O de poñer as cousas en listas é unha moda que sen dúbida obedece á nefasta influencia do powerpoint e á infantilización xeneralizada da nosa sociedade. Así, desde os seus comezos nos mandamentos relixiosos e a súa consolidación nos programas radiofónicos musicais, estenderon agora o seu reinado ás guías de uso de internet e redes sociais e aos analistas sociopolíticos. Se os libros de autoxuda son un tratamento para calquera situación, as listas son pastillas para ir saíndo do paso de estar informado. E cando acaba o ano todo o mundo fai listas. Do que pasou e do que non. Dos libros e películas que pagan a pena e dos que hai que fuxir. Das medidas que hai que tomar e das que se deberían ter tomado. A maioría son serias, ou iso pretenden, pero a min as que me prestan son as raras.

Por exemplo, a lista da xente do cine que está viva (e a maioría pensabamos que non) que vin na web Acto de primavera. A maiores do consabido Manoel de Oliveira, que anda polos 104 anos, camiño dos 102 está a actriz Luise Rainer, que debutou en Alemaña ao tempo que Adolph Hitler. E algo máis novos, 90 arriba ou abaixo, están por aí a que facía de boa en Lo que el viento se llevó, Olivia de Havilland, Kirk Douglas (o pai dese outro, Michael, que xa vai vello), Zsa Zsa Gabor, Maureen O'Hara (que xa facía de solteirona cando a pretendía John Wayne en El hombre tranquilo), Mickey Rooney e Esther Williams (a que non saía das piscinas). Tamén vin nalgures unha relación de leis vixentes que non acabo de crer que sexan certas. A de que na illa de Guam -protectorado norteamericano no Pacífico, preto das Filipinas- prohíbeselle ás mulleres chegar virxes ao matrimonio, e para as que incumpren ese trámite hai uns tipos encargados de solucionalo de oficio. Xente primitiva, claro, por moi protexida que estea, pero tamén en Francia hai unha norma que impide chamarlle "Napoleón" a un porco (ignoro se se permite nos cans), e en Noruega non se poden vender bebidas con máis de 5º de alcohol nas xornadas electorais (como se o voto non se decidira antes). No condado inglés de Hereford permítese dispararlle a un galés no recinto da catedral, quitado o domingo (debe ser para non distraer da misa), pero se ten verdadeiras ganas de cargarse en día santo a un compatriota de Tom Jones, pode facelo cun arco (o que reforza a miña teoría da misa). Pero as leis estrafalarias que sobreviven nos códigos adoitan ter que ver co sexo: en Estonia está terminantemente prohibido ter relacións sexuais e xogar ao xadrez (ao mesmo tempo).

E desde logo, o paraíso das prohibicións relativas ao sexo/mulleres son os Estados Unidos. As cidadás de Kentucky non poden pasearse en traxe de baño por calquera autopista, quitado que vaian armadas ou escoltadas pola policía. En Carolina del Norte non se pode visitar ao amante pola noite, nin practicar sexo no patio dunha igrexa, nin facelo en calquera sitio noutra postura ca do misioneiro, ou sen pechar as cortinas. E rexistrarse nun hotel como matrimonio supón adquirir sen máis tal condición. En Memphis (Tennesee) as mulleres só poden conducir se vai canda elas unha persoa correndo cunha bandeira vermella para alertar do perigo. Ohio prohibe os zapatos femininos de charol para evitar que os homes se sirvan deles como espellos (e non precisamente para afeitarse). Tamén hai leis nos USA máis liberais, como unha de New York que permite ás mulleres pasear polas rúas a peito libre, sempre que non sexa con fins lucrativos. E non soamente en Norteamérica hai normas troglodíticas de xénero. No Líbano son absolutamente permisivos coa zoofilia, sempre que o partenaire humano sexa home e o animal, femia. Se os dous son machos, o castigo é a morte (penso que nin siquera se contempla que o interveniente humano poida ser muller).

Que na parte civilizada do mundo haxa normas como estas, aínda que non se apliquen realmente, axuda a entender outra lista, o Índice de estados fallidos que elaboran Foreign Policy e o Fondo por la Paz en base á situación dos dereitos humanos ou dos servizos públicos, a esperanza de vida e mesmo a división das elites, entre outros parámetros. A lista encabeza a Somalia, e séguena os veciños Chad, Sudán e República Democrática do Congo, e logo outros que están lonxe ou preto: Haití, Zimbabue, Afganistán, República Centroafricana, Irak e Costa de Marfil. Obviamente, países todos feitos a machado --fronteiras incluidas- pola colonización, pero non toda a culpa é dos nosos avós occidentais. Na metade deses dez estados que encabezan a lista dos que non hai por onde collelos estamos intervindo agora nós - é dicir, os gobernos que escollemos, ou non-. Así que feliz ano.