A Curia, non ten porqué sabelo, vén ser como a administración central da Igrexa e que está en Roma. Tivo varias reformas, intentos de modernizar os métodos de traballo, especialmente a reforma de Sixto V, consistiu en confiar os traballos da Curia ós organismos especializados, chamados "congregacións", comisións de cardeais, encargados de aplicar a lexislación do Concilio de Trento. Reformouse en 1908 por Pío X. - Paulo VI anunciou unha nova reforma da Curia (en 1963-1965).As características fundamentais da nova reforma son: 1º Reforzamento da figura do Secretario de Estado papal, a quen corresponde convocar periodicamente ós cardeais en consello e así ata sete puntos, sendo o 7º onde di que son nomeados para un quinquenio de todos os cargos maiores renovables por outro quinquenio, se así o acordase o Papa. Todos eles cesan coa morte do Papa. Aínda que o novo Pontífice pode confirmalos ós tres meses da súa elección. Quedou aclarada a palabra "curia", que ten aínda máis acepcións. Pero o papado deulle o nome de "Curia" ó conxunto de servizos centrais de administración e goberno da Igrexa.

Lembro que nun exame de vocabulario un alumno púxome como significado de Curia: cova de ladróns. Que lle pasaría pola cabeza a este rapaz?

A Curia romana é aínda hoxe impenetrable para o simple fiel ou sacerdote que non teña padriño... Cando alguén ten que acudir a Roma, como algún caso que se sae un pouco do normal, cousa ben frecuente, dada a complexidade da vida, é tal o enredo, que un no sabe a onde se ten que dirixir. Ó mesmo tempo habería que lle dar unha inxección de vitalidade a todo ese enxame de históricas oficinas, pois se o refrán di que "as cousas de palacio van paseniño" debería haber outro refrán que dixese que as cousas dos palacios romanos a duras penas se moven. Sobre todo aquelas que son feitas normalmente sen pancas (enchufe).

Alégase que a cantidade de casos de toda clase que a Roma chega é moita e por iso é imposible ir máis a présa.

O Papa Francisco ten que ser moi prudente para facer os necesarios cambios na Igrexa actual. A Curia romana colleu moito pulo, é dicir, fíxose coas chaves da maquinaria vaticana na época na que gobernaron Xoán Paulo II e Benedicto XVI. Dise que Benedicto XVI rompeulle o espiñazo ó poder da Curia e por iso renunciou para poñer data de caducidade ó papado e a calquera outro cargo eclesiástico. Con esta acción caeron os grandes líderes dos lobbies vaticanos que cesaron nos seus postos ata que o novo Papa provea. Por iso moitos cardeais, fartos da mala imaxe que a Curia proxectaba sobre toda a Igrexa coas súas intrigas, loitas polo poder, o demais é historia, elixiron ó Papa Bergoglio por unha maioría abafante. En pouco tempo, en 120 días, cambiou a faciana ó Vaticano.

Falouse de "internacionalizar a Curia", como é a Igrexa internacional. Se a Igrexa é internacional os seus organismos claves teñen que ser tamén internacionais.

Algo que non lle gusta ó Papa Francisco son os "eclesiásticos príncipes" que non saen á rúa. Non quere eclesiásticos aferrados ó poder: Posiblemente mellorará a estrutura da Curia. Esa rede de bispos, arcebispos, monseñores que a Santa Sé ten espallados polo mundo católico estratexicamente, e colocados nos puntos neurálxicos da cristiandade é a que coñecemos como "nuncios".

O nuncio é un prelado encargado de representar ó Papa cerca dun Goberno estranxeiro. Antigamente todos os enviados dos Papas chamábanse "legados", pero a partir do século XV, este título quedou reservado ós cardeais en misións solemnes e extraordinarias. Os nuncios son os encargados de representar de forma permanente a Santa Sé.

Aínda que os hai moi bos. Onde máis visiblemente mostran os nuncios o seu afastamento da realidade circundante é a súa maneira de vivir, o que non lle gusta ó Papa Francisco. Teñen a idea que se non imitan en ton menor a pompa vaticana, non poden representar a Santa Sé. Viven nun palacio mellor có da maioría dos embaixadores e son hóspedes distinguidos en canto "cóctel", inauguracións, festas patrióticas, ou aniversario de algunha importancia se celebre. As súas aparicións entre a xente humilde son moito máis parcas xa que os pobres non soen ter grandes protocolos.

Este xénero de vida do representante do Papa, adquire ás veces características de vergoñenta ostentosidade, de falta de sentido común, de insulto á conciencia cristiá. Non se pode tapar o sol con un dedo. Seguro que o Papa Francisco, co que ademais sabe que non digo todo aquí que os nuncios e as nunciaturas ou deban desaparecer ou teñan que ser sometidos a unha drástica transformación.