27 de julio de 2013
27.07.2013
si home si

O maquinista como novo Mangouras

27.07.2013 | 02:03

Confeso que en canto souben como se produciu o terrible accidente de Santiago, dei por certo que fora polo que eufemisticamente chamamos fallo humano, e na vida real é botarlle a culpa ao condutor. Deino por certo coa miña experiencia como condutor de vehículos a motor de catro rodas, en base á que nunha autoestrada coñecida, se logo dunha recta de 4 kilómetros a 120, vén unha curva pechada que hai que dar a 40, sábese, con sinalizacións ou sen elas, que non hai outra que ir pisando o freo antes. Pero eu non levo un tren, senón un coche, e non dos que corren moito, así que para distribuír culpas e responsabilidades, case prefiro agardar a que se fagan as investigacións pertinentes. Porque esta situación recórdame a outra de hai dez anos e pico, na que un dos protagonistas tiña tamén o pelo branco. Coñecémolo por Mangouras, natural da illa de Icaria, e este ímolo coñecendo por Garzón, de Monforte.

A min non me parece mal que nestas ocasións saian enxeñeiros a pilas, que opinen -sen dúbida influenciados polas películas nas que un botaba carbón na caldeira e o outro guiaba- que nas cabinas das locomotoras ou tractoras van dous maquinistas. Ou que aínda haxa quen se pregunte se esa explosión que se ve na gravación do choque non será reveladora de que houbo algún artefacto (ou xa postos, de que a Orquesta Mondragón estivese tocando no palco da festa de Angrois). Os foros de opinión dos medios de comunicación serven para que cidadáns sensatos fagan iso, expresar a súa opinión, e tamén para desaforar, para que a sanidade pública aforre unha chea de cartos en tratamento asistencial a xente que se desafoga aí sen gasto ningún. Pero home, a xente que facemos os medios deberiamos de ter algo máis de sentido.

Imaxes de xente morta ou na agonía teñen un tremendo efecto, si. Pero non informan de nada. Nas películas vemos todo tipo de mortes (mesmo hai un programa que conta mil formas de facelo), pero esa xente non ten familiares que terán que soportar a imaxe dese ser querido para sempre. Tampouco é noticia que chore e berre a xente que acaba de perder un fillo. Seríao que se puxese a bailar. Non fai falta empotrarnos nos ollos primeiros planos desas caras descompostas pola dor. Nin os funerais son sitios para preguntarlle a ninguén como se sente. Como se vai sentir? Contento de que corra o escalafón familiar?

Pero volvendo a Garzón, o que me recordou a Mangouras é a saña en atacalo. Sen necesidade. A Xunta fíxoo máis que ben. Ninguén lanza graves acusacións ao goberno. Nin sequera se sacou punta desa ridícula nota solidarizándose primeiro cos composteláns e logo cos afectados polo terremoto de Guansu (China). Entón a conto de que vén por parte da prensa adicta e logo por todos os papanatas, a miseria de sacar un chiste que puxo o home hai ano e pico no Facebook sobre que ía a 200 por hora? Claro que ía a 200, é á velocidade estipulada. Se fose a 50 tardaría 75 minutos da Coruña a Santiago. Logo vai o Ministerio do Interior e, pasando do xuíz instrutor, detéñeno por "posible imprudencia" (é de agardar tanta dilixencia en casos de "posible" cohecho ou prevaricación). - coas vítimas sen enterrar e coas familias sen consolar, os presidentes de Adif e de Renfe xa enfocan as culpas ao tipo que, por moitas que lle caian e mereza, máis se vai botar el. Todo me recorda a Mangouras porque se están buscando un chivo expiatorio, é que algo deben querer agachar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook