Cando escribo este artigo, aínda non se coñecen os resultados das eleccións. Mellor para min, pois así podo escribir con máis temperanza e nobreza. Por moito que un tente distanciarse das campañas electorais, sempre o acaban salpicando. E cando un está salpicado toma partido por algún rumbo para a súa nación. É inevitable. Por iso, estou moi contento de non saber nada sobre os gañadores e os perdedores das presentes eleccións. En fin, perdedores nunca. Porque xa saben que os señores da política nunca perden. Pase o que pase, gañan todos. Tamén quero congratularme de que nesta ocasión a campaña teña sido menos ruidosa. Menos coches con altofalantes pola rúa. Menos cartelería. Parece como se os nosos próceres comezasen a entender que en quince días ou nunha semana, só mudan de opinión uns poucos. Iso está ben, porque as campañas son costosas e non está o país para gastar cartos en eleccións. Pero mentres uns se ían alonxando das nosas vidas, outros personaxes e outros asuntos aterraban nelas. O xuízo do Prestige traía, desde a lembranza, a traxedia dun barco que de prestixio tiña ben pouco. Unha marea negra que golpexou as nosas costas como nunca até o momento. Unha ameaza, por certo, da que aínda hoxe non estamos libres. O xuízo puido celebrarse nalgunha sala dos xulgados. Son momentos de apretarse o cinto e tamén de apretarse no espazo as súas señorías, porque montar toda a parafernalia que se montou para esta vista costou unha pasta, e non está o país para gastar cartos en xuízos mediáticos. O que resultou vergoñante, foi que só un responsable político estivese sentado no banco dos acusados. Como nos poden tomar o pelo deste xeito? O que agardo é que o xuízo non se eternice e poidamos pasar páxina canto antes. E a ver se somos quen de pasar páxina tamén co tema das caixas e as súas indemnizacións millonarias a exdirectivos. Este venres coñecíamos que José Luis Pego deberá presentarse diante dun xuíz cada quince días. Non está mal, pero neste asunto hai moita máis miga. Hai moitos máis implicados, e o máis importante, hai moito diñeiro que devolver. Porque a xente o que está pedindo é isto último. Para que serviron tantos anos de Mario Conde no cárcere se a súa fortuna segueu medrando? Os cartiños, o que hai que facerse é cos cartiños, que non está o país como para ir repartindo indemnizacións millonarias a esgalla. Por non falar das preferentes. Un escándalo que segue afeando a conducta humana da nosa sociedade e no que se nos descobre a morte da inocencia. Algo que como democracia non nos podemos permitir.