Amiña xeración medrou entre noticiarios da guerra de Vietnam a alunizaxe do home na lúa e Os Picapedra. Ao meu amigo Pepe, aquilo de Vietnam marcouno, e tivo sempre a obsesión de coñecer o país asiático. Tamén porque Pepe é un coruñés moi singular. Non quere problemas. A crise non existe en realidade. Somos nós os que negativizamos todo e así nos vai. Hai uns días Pepe e máis eu atopámonos no Obelisco. Eu coas miñas muletas e a miña máscara e el coas súas maletas de eterno viaxeiro a ningures.

-Ola. Canto tempo. Como vai?

-Acabo de chegar de Vietnam. Que país, chico, que país. Moito temos que aprender.

-Seguro.

-Nada que ver con isto, eh? Son moi diferentes. Os tailandeses?

-Vietnamitas, non?

-Que? Ah, si. Vietnamitas. Que máis ten? Son todos chineses.

-Todos?

-Si, todos. Teñen os ollos así, como oblícuos.

-Que cousas.

-Escoita, home. Os coreanos comen de todo. Alí non hai problema. Papan un canciño ou un rata sen escrúpulo ningún. Por iso non hai crise e non andan todo o día con queixumes. Os españois temos moito que aprender dos camboianos.

-E dos indios.

-Iso non o sei. Eses non teñen os ollos oblícuos.

-E como che vai?

-Xa che digo, acabo de chegar de Vietnam.

-E a familia?

-A familia?

-Si, a túa nai estaba enferma, non?

-Si, estaba. Morreu cando estaba en Tailandia. Que país, chico, que país. Enorme. Máis grande que Coruña. Unha inmensidade. Xa estou desexando volver aló.

-E iso?

-Namorei. Unha rapaza marabillosa, cos ollos oblícuos.

-Ousexa que o teu é como o de Ana e o rei de Siam pero á inversa?

-O rei de que?

-Nada, cousas miñas.

-Que país, chico, que país.

-Cheo de siameses, supoño.

-Pero de que falas? Se o dis polos gatos, que saibas que alí tamén os comen.

-Que voracidade.

-Teñen outra cultura. Ao final todo é cuestión de cultura.

-Claro, Pepe, claro. Cuestión de cultura. Que vaia todo ben, e xa nos vemos, eh?

-Si, nos vemos. Ciao, amargado.

Por suposto, Pepe, non reparou nas miñas muletas, nen na miña máscara. Se cadra pensou que estaba doente e non quixo molestar. En Vietnam non hai crise, e ao mellor non hai enfermos, e se cadra non morren as nais. Calquera día Pepe viaxará á lúa ou aparecerá como invitado estelar nun episodio de Os Picapedra. É imprevisible.