Nisto das tradicións eu son ecléctico e elástico. Defendo unhas, sempre que sexan agradables e non molesten, e adáptome a outras que non me chistan especialmente, pero entendo que haxa xente que as mantén e as practica. E creo tamén que hai que combater e extirpar as execrables, procurar converter en irrelevantes as que producen vergonza allea, e crear as que debería haber e non hai. Pola mesma razón, se hai algo vello que funciona, beneficia á maioría, ou a poucos pero non prexudica ao resto, meterse a cambialo por cambialo é unha parvada. E adoptar unha cousa nova polo mero feito de selo, está ben, pero persistir se a única virtude que se lle descobre é esa, que é nova, é de parvos. Como ven, o que pasa é que non teño unha opinión moi fundada ao respecto.

Como por exemplo sobre que datas son estas. Desde o punto de vista tradicional-tradicional, isto é Santos ou Defuntos. Desde a visión da actualidade e o comercio, Hallowen. Mirando con ollo tradicional-purista, Samaín. Para os que somos máis ben partidarios das festas movibles e non fixas, este é o tempo dos Magostos. Xa saben que en realidade o que celebramos todos, desde aqueles tempos remotos nos que non había vuelta al cole, síndrome posvacacional ou temporada otoño-invierno, é a fin do verán e a chegada do outono. Parece ser que os celtas celebraban no Samaín a fin do tempo das colleitas, que para eles era o paso do ano vello ao novo, e tamén o tempo no que as ánimas viñan de visita ao mundo dos vivos.

Os cristiáns non andaron tan vivos e non celebraron Santos ata 615, cando o papa Bonifacio IV transformou o panteón de Roma (o incrible templo de cúpula semiesférica dedicado a todos os deuses) en templo católico, e dedicoullo ao Día de Todos os Santos. Celebrábase o 13 de maio, ata que un século despois Gregorio III mudou o día ao 1 de novembro, e outro século máis tarde, o seguinte Gregorio (o IV) declarouna festa universal. A Igrexa católica, pese ao que agora poida parecer, sempre entendeu que era mellor poñer a vela onde sopra o vento que pretender que vente onde se pon a vela. O nome Halloween vén da expresión inglesa para a véspera de todos os santos ("All Hallow's Eve") e a festa parece que a levaron aos Estados Unidos os emigrantes irlandeses e/ou escoceses, pero tamén hai quen di que a Irlanda/Escocia a levou de volta a televisión, como a todo o mundo. Agora xa non son os papas os que declaran as festas universais.

En Galicia, desde hai 20 anos, antes case do trunfo de Halloween, reivindícase o Samaín, atendendo a uns precedentes que uns defenden e outros negan. Linlle -creo que- a Agustín Fernández Paz que na súa mocidade o de poñer cabazas/calacús furadas nas cruces dos camiños era cousa habitual nestes días. Se o di el, créollo. Sobre todo porque xa en 1541 o bispo de Mondoñedo criticaba o costume dos mozos de ir polas portas o día de Santos pedindo "pan e carne e viño e freixós e pixoles e outras cousas?". O que non especificaba é se tamén dicían "truco ou trato".