Os nenos e as nenas son uns seres extraordinarios. Con eles todo é diferente. Beben o mundo e van metendo na súa cabeciña conceptos, palabras e razonamentos que non deixan de sorprender aos maiores. O outro día, unha neniña duns tres anos que ía da man da súa nai, atopouse cunha súa tía. E esta, preguntoulle: - Que día é hoxe? A nena non dubidou nen un instante: - O día do pai traballador. As dúas adultas botáronse a rir. Claro, era o día do pai, pero non había moito que celebráramos o Día da Muller Traballadora. A confusión ou ocorrencia da rapaza espertaba as gargalladas da súa tía e da súa nai. O Día do Pai Traballador... Tamén eu sorrín. E tamén deume que pensar. Pensei se realmente o pai daquela nena era un traballador. Isto é que si tiña traballo ou estaba no paro. Ter un pai traballador, tal e como está o patio é toda unha fortuna. Sobre todo porque ter un traballo outorga ás persoas unha cobertura alimentaria e sanitaria máis que considerable. O malo é que certas coberturas que pagamos, agora, parece ser que imos ter que volver a pagalas. Fálase de copago. Hai quen lle chama repago. Eu diría que se trata dun imposto por enfermidade. Se realmente as cousas van por ese camiño, todo será máis triste, máis cutre, máis inxusto. Aínda por riba de caer enfermo, vas ter que pagar por estalo. Vamos, como un castigo que nos mandasen os deuses. E as consecuencias que isto vai traer para a sociedade. Só os individuos sans estarán ben vistos polos demais. Os que teñan algunha doenza ou algunha eiva, formarán parte do batallón dos torpes. Non quero nen pensalo. Agardemos que todo isto non sexa máis que un equívoco pesadelo. E alegrémonos pola Nova Lei de Transparencia que se vai aprobar. Chega tarde, pero chega. O PSOE tívoa enriba da mesa durante o anterior governo. Nunca saberemos porque non a levaron adiante. O PP, sí, e creo que o mellor que fixeron desde que acadaron o poder. É importantísimo que a cidadanía saiba como se están manexando os seus cartos. En democracias do noso entorno leis semellantes xa están aprobadas desde hai anos, por non falar de Estados Unidos. Veremos que tal funciona aquí. Necesaria era, iso sen dúbida. Visto o que está a pasar con Matas en Baleares, compre preguntarse: Se esta lei estivese en vigor desde hai duas décadas, cantos presidentes autonómicos, de deputación ou alcaldes non terían que ter dimitido? Benvida sexa e que se quede con nós durante unha eternidade. A ver se desta somos quen de diminuir os escándalos políticos por corrupción. E que viva o Día do Pai Traballador.