Opasado día 23 celebrouse o Día Mundial da Meteoroloxía. A meteoroloxía é a ciencia que estuda as leis con que se rexen os fenómenos meteorolóxicos. A meteoroloxía estivo durante moito tempo nun estudo de simple observación. Ata o século XX no que se estende a rede de observacións sobre a terra e se desenvolven as técnicas aerolóxicas, non pode falarse realmente dunha ciencia explicativa.

As dúas guerras mundiais impulsaron o seu desenvolvemento. Pero foi o avión, como medio de observación do tempo, á vez que dependente del, o que significa un maior adianto para a meteoroloxía.

Actualmente, a meteoroloxía é unha das ramas ou pólas da física do globo. Os estudos prácticos de meteoroloxía dinámica utilizan os mapas e os diagramas que representan esquematicamente a atmosfera a horas determinadas e sobre unha extensión reducida. A meteoroloxía está dividida en aeroloxía, climatoloxía, agrícola, microclimatoloxía que estuda os microclimas e a aplicación desta noción á agricultura, á bioloxía, ó benestar humano. A meteoroloxía médica que tenta coñecer os efectos do tempo ou dos seus elementos sobre o corpo humano.

O.M.M., esas siglas significan Organización Meteorolóxica Mundial. É un organismo internacional especializado, constituído en 1946 que forma parte da Organización das Nacións Unidas (ONU). O secretario xeral atópase ubicado en Xenebra (Suiza). Está constituído polos seguintes órganos: 1) O Congreso meteorolóxico mundial, que se reúne unha vez cada catro anos; 2) O comité executivo que se reúne cada ano; 3) As asociacións rexionais; 4) As comisións técnicas, constituídas por especialistas meteorólogos, que se reúnen cada catro anos. Actualmente funcionan as comisións de aeroloxía, climatoloxía, hidrometeoroloxía, instrumentos e métodos de observación, meteoroloxía, aeronáutica, meteoroloxía agrícola, meteoroloxía marítima. As publicacións regulares máis importantes son: O boletín trimestral, as actas e resolucións dos seus diversos organismos; as publicacións técnicas que difunden os datos necesarios para unificar os intercambios de datos e coñecementos verbo dalgún punto de interese. Desde todos os tempos os homes dividiron o ano en estacións, segundo as variacións da temperatura media. Primitivamente, os indios, os gregos e despois os árabes, coñeceron tres estacións: primavera, verán e inverno, mentres que os pobos do norte só coñeceron dúas: o verán e o inverno. Os romanos adoptaron o outono. A primavera como xa sabedes é a estación do ano que está entre o inverno e o verán. A primavera comeza no intre no que o Sol chega ó punto de intersección da eclíptica e do ecuador, é dicir no instante no que o Sol entra no signo de Aries, e remata no momento no que sae de Xémine. Este intervalo de tempo dura 92 días e 20 horas. Lembra cando a primavera empeza, a duración do día é igual á duración da noite. Recordemos tamén que as estacións do ano teñen unha grande influencia sobre os ventos, as correntes, a vexetación, a mortalidade, etc. A primavera abrangue desde finais de marzo ata finais de xuño. Representa o trunfo da natureza viva que se traduce na floración e na saída das follas nas plantas. Renóvase a vida. Prepáranse as terras para a sementeira principalmente nos meses de abril e maio. A primavera inspirou a pintores, como Botticelli, a poetas e escritores, como Curros Enríquez... Metaforicamente a palabra primavera vén a ser como se dixésemos "A plena xuventude dunha persoa".