cascadas... si acaso tamén acuático, para seguir demostrando que somos os primeiros nese amor ós fenómenos ígneos. Os galegos levamos nos xenes tal cóctel festivo e cando se achega algunha destas convocatorias semella que a terra atrae con forza do imán, parte do panteísmo. Os escenarios de antes, aqueles palcos naif, feitos á medida da ilustración municipal do momento, con pedra e varandas de ferro, xa non valen e criminalmente sucumben, sobran na campa as melindradas ornamentais de cada día...as fincas e lameiros do arredor serven de improvisados aparcadoiros. Os tempos mudaron e as técnicas de negocio tamén.