Se un fai balance do debut de España no Mundial de fútbol de Brasil, non hai mellor palabra para definir ese debut que "demoledor". Claro que si ese 5-1 ponse en números romanos V-I e os xuntamos quitándolle o guión resulta VI. Felipe VI. Outra vez a monarquía española derrotada polos Países Baixos. Bromas aparte o certo é que Holanda estaba enrabietada pola pasada final do Mundial de Sudáfrica, mais tamén polo que na historia do seu país representan os españois. Para un holandés nomearlle o duque de Alba é como mentarlle ao demo. Se ata teñen un home do saco que é español, para meterlle máis medo aos nenos. E aínda que o trato entre as persoas de ambos países laminou bastante o paso dos Tercios de Flandes polos Países Baixos, o certo é que algo subxace na memoria colectiva holandesa. O que si veu ben da derrota do pasado venres é que de non producirse esta, a noticia da privatización de AENA pasaría desapercibida. Hai que lembrar que AENA estaba sendo rendible. Non nos vaia pasar como aos británicos cos seus ferrocarrís. Tiñan a rede ferroviaria mellor do mundo, mais chegou dona Margaret, a dama de ferro, e privatizounos. A xestión foi tan mala que anos despois houbo que facelos outra vez públicos. E agora que dan ganancias e que volven ser absolutamente puntuais chega Cameron é propón privatizalos de novo. Dubido moito que a privatización de AENA vaia xerar máis empregos e máis cartos. Por certo, que pasando moi por riba do asunto, Ana Pastor, a ministra de Fomento, deixou caer a posibilidade de privatizar algunhas liñas de Renfe. Seguro que serán as máis rendibles, as que non dan un pataco serán as xestionadas polo Estado. Ademais, pasada xa a obsesión dos AVE, Renfe ten unha débeda cos trens de "cercanías", eses que vertebran verdadeiramente os territorios. Sen eses trens condenamos a moitos pobos e vilas ao ostracismo, e aos seus veciños á soidade e a ter que mercar un coche para tentar fuxir dela. Malos tempos para o transporte público en España e mormente en Galiza. Claro que sempre nos queda derrotar a Chile e a Australia. Daquela volveremos esquecer estes outros problemas.