22 de julio de 2012
22.07.2012
La Opinión de A Coruña
o labirinto do alquimista

'O libro de Santiago'

22.07.2012 | 02:00
'O libro de Santiago'

Dende que Compostela nace como centro de visitantes a redor do sartego dun persoeiro, non faltaron os que escribiron sobre ela. Abondan os libros de onte e de hoxe, e xa con eles, coas súas ilustracións, podíase artillar máis dunha exposición. Sería un xeito de desvelar o escurantismo, a brétema da Galiza máxica, seguir a fender os imperantes tópicos de galegos, pechados, escuros... Quen non se deixa ver non existe. Así resulta para quen se sinte incapaz de iniciarse en tal labirinto de luces e sombras. Un deses libros sobre "a cidade venera", o que non deberá de faltar en ningunha casa é o Libro de Santiago, da autoría de Filgueira Valverde e ilustrado por Xosé Sesto. Compartimos o saber daqueles sabios de antes, que veñen da sementeira de humanismo de Castelao na "boa vila" que sempre foi Pontevedra e botámolos moi en menos. Os tempos que lle tocou vivir foron os grises da Guerra Civil, moitos dos seus morreron no fronte ou foron "paseados", outros emigraron... non faltaron os que se encuncharon entre medos e silencios, facendo encaixes coa palabra e co antigo legado de saber, sen saber dicir non. Un deles foi o profesor de instituto, algún tempo alcalde de Pontevedra, don Xosé Fernando Filgueira Valverde e sobre todo director e animador daquela iniciativa nacida dos "bos e xenerosos" que era e segue a ser o Museo de Pontevedra. A cidade, o Museo e Filgueira eran un e trino á vez, confundíanse. O Padroado que rexía o Museo tiña un norte, entendía os fins que se centraban na identidade, na distinción, no humanismo, en Galiza. Hoxe a Deputación de Pontevedra, que no Padroado leva boa parte da responsabilidade económica, tenta mudar as tornas, mandar e levalo pola canle da política que cada catro anos rexa a Deputación. A preocupación está na cidade, nos que vivimos e coñecemos a historia. O espírito de Filgueira impregnou a cidade e foi un referente, pero, como tantas tradicións, tamén esvaece entre a frivolidade da cultura espectáculo. Quedan as súas obras e algunhas lendas urbanas sobre os seus medos na Longa noite de pedra... e quizais, cando cicatricen de vez as feridas, se lle dedique un Día das letras galegas... Compostela era a estrela de don Xosé e dos pontevedreses, os que, por algo fan da súa Venus mariñeira, Virxe Peregrina.

Nun día como hoxe, vésperas da "Alba de Gloria" do Día da Patria Galega, aquece recomendar un de tantos libros sobre Compostela, a cerna de Galiza. O Libro de Santiago é como unha porta santa que abre os enigmas da cidade na que converxen e diverxen os camiños, a que ten como símbolo a nacarada cuncha de Venus, que non é pouca cousa. Obra que, deica hoxe, ten dúas edicións, a primeira da Editora Nacional, de Madrid, 1948, premiada como modélica e a da Deputación da Coruña do ano 1989, feita igualmente con grande agarimo. O ilustrador é Xosé Sesto López, tamén cunha longa odisea tras si: un daqueles alumnos avantaxados de Castelao nas aulas de Pontevedra, bolseiro da Deputación con Laxeiro e Colmeiro, nos tempos do seu presidente, Daniel de la Sota. Ilustrador, debuxante, poeta, con esa retranca que caracterizaba o humor atlántico e que hoxe é un resto arqueolóxico. Amigo de Bóveda, pai de poetas e artistas, un deles, Farruco, hoxe ministro en Venezuela. Sesto emigrou a Caracas, animou a Celso Emilio Ferreiro a irse e logo a virse... e deica ó seu final sempre voltou, escollía a Coruña e escolleunos como amigos, incluso nos regalou dous murais ó estilo Lugrís para ilustrar a capela do museo do Castelo de San Antón. Os museos é onde se garda memoria, onde, a través dela se promove encontro e porvir.

A primeira frase do libro di que "As pedras das cidades santas rezuman tradición. Non sempre a ollada fuxidía do viaxeiro acada a recollela, e moitas veces fuxe tamén entre as redes eruditas da historia ou se dilúe nas brétemas da poesía. Poucas das vellas urbes de Europa teñen un acervo literario tan largo e copioso como Compostela...". Por iso se quere contar para querer e defender o que foi Jakobosland non só para os viquingo. Onde todo tempo deixou pegada: arcas megalíticas, confín dos castros, emporio mineiro para os romanos, reino suevo estruturado en parroquias, onde os templos serviron de escolas de latín e onde o monacato organizou e humanizaron este cabo do mundo. País de filosofía céltica, queremos dicir animista, panteísta, da eterna saudade polo retorno a un "Paraíso perdido", onde as pantasmas liberadoras de Breogán, de Arturo, ou de Carlomagno fanse imaxe no cabaleiro Santiago, despois interesadamente manipulado. Terra das Matres Gallaecia, paridora, esquecida nai de nacións, de emigrantes, de misioneiros e soldados a construír outros países. Galiza do ouro e dos ourives, referente en tempos de Teodosio, con persoeiros buscadores do oriente, da Palabra e da Lei: a viaxeira Exeria, Prisciliano, Bachiario, Orosio...de orientados misioneiros capaces de acoller ou de inventar a tumba do curmán e "Amigo del Señor" nas pasaxes íntimas do Tabor e de Gethsemani , o irmán do evanxelista Xoán, os fillos de Salomé e do Zebedeo... un novo Xúpiter, "Fillo do trono" ó que se lle atribúe a evanxelización da Hispania que vai da Galiza Fisterrán, da Raíña Lupa, ó río dos Iberos, onde se lle aparece a Virxe sobre un piar pagán... Historias ou lendas que se expresan na arte, como no retablo de alabastro regalado á catedral compostelán no 1456 polo párroco inglés John Goodyear. Historias de ascese de penalidades, entre monstros e tentacións, nova odisea , preámbulo da peregrinación. Páxinas sobre os lugares sacros, como Santiaguiño do Monte, o Pedrón, O Castro Lupario, Dugium, o Monte Ilicino ou o Pico Sagro... e a Arca marmórica, memorial no Monte. Libredón.... e a aparición do sartego ó ermitán Pelaxio de Solovio, alá polo 813, tempos do bispo de Iria Teodomiro, de Alfonso II e de Carlomagno o emperador... sobre as relacións con Aquitania, Borgoña, Provenza... Trunfo do Románico. Libro sobre a nómina interminable de peregrinos: Césareo Abad de Monserrat que aquí reclama a se tarraconense, o Cid, o Rei de Francia Luís II, San Francisco, Isabel de Portugal, o alsaciano Hermann Künig Von Bach, no 1496 autor dunha guía....o Gran Capitán, no 1510; no 1613 o irlandés O´Sullivan, o rei escocés Xacobo III Estuardo... Memorias recollidas do Códice Silense, da Compostelán, do Tumbo A, do Calixtino... Cóntanse as lendas do asturiano bispo Adaulfo sometido ó xuízo dun touro, que mansamente pousou a cornamenta no colo do procesado, como sinal de inocencia... a ofrenda das cen doncelas; a toma de Coimbra e a visón do cabaleiro Santiago... o conto do peregrino bretón morto e levado milagrosamente a Compostela nun bridón branco... a do aforcado inocente e o galo de Tolosa, Silos ou Barcelos....a historia do nauta Frinoso e a intervención milagrosa do Apóstolo ó encontrarse cunha nave dos mouros...a historia de Guillerme IX, Duque de Aquitania que morre ante a tumba do Apóstolo... A historia do cenobio de Canogio (Conxo) creado por Xelmirez pra monxas bieitas, coa horta de frutais e até unha piscifactoría no Sar... a historia do bispo nigromántico Muñiz de Trasouto, co seu don da ubicuidade; a da imaxe da Virxe de Santa Clara que foi de dona Violante, a muller de Alfonso X... a lenda do ferreiro Xoán Tuorum condenado, que implora ante a imaxe da Virxe de Bonaval, pra caer alí morto... a triste historia romántica da monxa aforcada de San Paio... Contos, lendas que inspiraron obras de arte... E esas tres cousas, baixo o sol ou a chuvia: A Porta Santa, o botafumeiro e o Coco e a Coca, os xigantes bailando... "Se non é vero e ben trovato", repetía Filgueira e desa romaría e feira seguimos a vivir.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook