Ábrese o tempo de Nadal e pese á invernía e ás limitacións presupostarias renace o intento por mudar a rutina, por sementar ledicia, con luz, cores e músicas. Os gobernos locais van tomando nota da Europa madura e montan nas prazas os mercados de Nadal. Neles ofrécese o propio da festa, adornos, grilandas, bolas, árbores, musgo, acivro artificial e natural, cortado con autorización... turróns, mazapáns, doces e licores feitos con segredos de casa ou de convento. - todo ese universo de figuriñas feitas artesanalmente en barro ou noutros materiais. Todo o que cómpre para a instalación sempre inacabada do Belén. Arredor dun portal, onde a Nai, o Pai, o neno recén nacido, a mula e o boi son o elemental principio. Un cortello e unha familia entre dous animaliños domesticados do común. Quizais no alto, empoleirada, a figura dun anxo que abre os brazos, maniféstase e estende unha pancarta. Reclama o que significan tres sinxelas letras: PAZ. - sobre os anxos e no ceo, a escintilar, a estrela de purpurina ou de espellos.

Declarámonos defensores da instalación do Belén, con todo o que se puxo sempre baixo o portal, reis magos incluídos. Ó menos como se nos ensinou antes e mandaba a Santa Madre Iglesia. Nada do bandulleiro Papa Nöel cervexeiro, nen montañeses apalpadores pervertidos, enganando como parviños ós nenos cunha presa de castañas pilongas. Se acaso incluímos a árbore e incorporámola ó Belén, por aquilo que levamos prendido de panteísmo, do vello culto ó ramo festivo, cuberto de froitos, de ilusións, de regalías, de esféricas sementes, de ovos preñados de porvir... e que, coa mercantilización, pasarán a representarse en fráxiles e multicores pezas de bazar. Significa a árbore da vida, con raiceiras na terra e xermolos madurando en froitos cara á luz do ceo. Símbolo pagán no tempo do Nadal e no primaveral dos dos Maios, cando canta o cuco... para presidir procesións e ser cristianizado pola Santa Cruz, a "Árbore de Redención". Pero nin así: neste tempo tan acelerado nos cambios, a cabeza visible da Santa Madre Igrexa, o papa Bieito XVI, acomete tamén coas desapiadadas tesoiras polo máis fráxil e por onde non debía, pola poesía inxenua da instalación do Belén. Non sei por onde anda o Espírito Santo. O sucesor na cátedra do pescador Pedro métese a historiador, e entre misterios, textos dos evanxelistas e suposición escribe un libro sobre A infancia de Xesús. Déixanos descolocados e baixo o portal suprime a representación da natureza animal domesticada. Conclúe en que nada falan os evanxeos do boi, nin da mula e que a estrela era unha supernova que lle cadrou pasar por alí? Suxestiónanos co desafiuzamento, o despexe e o desterro do boi e da vaca do portal. Non observou o Papa historiador ós monstros, ás escenas eróticas, pornográficas, de zoofilia que decoran os templos románicos para iniciar unha nova campaña antiartística de correctores braguetones. Pacíficos animaliños os do portal de Belén, escena ecolóxica, humilde, na que se inspiraban os cregos de antes as súas homilías de Nadal, os músicos para os vilancicos... Que si a quentura, o bafo na fría xeada.... - dende agora, os máis papistas das asociacións belenísticas aplicarán á instalación menos palla e máis gasas nas que María envolve ó recen, que neses matices se anda. Cueiriños quizais de liño, os que preconizan o que lle pasará trinta e tres anos despois a aquel neno feito mozo, cando as tres Marías recollen o sudario do resucitado no seu sartego: cueriños no portal, mortalla na sepultura... e sempre a esperanza. As figuriñas do boi e da vaca poden pasar ó desterro do rocho, a un anticuario ou a todocoleccion.net. De facerlle caso ó Papa, o señor Manuel, a quen todos os nadais o Concello lle ofrecía unha paga pola cesión do boi e da mula pro Belén vivinte, este ano pode quedar tamén no paro. Non sei que diría o papa bo Xoán XXIII , que si por quitar, habería que quitar tanto supermecadeo superposto que tampouco está nos textos sagrados. O amigo, profesor e coordinador da UNED, don Luís, párroco de Xestoso, atento ó acontecer que atenaza ós fregueses, ofrece a imaxe dun portal precintado, aplica o verbo e ben di na súa pastoral que "Bieito XVI ten razón: no portal o que estaban eran os banqueiros e os políticos corruptos e a historia encargouse de disfrazalos..."

Quizais se queira representar a aldea ideal de Belén -na que poucas veces houbo paz- como máis urbana, como un Manhattan, sen animais labregos e sen cheiro a esterco, sen orneos nin muxidos salvaxes e máis noites de branco satén. Tampouco é unha novidade, pois nalgúns tímpanos e retablos góticos ou renacentistas represéntase o nacemento na cama, María: como reina, rodeada de asistentas, de visitantes interesados e Xosé sentado, sempre caviloso nos misterios e nas milagreiras interferencias divinas.

Gustamos da instalación anual do Belén na que a tradición permite soltar a creatividade persoal sobre un estrado, nun recuncho, nun cuarto da casa, na parroquia. Onde todo cabe, o bo gusto ó estilo napolitano ou o melindroso kitsch, dende o máis sinxelo ó máis barroco, improvisado ou moi pensado. Beléns anacrónicos con desertos, pirámides e oasis de palmeiras cubertos de neve, con montañas e covas onde alternan figuriñas de barro decapitadas, eivadas polos anos de uso, ou novas do trinque, quizais tamén un argamboy, un madelman ou unha barbie que o pequeno contemporáneo da casa quixo incorporar á escenografía como aporte persoal. Democrático Belén no que asoman figuras de tiranos e infanticidas reis, como Herodes á porta do seu ameado castelo castelán, dialogando con tres meditabundos magos, seguidos dunha caravana de camelos, de humildes pastores con ovelliñas soltas, de lavandeiras, de pescadores, de ferreiros e cagóns a carón de casiñas feitas con cortiza de sobreira, acendidas con nostálxicas luceciñas tras vidros de celofán en todas as cores?Unha granxa na noite con galo empoleirado cantando sobre o cume do seu tellado. O maxín dos artífices do Belén céibase para representar a maxia dunha aldea feliz: torrentes de auga dende unha billa aberta, incluso trebellos eléctricos, convertendo ás figuriñas en autómatas, movendo as moas dun muíño, o bater do mazo dun ferreiro?fondos de papel azul pintado con estreliñas de prata nunha insólita noite de luz e de paz. - como banda sonora a bater nas lembranzas ou cantados a coro familiar tantos vilancicos e panxoliñas... nelas o "probe do San Xosé", entre galegos e xitanos, entre "turu-rus, porompoperos e rin-rins yo me remendaba yo me remendé"... escarnecido, cos calzóns roídos polos ratos e o desprezo do neno por pinchalo coas barbas... Creacións sacras e profanas entre o bater de latóns, cunchas e botellas.

Na Galiza dos camiños, con mesóns de parada e fonda, identificándonos cunha aldea que acolle baixo un pendello a unha familia. Naquel Oriente transitan guiados polas galaxias cara un lugar de nacemento, neste Occidente diríxense cara á misteriosa tumba dun apóstolo. Por algo a Epifanía, a adoración dos magos tan representada en labiríntica e misteriosa terra de confíns, de magos e de meigas.

Sentimos ben que entre as artesanías populares e mesmo da ansia infantil das escolas desaparezan esas mañas de reconstruír unha aldea feliz nun día de nacemento. Nada sobra do que contribúa á creatividade, á alegría, ó encontro e á paz.

* Felipe Senén é museólogo e Técnico de Xestión Cultural