OFinancial Times vén de recomendarlle a Mariano Rajoy que deixe de governar para o seu partido e governe para o seu país. Eu pensaba que desde fóra non se notaría tanto, pero a cousa debe de ser máis meridiana do que nos parece desde dentro. Tamén lle recomenda que mire para os nosos viciños portugueses, que xa hai meses que están a governar para a nación e non para os intereses partidistas e que, actuando deste xeito, acadaron algunhas cousas. Que cousas? Pois verán, os portugueses case teñen conxelada a súa prima de risco. É certo que a súa é máis alta que a nosa, pero hai case un ano no que as subidas e baixadas son mínimas e a recuperación económica do país, aínda que escasa, existe. Xa desde tempos inmemoriais, os éxitos literarios, deportivos ou científicos serviron aos governos como cortinas de fume para tapar as miserias da situación económica ou política na que vivían os seus cidadáns. Agora, non é diferente. Xa saben que son un grandísimo afeizoado aos deportes. Góstanme case todos, porque fixen o esforzo de aprender as regras de case todos, e daquela, disfruto máis da súa contemplación. Mais isto non impide que me den sopa por viño. Vimos dun verán onde fomos abducidos pola celebración dos Xogos Olímpicos. Recoñezo que eu fun un deses abducidos e volvereino a ser dentro de catro anos, mais o regreso á cruel realidade foi terrible para todos. No momento que concluía a ceremonia de clausura, a banca, o paro, o resgate, a pesada da prima e outras lindezas acudían aos nosos cerebros. Con todo quixera decir algo sobre o olimpismo. Sempre durante a celebración das olimpiadas formúlase un tópico universal, o de que os países con maior número de premios Nobel son os que obteñen máis medallas. Pois no noso país non é así. Aquí nos deportes non vamos nada mal, pero en premios Nobel, en fin. O último premio Nobel científico foi Ramón y Cajal, non conto a Severo Ochoa porque a súa nacionalidade era norteamericana e porque foi nos EEUU onde realizou os seus experimentos. Outro día falarei máis dos pasados xogos, mais non dos nosos deportistas senón de toda a caterva de dirixentes das federacións que están afogando a formación e perfeccionamento dos nosos atletas. Agora, só unha súplica, unha súplica coa que me uno á de milleiros de madrileños que rezan para que Madrid non sexa cidade olímpica. Por que de onde se ían sacar os cartos para afrontar tanto despilfarro, sendo Madrid a cidade máis endebedada de España? Non estamos no tempo histórico de Barcelona 92. A crise cómeo todo. Pensen en Brasil. A súa explosión económica ía como un foguete, comezaba a existir unha incipiente clase media, e desde que tivo que afrontar os gastos da organización do Mundial e dos Xogos Olímpicos a súa emerxente economía paralizouse. Rajoy debe facerlle caso ao Financial Times, senón a este paso, con tanto recorte, vainos deixar sen deportistas e sen investigadores. Isto é sen medallas e sen premios Nobel.