Hai quen o esperaba. Eu, non. Non me esperaba semellante dislate. Desde hoxe andar polo mundo nun barco chatarra carregado de petróleo sae de balde. Cando menos se parte dese mundo son as costas galegas. Claro, resulta que en Alaska, en Canadá, en Estados Unidos e en Francia as armadoras ou as empresas causantes dunha contaminación son responsables dos seus erros e pagan. Aquí. Aquí de rositas. Somos únicos. O presidente galego, Feijóo, está enfadado, non me extraña, pero tarde piaches, amigo. A Xunta de Galicia, no seu momento, tivo que sair á rúa da man da cidadanía. Era unha cuestión de estado o que estaba a ocorrer. Por iso, certo conselleiro, desgrazadamente xa falecido, propúxolle a Fraga apoiar a manifestación de Nunca Máis. Aquela foi unha discusión agria e algo rompeuse na amizade daqueles dous homes. Un andaba a preguntar aos seus veciños como ían as cousas e outro estaba recén chegado dunha cacería. Son maneiras de entender a responsabilidade moi diferentes. Houbo concellos gobernados polo Partido Popular que foron á protesta de Nunca Máis en Santiago. - foron ben recibidos. Porque daquela, nese momento, Nunca Máis aínda non fora instrumentalizada políticamente. Era a plataforma de todo un pobo, á marxe dos dictámenes dos políticos. Houbo actor, hoxe moi denostado polos sectores da esquerda, que declarou naqueles días que Nunca Máis tiña que existir sempre, porque era unha ferramenta non só para denunciar a catástrofe do Prestige, senón para denunciar as moitas catástrofes ecolóxicas e medioambientais que sacuden Galicia cada certo tempo. O do Prestige non era novo, víñamos de moitas barbarides semellantes, lembremos o Casón ou o Mar Exeo por decir só un par de pérolas. A cidade da Coruña estaba especialmente sensible ante aqueles acontecementos. Todo nos parecía próximo e recoñecible. Como próximo e recoñecible foi o desenlace desta traxedia marítima. Once anos tardaron en sacar unha sentenza. Once anos. - ao final, para isto? A impotencia que senten algúns dos afectados, das vítimas daquela incompetencia gubernativa para sacarnos daquel desaguisado é brutal, inmensa. Queridos amigas e amigos lectores, hoxe síntome un ninguén e vexo á nosa Galicia ninguneada. Os nosos mares azuis, mencen esta mañá de luns tristes, moi tristes, como unha civilización á deriva. A xustiza non existe. Como diría Rosalía de Castro "que terrible abandono".