Non está o forno pra bolos aínda que o mimético greco-carioca deus Momo, confeccionado en cartón pedra, campe e presida dende o Obelisco o Entroido coruñés. A picaresca madurada, a realidade das trampas e da trapallada pesa coma nunca. Máis asúmese, espállase, pérdese medo e respecto para unha posible rexeneración. Entre tanto, neste inicio primaveral segue a mandar a forza bruta da tradición, a esencial válvula de escape das Carnestolendas, concentrada nos tres días, aguilloada pola forza do instinto que convoca á catarse, ó aquelarre colectivo e sae á rúa disfrazada. Domingo de Entroido, no que cada parte de Galiza ofrece a compartir nas rúas ou sobre as mesas as máis tradicionais receitas de diversión e gastronomía, presididas pola carauta, a cachucha e a carne servida en bandexas populares. Retranqueiras chirigotas, charangas, históricas tradicións enmascaradas de creatividade. Saber mudar, revirar, revestirse, cambiar de cara é proba da axilidade e da madurez do individuo e dun pobo, ó que a pesar de todo tachárono de estático e mesmo de ter a cabeza dura como a pedra que configura as nosas paisaxes. Cando esta é unha cultura de cabo do mundo, aberta, de portos, de camiños, de encrucilladas, de xentes da feira e da festa, do comercio e que emproan a andaina cara todas partes. Os galegos non protestan, emigran e así seguimos, antes e despois de que o dixera Castelao. Sempre coa ansia de servir, de enxergar, de engulir e furar polo labirinto do mundo pra resolver a vida, maiormente dos demais...

O Entroido é tradición e busca, multicolor variedade que abre e florece cas mimosas e as camelias. Cando toda Galiza se cobre de multiplicidade de máscaras con nomes propios, Cigarróns, Boteiros, Pantallas, Volantes, Felos, Charruas, Zamarreiros, Galans, Gamaichiños, Madamitos, Troiteiros, Ganachos, Merdeiros... e tantos outros. A mesma Coruña -a que xa soubo máis do que sabe ofrecer tradicións, tanto no desbordado San Xoán, como no Entroido- ofrece dende a noitiña as máscaras dos choqueiros, a ir e vir, a mesturarse entre a anormalidade de comparsas e músicas da rúa da Torre, a que se deixa levar polo ronsel de luz do faro milenario. Cidade adobada de certa nostalxia romántica, naquel entón decimonónico rebuldeira en teatriños e círculos sociais. Para este tempo tocaban os apropósitos, operetas con cuñas retranqueiras do acontecer coruñés, con pegañentos retrousos e ferretes cantados e aplaudidos polos asistentes de butaca e galiñeiro, os que perduraron e repetíronse durante anos e aínda petan no subconsciente dos máis vellos. - detrás o enxeño entregado para a ocasión, letra e música de personalidades, escritores, artistas, músicos ou xentes da farándula, Canzobre, Nito e agora Antón de Santiago... Eles tiveron o mérito de avivar a creatividade entre o gris das burocracias, as bixuterías das alcaldadas e as decisións cuarteleiras.

Festa que nace da espontaneidade natural que pregoa a primavera. Non fan falla reunións nin programacións para convocar ó Entroido. Brota por que si, como unha instintiva necesidade vital pra por a proba o estado anímico da sociedade, a que se revela e rebela. No Entroido non manda a economía, nin os gobernos que a atesouran e a reparten a súa comenencia, manda o instinto, a tradición, a creatividade, a liberdade, o humor.

un inspírase neso no que vive e no tema dos cefalópodos somos os galegos os que máis sabemos, polo tamaño e as aletas distinguimos as luras xigantes dos pequenos chocos. Os que os pescadores enganan e pescan con algo que brille, na noite vanse á luz e rematan picando nas trampas. De nada valen os seus inxenuos chorros de tinta negra. Pra rematar sendo apetecibles choquiños ou choupiños guisados, encebolados sobre unha mesa. Tapas ou racións imprescindibles nas tabernas que resisten os embates globais nas Atochas coruñesas, arredor do Campo da Leña. Prato esencial nesas aulas abertas, de garda permanentemente para apagar soidades, entre cunca e cunca, sen faltar a merendiña dun petisco de cachucha, de orella ou de androlla, xunto coa propina dunha filloa ou orella de frade azucrada. Tabernas noutrora veciñas dun Papagaio de literaturas non de todo contadas por un Nobel. Ateneos onde puido ser, cultivarse o fado e o tango, mais foron cánticos, tamén tristes e que deron orixe a corais, como a centenaria Follas Novas que xa é dicir. Este é o atractivo e rebuldeiro Monte Alto, o particular Montparnasse coruñés, con cemiterio incluído, universidade popular de Manuel Rivas e dos diplomáticos Bravús, liderados por Xurxo Souto, os que nunca faltaron á cita do venial pecado orixinal do santo Entroido coruñés. Tardiñas con burbullar de choqueiros, como un barómetro sobre o estado da cuestión anímica. Tradición e identidade da vella Cruña.

Nome de choqueiros coas súas choqueiradas, mesmo con lembranzas a ovos chocos, podres ou que nada teñen dentro, a fedorenta auga choca, tamén con alusión ás chocas ou chocallos, cinzarros, axóuxeres, campaíñas a choquelear... pero tamén ós chochos e ás chocheiras...verba de difícil procedencia, co significado dun aqueloutro ou casulo oco, revestido e que parecendo ofrecelo todo nada teñen dentro. Así pois os choqueiros son esas máscaras que se visten de calquera cousa pra meterse coa rutina enviciada. Choqueiros que nada teñen que ver coas selectas, estudadas e custosas máscaras de salón, de catálogo ou da alta costura, recubertas de abelorios, bixuterías e purpurinas, coas performances venecianas, tinerfeñas ou cariocas, feitas para os pasmóns e para os fotógrafos. O choqueiro, como a "mascarita da borralla", a que botaba cinza do remol das lareiras, en alusión á quentura, á fartura, é todo o contrario, está o alcance de calquera, depende do humor e mais da improvisación, mesturando e dándolle a volta a todo, ó home coa muller, ó pasado co presente, ó de arriba para abaixo, ó de diante para atrás.... Pero iso si, sempre pendurado no traxe, no andar, na voz, a leria, a graza , as choqueiradas dos choqueiros. Costa hoxe provocar a atención cando polos despachos, polas rúas ou polos plasmas batemos de fronte con tanta provocación.