É certo que cando Europa sae de copas, a factura sempre a paga Alemania. Aínda que non sexa exactamente así. Se nos tempos que vivimos a canciller alemana ten que afrouxar o seu peto de cando en vez é porque as cousas non se fixeron ben desde hai anos. Comecemos polo euro. Se buscamos unha unificación política en Europa era necesario ter unha moeda única. Pero era o primeiro? Non, a orde debera ser distinta. Se cadra, algo parecido a isto: primeiro, unificación fiscal; segundo, unificación económica; terceiro, unificación monetaria e, por último, unificación política. Pero sobre todo non debemos esquecer a unificación salarial. Isto é, que o poder adquisitivo das diferentes realidades nacionais fose o mesmo. Cando me preguntan se estou a favor dos impostos, sempre digo o mesmo. Si, totalmente a favor, e incluso quero pagar moito máis. Cunha condición, claro está, eu quero o mesmo poder adquisitivo dun alemán. Quero cobrar igual ou parecido para poder tributar en consonancia e recibir do estado os servizos que merezo polo esforzo contributivo realizado. Hai que desmontar certas mentiras sobre España. Flexibilidade? Pode haber un mercado laboral máis flexible que aquel que produce cinco millóns de parados? Poden esixirme recortes nun país que xa está recortado na cantidade que perciben pensionistas e parados; onde o salário mínimo se sitúa na metade que o salário mínimo irlandés? Aquí todos temos que xogar o mesmo partido. Os Tratados da Unión esixían aos seus membros certos compromisos mínimos para formar parte do mesmo clube. Daquela, por que se admitiron como socios países que non cumprían e non cumpren eses compromisos? Actuose con demasiada alegría e agora recollemos un drama europeo colectivo. E Alemania que non mire cara outro lado, porque é corresponsable disto e, sobre todo, dun asunto do que non quere nen ouvir falar porque lle resulta moi antipático. Por que decidiu dar o paso da reunificación sen contar co beneplácito dos seus camaradas de viaxe? A reunificación alemana estivemos pagándoa o resto dos europeos durante anos até que as dúas alemanias foron quen de atopar un certo equilibrio económico entre os cidadáns do Oeste e os do Leste. Ese equilibrio que agora non se quere buscar para co conxunto da UE. Así que menos sacar peito que aquí, quen máis quen menos, ten moito que rascar. Evidentemente, a solución que aquí propoñemos é dificil e esixe moita paciencia. E os nosos administradores dirán que corren tempos de urxencia e de rapidez, e que non nos podemos permitir o luxo de rediseñar a Unión e que hai que recortar. Pero que non os enganen: ou poñen os cabalos da dilixencia ao trote ou como sigamos ao galope non tardarán en partir algunha roda. Isto é, que é antes a Unión ou o euro? E non vale como resposta "a galiña". Non podemos ceder máis soberanía nacional para que gobernen Merkel e Sarkozy. Ou lle metemos dente ao da UE ou de pouco van servir o ECOFIN, o BCE e o FMI.