A primeira lección é a de aprender a resolver as relacións entre os seres racionais que, polos catro puntos cardinais, seguimos a matarnos. Non sendo capaces aínda de superar os rudimentos da Idade da Pedra nestes nosos tempos das sofisticadas tecnoloxías, pola contra para facelas bélicas. A cuestión a seguir son as relacións dos animais racionais, que dicimos ser, cos irracionais, cos animaliños do monte e cos domesticados para o egoísta uso e abuso, no que tampouco parece avanzarse, pese a ser educados con debuxos animados de patos, elefantes, ratos ou cadelos con churrusqueiros nomes. Cans de cine, damas e vagabundos, Rintintín, Plutóm Rover, Toby, Pinky, Lucky, Snoopy, Sam, Bruno, Fifi... Violencia, maltrato animal comprobado na andaina vital, agora máis mediático e a petar nas conciencias da man de colectivos protectores que poñen a proba a madurez de países capaces de mellorar e facer cumprir unha Lei de protección dos animais. Moito queda por facer.

Convén lembrar que o can é dos primeiros animais domésticos, adestrados deica facelos á medida e mesmo en parecido cos seus amos, para defendelos, guialos e axudalos, como os máis fieis servidores, mesmo até despois da morte. Era cousa de fidalgos ter algo de cabaleiro, Quixote, "ser de lanza en astillero, adarga antigua, rocín flaco y galgo corredor". A quen lle sobraba ou non lle sobraba pan criaba igual leal can no que desafogar penas, tanto con aloumiños como a golpe de vara ou de correa. "Polo pan baila o can". Obedientes animaliños sen alma, criados baixo a mesa coas migallas. Cans coidados, outros abandonados, abaneando o esquema famélico das costelas, inzados da sarna e dos piollos, a remexer no lixo e ventar un óso, tras a femia en celo, a ir e vir de porta en porta, a recibir sobras ou mesmo a trampa da carne con esternina. Cans e gatos sen dono, amparados nas ruínas físicas e psíquicas da cidade e dos que, noutrora se sentía a falta coa chegada dun circo con leóns e domadores. Cans diana dos rapaces bárbaros que os acantazaban, mortos e pestilentes nas cunetas, si acaso arroxados dende a ponte, ó río ou ó mar. A conto a canción aquela O gato metido nun saco, tamén aplicada para crueis feitos en días de paseados e que moitos desexamos non escoitar. Os submisos cans dos mozos nugalláns ou probes da nosa transvangarda, con historias paralelas por contar, a mendigar e durmir nos portais das tendas de marca das rúas da cidade. Mimados e fartos cans de clase, atendidos en clínicas, perruquerías, de vacacións en hoteis ou balnearios caninos, vestidos en boutiques, enterrados en cemiterio propio ou nun xardín, como as sagas de cadelos de Peggy Guggenheim que, como si dunha instalación máis se tratase, acompañan o sono eterno da súa singular ama no seu palacete venecián, entre obras de arte contemporáneo.

Moito aínda por equilibrar pese ós esforzos da educación ecolóxica, das sociedades protectoras, das melloras nas canceiras municipais que se van creando e aínda de toda a gama de establecementos veterinarios que inclúen sofisticados e custosos tratamentos para privilexiados animaliños. Entre as noticias de guerras, de bombas sobre escolas, de nenos mortos e orfos, de tráfico humano, de pateiras, de violencia de tódolos tipos, cada verán, mestúrase a noticia de miles de cadelos abandonados, caprichos de todas as razas, como instantáneos xoguetes con ou sen marca pedigrí, tratados como cousas de bazar, abandonados nunha gasolineira ou nunha estrada, a buscar ós que fuxiron, a sortear o paso dos vehículos, en ocasións con funestas consecuencias para uns e para outros. Noticias de cans roubados para pelexas clandestinas a boca aberta e mordida, para xogos mortíferos nos que rematan queimados, aforcados ou cando menos escoados polas feridas. Vella violencia sobre o mapa desta pel da Iberia depredadora e cazadora que turisticamente vendíase como diferent, is still primitive and apassionate: mystical, sensual, noble, cruel, haughhty, wealthy, and miserable. E a cousa sofisticouse entre o turismo de botellón e balconing incluído, novas e arriscadas fórmulas de iniciación e pasaxe a incorporar na antropoloxía da mocidade.

Semella que a agresión animal é máis desapiadada e cruel hoxe en Galiza. Pois coido que aínda detrás de cada galego hai unha aldea, un devanceiro e casa rural e polo tanto o remol dunha educación entre animaliños domesticados e do monte, entre pescadores e cazadores con escrupulosas regras, onde o can é o compañeiro, vixiante e gardador, anunciador e agoreiro, guía no monte, na noite e mesmo na morte, como un Anubis noso. E presúmese e cóidanse as castes nosas: o can de palleiro, o laboreiro, o mastín leonés, como compañeiro no pastoreo, na caza ou na casa. Sabemos tamén da dor cando un destes animaliños se perde ou morre. O refraneiro expresa o que dicimos, como a literatura e a arte na que o can é símbolo de lealdade, o que ás veces déixase morrer laiando de mágoa sobre a mesma sepultura do seu amo, como lle pasou a Adán, o can do pintor Tino Grandío. Fieis cans bíblicos, históricos, míticos, literarios, como Argos, de Ulises, o único que recoñece ao seu vello e barbado amo á chegada á súa Ítaca, despois de anos de odiseas. Por algo o can se representa nas labras dos túmulos medievais, deitado apracible ó pé dos seus distinguidos amos.

Non falta quen seguindo a Víctor Hugo, que no 1882 funda a primeira Asociación Protectora de Animais, tente e faga un tratado sobre a linguaxe do can, das súas emocións, degoiros expresados polos ollos, os ladridos, os ouveos e sobre todo polas orellas e o rabo. "Os animais son de Deus, a bestialidade é humana" sentenciaba o escritor francés. Mesmo Lord Byron fixo un expresivo epitafio para un can: "Xace aquí unha criatura que foi fermosa sen vaidade, forte sen insolencia, valente sen ferocidade e que tivo todas as virtudes do home, sen ningún dos seus defectos". Entre os tratados de "interpretación da Linguaxe dos cans", onde non faltan elucubracións graciosas, o máis recomendable é o da nórdica Turid Rugaas. Para concluír cunha reflexión que marca diferenzas de que "se recolles a un can famento e o fas próspero, non te morderá, velaí a principal diferenza entre un home e un can".