13 de marzo de 2013
13.03.2013

Sada vibrou na VI Edición Internacional de Cantautores con Paris Joel e outros famosos

13.03.2013 | 00:00
Sada vibrou na VI Edición Internacional de Cantautores con Paris Joel e outros famosos

Co cantautor Paris Joel falla aquel dito "ninguén é profeta na súa terra". Paris triunfou en Sada, onde naceu.

O venres cóubolle o honor de se celebrar na turística, mariñeira e industriosa cidade de Sada a VI Edición Ecuménica, como se fose unha bienal ou os premios Goya; mellor, a VI conmemoración dos seguintes cantautores, "comandados" polo seu fillo Paris, en cuxo berce naceu, viviu e vive.

Sempre lembrarei os motivos que me deu o recordado Moncho, de feliz memoria; do Papa gobernante diríase felizmente reinante, para explicarme as razóns do de capital turística.

Entre os principais trobadores (sic) que asistiron ó acto, saudamos a un grupo de "internacionais"; topamos ós coruñeses: o veterano e inmorredoiro Xurxo Mares, César de Centi, Tonblue, Carlos Valiño, Pablo Rubén Fernández. De Sada: Paris Joel e Xurxo Prieto. De Santiago: Tato López e Drensán Dres. De Ferrol: Rubén Artabe, Marcos Mella e Miguel Castro. De León, o máis "Internacional dos presentes": Alfonso Salas. Outros xograres como o cantautor Albert Plá, escusaron emotivamente a súa asistencia por compromisos da axenda anteriormente contraídos. Todos colaboran vocacionalmente, léase "gratis et amore", para manter aceso o facho daqueles vates, bardos ou trobadores medievais que nos transcriben os seus cancioneiros en castelán e en galego. Entre estes últimos botamos moito de menos o xa consagrado trobador Carlos Bau, quen obtivo o premio nacional de música á mellor canción en galego.

Prestixiou o acto, coa súa presenza a concelleira de Cultura, dona Almudena Pena, quen retirou este cultural e formativo evento do programa de festas do concello turístico de Sada; xa se decataría, polo seu atento interese, que fitamos, do que perderon aquí ó non actuaren no cartel de festas da cidade.

Repasando o que é un cantautor, é un artista; normalmente é o autor da letra e da música das súas cancións. Soen ser estas de temática social, política, persoal e filosófica, pero os nosos cantautores actuais cantan ó amor como fixeron no incomparable marco de La Terraza, aínda que algún rememorou, de esguello, a canción protesta, xénero reivindicativo, que critica as inxustizas sociais e ó que temos que volver, por desgraza, non co látego coma Xesús, senón con? pólvora e magnolias? Falei con eles e palpei a nobreza e boa intención que os anima: "A xenerosidade e o corazón aberto dos cantautores dáse en moi poucas vocacións".

Desde aquí felicitamos a acollida enxebre de La Terraza pola súa colaboración e atencións ó numeroso público. La Terraza é un dos símbolos de Sada. Ata que nos dean outra oportunidade para engrandecer esta bela cidade. Desde aquela primeira edición na terraza do Bar Oasis en agosto de 2007, seguimos loitando.

Moi difícil sintetizar ós veteranos do grupo no que os hai moi sobranceiros como Xurxo Mares, quen consagrou o seu lema: "Nosotros hacemos canciones para la posteridad y vosotros sois unos privilegiados porque las podéis escuchar ahora". Aquí vai parte da súa creatividade. Desde chaval, nos anos 70, actuaba na Nova Canción Galega, en Voces Ceibes, co seu peculiar xeito de tocar a guitarra: Un genio, Gira la rueda, Sombras y luces, Vuela, Errores, Camelot, Amigo. Hai que oílo e escoitalo.

que dicir de Paris Joel? quen en Madrid se licenciou en Interpretación na Real Escuela Superior de Arte Dramático y Danza no ano 1974. "O alter ego" de todos os cantautores, "Obreiro da música" como se di el, o Papa diría humilde traballador da viña do señor, pois Paris coa súa guitarra de pau e unha frauta de Cadea Cien conseguiu chamar a atención da Fundación Autor desde a cidade autónoma de Melilla, conseguindo un posto de semifinalista nese afamado Certame. Accesit tamén no concurso de maquetas de Cuac FM coa súa canción De tu blog no apartado da mellor canción da Coruña e comarca. Dúas veces finalista do Certame Coruña Son 08 e 09, do Concello da Coruña, sendo especialmente nomeado no ditame final. Ganador por dúas veces consecutivas do Concurso de maquetas Sadacústico, sendo o máis votado, e outros moitos premios e intervencións de festivais internacionais de cantautores, Pamplona, etc. Ten editados cinco discos como cantautor: Cosas Tristes (2005), Tiempo (2006), Virtualidad (2007), Las canciones Prohibidas (2008) e Recetario (2010). Para comprobalo: http://www.parisjoel.com/ e para estar connosco: parjo@hotmail.com.

Gustaríanos falar de todos, pero manda o espazo, e recordamos por último a Marcos Mella, quen actualmente escribe temas para a editorial Clippers, que traballa cos artistas máis importantes do panorama nacional e envía a todos aqueles locais que lle abriron as súas portas e a todos ós colaboradores dos cantautores, o agradecemento de todos.

Remataba eu hai tempo, falando destes "benefactores da humanidade": "Haberá fins máis sublimes que os destes idealistas nos tempos que corren...? Colaboremos asistindo ós seus concertos e dando a coñecer esta actividade tan altruísta".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook