Daquela, despois da misa do domingo do Domund, e seguindo as instrucións do cura, facíamos a nosa particular misión parroquial: un batallón de nenos recorríamos as rúas e os bares coas huchas nas mans. Eran de porcelana e tiñan forma de cabezas de indios, de negriños e chiniños, axitabámolas rexendo os patacóns que levaban dentro e pedíamos "limosna para los infieles chinitos". Hoxe son cotizadas pezas de anticuario, como tamén o deberan ser e servir estas lembranzas dun pasado ignorante i inxenuo. E agora mira ti, os "chinitos" están en alza. Cultura milenaria, feitos e refeitos a golpe de tifóns, invasión tras invasión, entre emperadores e a revolución comunista, marxista leninista de Mao Tsé- Tung. Sesenta e dous anos de República Popular e xa na lanzadeira do consumismo global. Son os mandaríns do mundo, como tentaron selo no tempo das dinastías de divinizados emperadores, entre palacios prohibidos, sedas, xerras de porcelana fina, incensos e submisos servidores de quimono. Dalgún xeito, reverencia tras reverencia, usados como marionetas, provocaron a rebelión dos escravos, aqueles que pouco se diferenciaban dos animais, pra servir como mulas de carga, equilibrio de pesos no balancín, turrando das carretas, cubertos cos conos de palla, de sol a sol empantanados nos arrozais.... Incansables, habilidosos artesáns de filigranas, de traballos de chinos e de contos chinos, sabedores de torturas chinas, de artificios milenarios. Baixo o catecismo do Libro Roxo, Mao tentou uniformizalo todo en provincias, dende o Tíbet da teocracia budista-lamista, presidida polo Dalái Lama, gurú e dirixente supremo do seu reino, ate o Hong Kong cosmopolita e comercial. Hoxe a parte revolucionaria do yin compleméntana co acelerado mercantilismo que levan prendido nos xenes.

País dos máis extensos, o máis poboado, con máis exército, con maior natalidade e crecemento integral, dos máis aforradores e emprendedores, coas cidades máis contaminantes.... e dos de máis inversións estranxeiras, conseguintemente con menos inflación e taxa de desemprego... País cara ó que todos miran absortos e co que convén boas relacións no comercial cinismo diplomático. E velaí que neste mundo competitivo e tensionado, faise profético aquilo de que "cando o dragón chino esperte o mundo tremerá", tal cal dis que dixo Napoleón. A bipolaridade faise trina. China, a segunda maior economía do mundo, trata de tú a tú a EEUU ou a Rusia. O presidente Hu Jintao estreita a man de Barack Obama, ambos prometen aumentar colaboración e diminuír a confianza. Se acaso o americano, sobre o atril, mira pra unha e outra banda e dá as consabidas leccións de ética: reclama ó chino máis respecto ós dereitos humanos... cavilando no Dalái Lama, gurú desterrado dos seus santuarios, do Palacio Branco do Potala, escorial, templo, altar erguido na montaña de Hongshan sobre a capital do Tibet, Lhasa. Estre estes cumios aínda o goberno chino consinte milenarias tradicións, que sigan subindo os paisanos, arrastrados, de xeonllos, para ofrecer seus produtos ós monxes da escudela que viven con deus, entre incensos e purpurinas... Entre as pantallas de fume confuso desas mensaxes políticas dos líderes dos dous imperios, confeccionadas para os medios, tamén estaba implícito o activista disidente en favor dos cambios e preso, o chino Liu Xiaobo, premio Nobel da Paz no 2010, proposto á Academia Sueca polo Pen Club, cando tamén se lle outorgou a Vargas Llosa o de Literatura. No brete global confróntanse culturas e valores moi diferentes respecto ós dereitos humanos: "O primeiro valor humano é darlle comida e vivenda á poboación.... democracia con imperio da lei", espetou o presidente chino despois de insistir en que eles respectaban os dereitos humanos. Coma sempre, dereitos duns que acaban onde empezan os dos outros.... este extremo occidente xa non hai persoa que vista unha prenda ou teña na casa un moble con etiqueta de aquí ou de acolá, feito en Made in Taiwan, Made in China, ou en lugar preferente introduza a tradición dun deses horribles gatos da sorte, de purpurina, abaneando incesantemente de arriba abaixo o seu brazo. Nin hai vila que non teña na súa rúa maior, a carón da farmacia de garda, un bazar oriental, de chinos ou un restaurante chino, permanentemente de garda, aberto a todas horas, ofrecendo de todo, como son eles: comida vexetariana, medicinal, popular, imperial, sopa de aleta de tiburón ou de niño de andoriña, pato lacado, rolitos plimavera, cando non con máis autenticidade, can, gato, serpe... Nin hai parque no que non se atope a un grupiño facendo de mañá Tai Ti Chuan, como querendo coller os astros e a eternidade en cámara lenta. Ninguén ten que dicir nada dos chinos, andan ó seu, en clan, son cumpridores, pagan os arrendamentos, iso si, namentres no seu vello imperio se deixan occidentalizar, por aquí non se pregan ás tradicións locais e máis ben abandeiran as súas orientais, con tantos tabús, de tanta fondura, exóticas e atractivas. Dourados, faroliños roxos, folechos, pictogramas, yin- yang , tintineo de barriñas de metal i esa música para andar de puntillas... respecto confucianista ós anciáns, ás súas tradicións, herdos deixados de mestres a discípulos. Nin hai cidade que non teña ou vaia formando o seu particular chinatown. Ate o madrileño e castizo Lavapiés reconverteuse en barrio chino, para mudar o organillo e o chotis polas celebracións do ano dedicado á rata, ó boi, ó tigre, ó coello ... segundo o seu particular calendario e horóscopo. Tendas de estantes ateigados, nas que mercar canto lle dá luz e cor ás festas, petardería fina, lucería, grilandas, confeti, e globiños... Oriente é consubstancial a este occidente, os chinos xa son como algo noso e escollemos adoptar a nenas chinas. Por algo gañaron os chinos. Ansia de traballo, sensibilidade poética e sofisticada, agudeza, enxeño, sal e pementa. Non se lles resiste nada, domestícano todo: tan capaces de trazar e defenderse con murallas infinitas, como de construír pontes transparentes de vidro, de enanizar secuoias, de recortar interminables tigres de papel envoltos en lume ou de colocar unha plataforma en primeira liña dese cosmos do sol, a lúa e as estrelas, impresas sobre as súas bandeiras roxas.

Imperio cismático, negociante, entón politeísta, sincrético, taoísta, confucionista, budista... onde se adoran budas sedentes, deitados, con cabeza de elefante ou de reptil.... toda esa historia de encontros que verten no comercio. Shangái, Hong Kong, son cidades con vocación de porta, de futuro, abertas a desafiantes rañaceos ás tecnoloxías máis punteiras, arredor tamén de todas as falsificacións de marca, como proba e desafío da súa ilimitada capacidade.

Por algo os príncipes e princesas, celosas do seu futuro, os agudos emprendedores negociantes, van aprendendo pacientemente o idioma dos que xa hai moitos séculos inventaron a pólvora.