Un e trino o resultado, para compartilo en libro. Ben vale unha mesa e brinde o libro O Viño do mar. Rías Baixas. Imaxes, Historia e viño que petan no corazón, como diría Cunqueiro, que desto sabía moito. Ben acaído no tempo a súa presentación e a exposición no Centro Social de Novacaixagalicia do Cantón da Coruña, cando as uvas maduran e se preparan para a vendima. Cando o sol ouridourado se fai barroco para anunciar o celebrado outono. Benvido pois este libro editado polo Consello Regulador Denominación de Orixe Rías Baixas, modélico para dignificar e espallar recursos galegos, os verdadeiros brotes verdes de presente e de futuro. Montaxe de Xosé Díaz (Imago Mundo Deseño) en formato e páxinas que se fan agarimar ó abrirse como xanelas a unha terra humanizada; texto do gastrónomo Cristino Álvarez, seguidor de tradicións tan nosas, case de botica, entre lareiras, cociñas, lacenas e adegas, tratadas pola Pardo Bazán, Castroviejo, Cunqueiro, Jorge Víctor Sueiro... Códice contemporáneo, álbum para celebrar á paisaxe e á paisanaxe sempre en devalar, con tan fonda Historia e Tradición tras si. Ben contada e ben fiada, entre castros, Roma, homiños santos cristianizadores, cruzados, señores de castelos, normandos e peregrinos, frades do Císter, como Ero da Armenteira que, seguramente ebrio, quedouse pasmado trescentos anos mirando pra un paxariño e a natureza. Terras de fidalgos en relación coa Borgoña, Aquitania ou a Provenza, señores de torres, de pazos que se din nacidos dunha serea...e tamén de humildes caseiros, labregos e mariñeiros...

sempre o ben dito, a bendición, a palabra, a lembranza, pra enxalzar ou mesmo para mitificar, que iso tamén adorna e engrandece unha cultura. Ese barroquismo ninguén nolo quita. Valle-Inclán, os Camba, Cunqueiro, Castroviejo, Cela, Torrente... trataron destes viños da beiramar. A cultura que é algo máis que unha liturxia, antiquísimo recurso, agarda por quen saiba sentir que é poñer os cinco sentidos, máis eses outros da intuición que conforman un xeito de Espírito Santo, para logo poñer as mans, potencialo e transmitilo. Este libro é iso.

Páxinas para celebrar a viños coa orixinalidade da orixe, pra acompañar ós produtos do seu mar e da súa terra: mariscos, polbo, caldeiradas de pescado, empanada, pementos de Padrón... e xa non digamos ese manxar de triclinium que é a lamprea. Viños brancos, como se nos explica, de cepas de caste albariña, caíño, torrontes, treixadura, godello....ou os tintos, que tamén os hai nestas rías: brancellao, espadeiro, loureira, mencía, sousón, pedral, castañal...cada vide coa súas Historia. Sabéndose hoxe que o Alvariño é autóctona, mais compren máis datos a compartir coa Galiza Bracarense, onde no solemne Pazo da Breijoeira de Monçao agasallan igualmente ó Alvariño por todo ó alto.

Sabe ben Xurxo Lobato, como coordinador, o que trae e nos entrega entre mans, xa o ten demostrado de moito tempo atrás, como agudo observador e transmisor do acontecer, do contraste acultural que produce anxos pero tamén demos, da identidade como distinción nun mundo que se uniformiza pra logo aburrir. Nótase ben que Lobato é historiador, que emprega a cámara, as luces, as sombras, as cores, no so para contar, senón mesmo para facer Historia, Poesía e Arte. Son fotos para ver e beber, como os viños bos, de vagar e a modiño, a percibir os gustos e os retrogustos, a informar e formar. Así se escribe a cultura e a madurez dun país, con alegría e optimismo.

Fermoso libro para agasallar, para dar a catar as esencias dunha terra e dun tempo con tanto pouso de pasado: as Rías Baixas, ou mellor, dito de xeito máis antigo, eses "mares de dentro", como cantaban os poetas galaicoportugueses. Mares interiores formados na desembocadura de ríos, creadores de microclimas, verdadeiras rexións: o Ulla, Soutomaior, o Condado, o Rosal co Ostium Minium, que son as portas dese Miño que nos mete nos ribeiros ourensáns.... o Mar de Vigo e do Morrazo, o Mar de Pontevedra , o de Arousa

e o Salnés do Ulla e do Umia. Onde Cambados é o embigo, onde o sol no atardecer, as mareas e os pinos crean un ritmo especial que non pasa desapercibido. "A ti meu Cambados, pobre, fidalgo e soñador, que o cantareiro son dos pinares e ó agarimo dos teus pazos lexendarios dormes deitando ó sol á veira do mar", cantou Cabanillas.

Cando se ergue unha copa para un brinde, case como un cáliz, aproximámonos ó ritual da consagración. Dalgún xeito agradecemos, bendicimos, ofrecemos e compartimos o viño como produto da equilibrada conxunción entre os catro elementos, no devalar das catro estacións: sol, chuvia, terra e aire.... e baixo deles, en fiadas curvas ou rectas, a topografía humanizada, como engurras, pegadas dixitais da Historia: sementeiras, podas, atados, a ameaza das pragas, a vendima, a fermentación na soidade, na escuridade e frescura das adegas... ida e vida de coleiros... Viticultura e vinicultura en definitiva, a antiga cultura do viño, que vén de Sumeria, Grecia e Roma, que leva a socalcar montes ribeiraos nos que se perde a vista en liñas de vides, entre ergueitos esteos de pedra sobre as que tramar o emparrado, aínda polos rueiros, a carón da frescura dunha fonte, arredor do pazo, do mosteiro, da reitoral ou sobre a porta dunha humilde casa caleada. Escenarios para o ritmo cotián de labradores, vendimadores ou romeiros como os que pintaba Manuel Pesqueira, de Meis.

Paisaxes da Historia do viño das Rías Baixas, contadas por Xurxo Lobato, en matices outonais, barrocos, ouridourados entón. Libro para sentir e mellor aínda acompañados dun albariño ou si acaso dun espadeiro, ese tinto espeso, case con arrecendo a frouma de piñeiro, cantado tamén por Cabanillas.... - xa non digamos si fora un tostado, daqueles vellos, feitos con paciencia pola sabedoría dos ilustrados dos pazos. Como o marqués de Figueroa, Xoán Gil, a quen se lle debe hoxe a renovación e posta en valor dun viño noso e antigo. Labor continuada por Santiago Ruíz e tantos bodegueiros amantes de palabra e obra de canto significa a terra e o mar. Celebrado viño cada primeiro fin de semana de agosto nunha das primeiras festas en honra do xantar, a Festa do Albariño, cos oficios da Serenísima Orden do Viño Albariño e unha restra de consecucións que levan no 1988 á dominación de orixe. Brinde pois pola paisaxe e a paisanaxe feita viño.