O Icomos (Consello Internacional dos Monumentos e dos Sitios), creado no ano 1965, é un deses foros internacionais, non gobernamentais, dependentes da Unesco e polo tanto da ONU, para o diálogo en relación co patrimonio cultural dos pobos. Iniciativa nacida a partires da Carta Internacional de Venecia para a conservación e restauración de Monumentos e Sitios, a que fora asinada un ano antes cun compromiso solidario entre as nacións de manter a salvo os bens de interese cultural, eses sitios cargados de pegadas do acontecer histórico, que son leccións, testemuñas de sabedoría, de desexos, de manías, de erros tamén... implicando ós gobernos e ás súas administracións na súa xestión. Momento pois para cavilar, para transcender das teorías á realidade: saber seleccionar o que gardar e ensinar e como facelo rendible. Máis aínda visto o que se ve, non so entre a morte e a destrución das guerras actuais, onde esoutro batallón mediático retransmite escenas cada vez máis crueis de atentados con aleivosía contra o ser humano, que é o máis grave, pero tamén contra as señas culturais, contra sitios arqueolóxicos, monumentos singulares, a destrución e o espolio de museos, cicatrices que non curan. Esparéxese a barbarie de todo tipo, mesmo administrativa, con programas viarios e urbanísticos sobre sitios de interese cultural, a desidia sobre os museos por aquel tópico de que "a cultura non vende", cando non se sabe vender. Os efectos conseguintes da desbandada multitudinaria nunha celebración, nun botellón, os roubos, estatuas decapitadas, bustos de bronce de próceres desaparecidos... e logo aparecidos no chatarreiros...

A Museoloxía é a ciencia da xestión integral do museo, presupón avance nas técnicas, nos xeitos de conservar, documentar, de sistemas expositivos para ensinar, guiar e conseguir resultados eficaces na educación do visitante ou si se quere do turista. Sempre entendemos que os museos poñen a proba a capacidade cultural dun pobo. Saber seleccionar o significativo, equilibralo coas buscas de contemporaneidade. E para iso naceu e evoluciona a Museoloxía, cos seus especialistas en xestión do patrimonio, que saben superar tradicións de coleccionismo, mesmo cuestións librescas da Galaxia Gutenberg prendidas, para seducir a través das novas tecnoloxías, coas que os contidos entrarán por todos os sentidos e farán do espectador un actor que tira de conclusións. Aplícanse novas técnicas de conservación, de documentación e inventario, realízanse programas de actividades en espazos amplos e adecuados da institución do museo... resultado da madurez dun pobo, aprendido pola educación, as lecturas, as viaxes, o saber enxergar que é poñer en marcha os sentidos, o sentimento, a sensibilidade. A Museoloxía é unha ciencia nova, interdisciplinar, con novos logros en relación tamén coas técnicas construtivas, coa arquitectura da que é inseparable, así como coas novas tecnoloxías expositivas e mesmo coa psicoloxía e a socioloxía en relación co gran publico, ó fin e ó cabo son os usuarios dos museos.

Normalmente no recorrido polos museos atopamos cunha selectiva antoloxía dos logros, pero cada vez máis, mesmo polas ausencias, tamén concluímos un xeito de confesión dos erros cometidos. A finalidade é educar para o encontro, a tolerancia e polo tanto para a paz.

Musealizar é algo máis que tramar un itinerario explicativo con textos aburridos nas paredes... é todo canto ten que ver coa vida dun museo como atractivo recurso que é. Musealízanse grandes monumentos, sitios arqueolóxicos, históricos, etnográficos, de interese natural, e mesmo até pequenas e antolóxicas ou curiosas estruturas ou trebellos... para elo inicialmente reaproveitáronse, reahabilitáronse e revitalízáronse vellos espazos, castelos, mosteiros, edificios industriais ou outros con singularidades, cando non edifícanse amplos contedores, ás veces tamén esaxerados dentro da cultura espectáculo e do dispendio, para cubrir as funcións de museo: itinerarios fáciles nos que descubrir o argumento, normalmente artefactos, ó fin e ó cabo obxectos feitos con intelixencia, mesmo con arte, para servir de algo, tanto para rituais relixiosos, como para facilitar a vida, que singularizaron momentos e a unha sociedade. E si un museo é lugar de encontro concorrido non pode faltar na entrada- saída, e nesto somos teimudos, o "centro de visitantes", punto de encontro, lugar de orientación no que dar cumprimento ás necesidades físicas e a todo canto ten que ver coa oferta e a demanda, o merchandising. Os xeitos de seducir, de atraer, mudan coas modas.

Cavilando a través das cousas, aprendemos que detrás dos grandes monumentos megalíticos, das pirámides, dos templos, sexan celtas, ibéricos, gregos, indios, chinos, cristiáns, islámicos... sempre hai xerarquías, monarcas, caudillos, mandamáis, aluados, megalómanos, raiados... Pero tamén están os ideólogos das construcións, os artistas, seguidos dos artesáns e dun pobo escravizado a través de mordomos, obrigados a facer realidade as teimas de eternizarse dos seus amos. Non por iso merece destruírse a grandilocuencia das acrópoles, as necrópoles do pasado ou mesmo do presente... E á forza temos que cavilar nesa ditatorial e provocadora espada cravada na serra de Madrid, no centro xeográfico do Estado, panteón con cruz erguida ó ceo, o Valle de los Caídos . O feito, feito está, como tantas outras cousas que se seguen a facer ou desfacer, a pesar dos pesares. Debemos descargalas da ideoloxía mortífera orixinaria, segregacionista, sacarlle o bicho, buscar e atopar acordos deica conseguir que eses espazos cos seus obxectos sexan lección permanente para aprender a limar, uns e outros. Probas da irracionalidade que campa na historia, arredor de construcións nacidas para humillar, enxalzar a uns e condenar a outros, para a inquisición, para ritos absurdos, con altares, púlpitos e tribunas, carcasas para dividir. Grandes estruturas xeradoras de problemas ideolóxicos e ademais estruturais, como pra mudalas de uso, con enormes cuestións de xestión, mantemento, etc. Non faltan modelos no mundo ós que imitar: nunha viaxe pola Normandía, campo de batalla en diferentes épocas pola súa situación estratéxica, especialmente co desembarco das tropas aliadas en xuño de 1944 para liberar a Europa do Terceiro Reich acaudillado por un grandilocuente chifrado, enxergamos os vestixios, as baterías, os diques artificiais, museos cos documentos e infinidade de obxectos e fotos, dos uns e dos outros, e sobre todo cemiterios multitudinarios, os das tropas aliadas con cruces cristiáns ou estrelas hebreas en mármore branco... diferentes tamén os cemiterios nazis, con miles de estelas en basalto negro, arredor dun xigantesco túmulo dos xerarcas... uns e outros agora unidos pola Morte. Nomes e datas de mociños novos, cemiterios nos que hoxe se pousan ofrendas de concordia, seméntanse cipreses que se erguen o ceo sobre insignias de diferenzas, pero con placas de concordia, chamadas a non repetir erros.

Pois o Icomos, que crea protocolos, que propón e declara monumentos coa categoría de Patrimonio da Humanidade, neste cincuenta cabodano da súa existencia celebra a xornada do 18 de abril como Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios. Data instituída no ano 1982 e aprobada pola Asemblea Xeral da Unesco, para contribuír a divulgar a significación do patrimonio cultural, o seu aporte universal. Cada ano proponse un tema arredor do que centrar o debate. Para este 2015, argumento central é o propio Icomos, un xeito de resetear, de buscar efectividade fronte a tanta destrución, causas e efectos que teñen como ama de cría á ignorancia, a que leva á barbarie de diferentes xeitos. Vaia pois esta data para a normalización que inclúe ós demais días do almanaque para recoñecer a Historia, cos seus logros e defectos. Unha xornada para lembrar que somos o que facemos ou desfacemos.