Hai vinte cinco anos, na tarde do día 12 de decembro do 1988, tiña lugar a presentación do libro Un home só na néboa de Miguel González Garcés. Un poemario que resume toda a refinada e exquisita formación cultural do autor. Esa mesma noite, don Miguel deixaba este mundo e a grandeza da súa obra comezaba a proxectarse con poderío naqueles que o amaron en vida e nos novos lectores que a el se ían e se seguen achegando. O escritor Francisco Fernández Naval reuniu a un feixe de poetas e músicos amigos do autor para, xusto ás oito da tarde dun día doce de decembro, homenaxealo vinte cinco anos despois do seu pasamento na Biblioteca Pública de A Coruña que leva o seu nome e que dirixe a súa filla Laura González-Garcés Santiso. Deixemos nesta pequena columna, unha pincelada do talento que Miguel González Garcés entregou xenerosamente á creación literaria e á expansión da cultura na nosa cidade. Namorado profundamente do Renacemento, Garcés foi un home polifacético e inquedo. As súas viaxes por Europa e América lle permitiron desenvolver un labor xornalístico inxente, no que destacou sobre todo polas súas reflexións sobre a arte. Como diría o pintor Abelenda, "eu aprendín o que era a arte contemporánea lendo a don Miguel". Foi antólogo de dúas pezas fundamentais para a comprensión da poesía do século XX: Poesía Galega Contemporánea e Poesía Galega de post-guerra; ademais do libro Antoloxía, estudio, selección e traducción dos poemas en lingua galega de Luis Pimentel. Pertencía á Asociación Internacional de Critiques Litteraires, o que lle comportou un gran prestixio nas letras francesas, sendo recoñecido co título de Caballero de la Orden de las Palmas Académicas, polo seu labor de expansión da cultura francesa fora deste país. Asemade foi presidente durante vinte anos da Asociación Cultural Iberoamericana, que dinamizou a vida cultural da Coruña durante os anos sesenta e setenta. Dirixiu a revista Nordés na súa primeira etapa e foi un dos principais impulsores da revista Atlántida. Mais, sobre todo, Garcés foi un poeta. E un poeta traducido a diversos idiomas europeos. Poema ao meu mar, Claridade en que a tentas me persigo, Isla de dos ou El cuervo en la ventana (traducido al italiano como Il corvo sulla finestra) son algúns dos títulos da súa produción poética máis queridos por quen isto escribe. E Un home só na néboa, un poemario que nos invita a un desembarco nas praias da arte e da cultura universal inédito ata o momento no panorama das nosas letras. A súa poesía sempre volve, sempre regresa aos que o amamos por telo coñecido e aos que o aman por telo lido; pero a súa ánfora de poemas sempre volve, sempre regresa rebosante dun viño de versos únicos e irrepetibles, portadora dunha complicidade única e irrepetible para cos sensibles e humildes, un viño que calma a sede da ignorancia e nos converte en amantes de Apolo e dos seus fillos.