Cando unha nai poderá recoñecer as calidades conxénitas dun xenio? A que idade aparecen estas calidades? O tamaño da cabeza é un sinal indicativo destas características xeniais?

Lamentamos moito non ter material de xuízo abondo para poder responder a ningunha destas preguntas que moitas nais se fan. Ata o día de hoxe non se atopou fórmula algunha, como na de dúas e dúas son catro. Ou sexa, producindo as circunstancias nas que o xenio tivese de reproducirse irremisiblemente.

A historia cóntanos, no seu longo anecdotario, que os xenios xorden como unha laparada de luz cando menos se pensa. - que tampouco hai idade certa, determinada, para que se presente diante nosa o individuo xenial. Mozart, por exemplo, empezou a compoñer música, para asombro de cantos o rodeaban e coñecían, á idade de catro anos. Pola contra, Sir Winston Churchill, a quen ninguén pode negar xenialidade ademais doutras moitas excelentes condicións, foi bastante lacazán cando comezou a súa vida estudantil, ata o punto de que foi preciso metelo algún tempo nun colexio especial que se proclamaba como "especial" para nenos retrasados.

Tampouco se pode atribuír ó xenio á herdanza. Porque o usual é que o xenio non produce xenios á súa vez. Cando nunha familia aparece un deses seres superdotados o resto dos seus familiares soen permanecer nos lindeiros da mediocridade. Johann Sebastian Bach, o compositor xenial, tivo sete irmáns, ningún dos cales sobresaíu en ningunha rama do saber humano. Franz Schubert tivo trece irmáns, pero el so, tivo o cerebro privilexiado para producir a Sinfonía Inconclusa. Benxamín Franklin foi, desde o punto de vista hereditario, o fillo máis novo doutro fillo máis novo, pero o seu pai non posuíu endexamais as mesmas calidades excepcionais có fillo.

Referíndose ó tamaño do cerebro, relacionando o xenio co tamaño, podemos asegurar que non é certo. Exemplos? Shiller e Anatole France, dous xenios indubidables, poden considerarse "cerebros privilexiados", tivéronos sensiblemente pequenos desde o punto de vista do volume. A este propósito hai un libro moi interesante dedicado a estudar as características xenéticas do xenio. Insiste este libro, reiteradamente, en que o tamaño do cerebro non ten nada que ver, en absoluto, coa intelixencia do individuo. - en que o tamaño da cabeza dunha persoa, cando é grande, non é un sinal indubidablemente significativo de intelixencia.

O cerebro da muller pesa cen gramos menos có do home, pero está demostrado que o tamaño non importa: a historia está chea de grandes mulleres que se distinguiron pola intelixencia e grandes dotes intelectuais, podéndose citar a moitas delas.

Desde o punto de vista xenético insístese que os éxitos alcanzados por algúns individuos da raza humana, ós que poderemos cualificar de xenios, son a suma dunha serie de combinacións xenéticas como tamén dunha multitude de factores individuais que non seguen un curso pre-establecido. Por esta razón os xenios aparecen nas condicións ou circunstancias máis dispares. Ou aparentemente dispares.

Se os xenios xeralmente non producen xenios e se os pais superintelixentes moi a miúdo teñen fillos mediocres, ¿como poderiamos aumentar o número de individuos xeniais co propósito de mellorar a raza humana?

Calquera recén nado é un xenio en potencia, e por iso debemos concentrarnos en darlle todas as oportunidades posibles para que un día poda demostrar as súas calidades xeniais.

Noutras palabras, que no momento no que algún dos nosos fillos demostre algo que pode considerarse diferente, deberemos tratar de desenvolver esas características intelectuais, co fin de poder apreciar ata onde chegan. Pero posto que non existe, por agora, ningún camiño científico que poidamos seguir para producir os tan necesitados xenios, miremos ós nosos fillos como xenios potenciais.