Hai unha semana escribía nesta columna sobre o laberinto palestino. Pois ben, sete días despois os palestinos continúan na primeira liña da información. A Asamblea Xeral da ONU aceptou a Palestina como Estado Observador por 138 votos a favor, 9 en contra e 41 abstencións. Israel e EEUU votaron en contra, e con eles Canadá, Panamá, República Checa, Nauru, Palao, Micronesia e Islas Marshall. Chama a atención que Reino Unido e outros países da Commonwealth non apoiasen nesta ocasión ao seu aliado norteamericano. Pero esta vez, todo estaba pactado para que a resolución da ONU saíse adiante. A data que se elexía non era casual. Xusto un 29 de novembro de hai 65 anos, Nacións Unidas aprobaba a existencia de dous países, un hebreo e outro árabe, na rexión de Palestina. Tan pactada estaba a votación que, horas antes da mesma, senadores demócratas e republicanos estadounidenses presionaban a outros países para que cambiasen o seu voto e, incluso, presentaron un proxecto de lei para sancionar á Autoridade Nacional Palestina pola súa decisión de levar á Asamblea Xeral da ONU a súa petición de recoñecemento como Estado Observador. Onde quedan as palabras de Obama no seu discurso de Al-Cairo? Que consecuencias ten a aceptación de Palestina como Estado Observador para os palestinos? Pois depende como se mire. Para os cidadáns palestinos que viven nos territorios de Gaza e Cisxordania case todo seguirá igual. Seguirán sufrindo controles do exército israelí, seguirán con problemas sanitarios, de escolarización dos seus fillos e con deficiencias alimentarias. Sen embargo, para Palestina representa a posibilidade de visualizar con máis asiduidade un conflicto que permanece enquistado desde hai décadas. Ademais é posible que poida levar diante da Corte Penal Internacional a Israel por suspostos crimes de guerra ou por xenocidio. Mais isto vai ser complexo porque EEUU xa amenazou con que retirará a súa axuda humanitaria á Autoridade Nacional Palestina se leva adiante ese paso. Pero os palestinos, con todo, están contentos. Houbo celebracións nas principias povoacións de Cisxordania: Nablus, Belén, Ramala. Lugares onde os palestinos seguiron nos seus televisores o plenario da ONU e onde se botaron á rúa para festexar o resultado da votación. Outro tanto ocorría en Xerusalén Leste. Non sucedeu o mesmo en Gaza, onde a cidadanía anda máis preocupada en reconstruir a súa vida e os seus edificios despois dos últimos bombardeos xudeus. Curiosamente, aquí en Gaza, déuse unha das imaxes máis impactantes da xornada. Un home enarbolaba conxuntamente as bandeiras de Palestina, Hamas, Al Fatah e a Yihad Islámica, tentando, así, dar unha pincelada de unidade ao fragmentario panorama das organizacións palestinas que existen na Franxa. Mahmud Abas aparece como vencedor diante dos seus, e o premier israelí Netanyahu como un negociador inflexible diante dos seus. A política hebrea para os próximos anos quedou definida pola intervención do embaixador israelí na ONU, Ron Grosor, ao afirmar que "non hai resolución da ONU que poida botar por terra os lazos do pobo xudeo coa terra de Israel". Se a isto engadimos as palabras de Netanyahu, cando dixo que non consentiría que Xudea e Samaria (Cisxordania) e Gaza se convirtan en bases terroristas iraníes, fainos pensar que o conflicto na rexión vaise alongar durante anos.