Imos falar do difícil que é chegar a Santo e aínda máis difícil que llo recoñezan.

Nos primeiros séculos da Era Cristiá non se usaba o procedemento actual para a proclamación dos santos. Bastaba soamente a chamada "vox populi". Pero máis adiante fíxose necesario un exame máis profundizado. Así, despois que a voz popular glorificaba a unha persoa que vivira santamente o Bispo da Diocese convocaba ó consello e daba lectura a unha vida do defunto e a unha historia dos seus milagres. Se tales lecturas convencían ós presentes, o morto era proclamado santo. En resumo tratábase dunha especie de proceso. Moito máis adiante o procedemento foise perfeccionando coa institución dun tribunal propiamente dito, do que, ademais dos xuíces, formaban parte os avogados defensores e o Promotor da Fe -sempre un sacerdote ou relixioso-, a quen os fieis alcumárono axiña co título de Avogado do diabro, xustamente porque se atrevía acusar a persoas que a vox populi (a voz do pobo) xa indicaba como santos.

Este procedemento foi codificado definitivamente por Benedicto XIV, o famoso Cardeal de Bolonia. Deste Papa, que era un home dotado de espírito liberal, moita argucia e ampla cultura, cóntase unha anécdota que podería servir para demostrar con canta severidade a Igrexa xulga ós santos. Un día conversando este Papa cun pastor protestante inglés, pediulle este que lle explicase sobre a proclamación dos santos: "Non teme vostede -preguntou- introducir no Culto a persoas que non o merecen?".

Antes de contestar, o Papa tirou da súa biblioteca un groso volume e deullo ó seu interlocutor. "Neste volume -explicou- están reunidas as actas relativas a un proceso de beatificación, os informes, os testemuños, xurados e as probas dos milagres. Léaos, así poderá formarse unha idea do noso sistema de axuizamento". Uns días despois, o pastor inglés voltou para ver a Benedicto XIV. "Lin o volume -anunciou-, e quedei profundamente conmovido. Un home que viviu tan santamente merece de veras ser glorificado".

O Pontífice sorriu. "En cambio, non será así -dixo- O fascículo que o fixen ler refírese a un proceso que os nosos tribunais rexeitaron".

Os procesos de beatificación (para as proclamacións dos santos) desenvólvense na mesma forma. Só é distinta a cerimonia final. O beato é elixido sen gran pompa na basílica de San Pedro. As súa imaxe está colocada sobre o altar e o Papa detense diante dela e reza. En cambio, a canonización ten lugar con grande solemnidade no curso dunha misa celebrada polo Papa en persoa. Durante o oficio divino o Pontífice é interrompido tres veces polos avogados consistoriais que tratan de ofrecerlle o decreto de canonización. Dúas veces o Papa rexéitao e pronuncia estas palabras: "Recollámonos en oración", seguindo coa misa. A terceira vez, en cambio, acepta o decreto e anuncia en voz alta que desde ese momento "O beato... debe ser inscrito na lista dos santos". Antes de acadar este alto recoñecemento, unha persoa morta "en olor de santidade" debe pasar unha escala xerárquica. Primeiro, será Servo de Deus, logo Venerable, despois Beato e por último Santo. É inútil dicir que no paso dun estado a outro poden transcorrer séculos, e non está dito que un Servo de Deus ou un Venerable, sempre debe chegar ós grados superiores.

Como se se tratara dun proceso puramente informativo pode ser comezado por calquera, sexa laico ou relixioso, que poida demostrar que, segundo a vox populi; unha persoa viviu santamente, é un proceso informativo sobre a vida, as virtudes e os milagres do morto. A continuación o informe entrégase á Sagrada Congregación de Ritos e copias do mesmo irán ás mans do Avogado do diabro, ós avogados (que tamén poden ser laicos) e ós postuladores, é dicir, ós que promoveron o proceso.

Os defensores tratan de demostrar a santidade do seu patrocinado, mentres o Avogado do diabro desenvolve unha acción quen está autorizado para interrogar ás testemuñas segundo o seu parecer.

Se as investigacións non encontran obstáculos o proceso debátese no seo da Sagrada Congregación de Ritos da que forman parte 14 cardeais e outros bispos. No curso da discusión o Avogado do diabro fará o imposible para obstaculizala. Pero se igualmente se pronuncia un veredicto favorable necesita un permiso papal para a prosecución do proceso. O Papa está informado pero non decide ou acorda nada. Superada esta fase, o proceso entra no vivo da cuestión. Examina unicamente as virtudes e discútenas en tres audiencias, escoitaranse as testemuñas, os defensores e a requisitoria do Avogado do diabro. Logo da terceira reunión faise unha votación en presenza do Papa. Se os votos son positivos, o examinado poderá asumir desde ese intre o título de Servo de Deus ou de Venerable, o que representa unha gran vitoria para os postuladores.

A segunda parte do proceso refírese á proba dos milagres. Que para que o proceso siga adiante é necesario demostrar polo menos dous milagres. Se o éxito é favorable destes dous controis. O Servo de Deus é proclamado Beato.

Para chegar por fin a canonización (despois de moito tempo) cómpre demostrar que o Beato fixo outros milagres...

Sabía vostede que a Cristóbal Colón, que merecera a gratitude da Igrexa por ter levado a outros pobos a luz da Fe, quixérono beatificar, e o seu expediente leva centos de anos esperando que dea o seu aprobado o Avogado do diabro. Remataremos outro día.