Aliados? Si. A tensión que se vive nas diferentes fronteiras de Oriente Próximo acaba de provocar un xiro de noventa grados nas relacións diplomáticas entre Teherán e Whashintong. Así é a táboa de xadrez da política internacional. Unha política que case sempre se move por intereses económicos e xeoestratéxicos. Obama foi un presidente aclamado como salvador da humanidade polo mero feito de ser o primeiro presidente estadounidense de cor negra. O cal non está mal, pero en si, a cor da súa pel non posúe un valor intrínseco de intelixencia. Era tal o papanatismo xornalístico e progresista do momento, que foi nomeado Premio Nobel da Paz mentres o seu país estaba envolto en diversos conflitos armados a nivel planetario e sen ter realizado ningún acto destacado en ningún lugar do planeta a favor da paz, agás ter realizado unha cantas declaracións de boas intencións. A administración Obama tamén quixo vender ao primeiro presidente estadounidense afroamericano como o primeiro estadista occidental que ía buscar un achegamento ao mundo musulmán desde o atentado das torres xemelgas; mais algún dos seus asesores decidiu que tiña que ser Exipto, e, en concreto O Cairo, o lugar elixido. Un dislate. Un país multiconfesional e unha cidade onde os cristiáns coptos representan máis do vinte por cento da poboación. Ao igual que Siria ou Líbano, Exipto é un país árabe mais non musulmán. Desde as chamadas Primaveras Árabes, nome cargado de intencionalidades poéticas que pouco teñen que ver coa poética das nacións onde xurdiron os movementos de protesta contra os sátrapas e os ditadores, a convivencia entre a cidadanía é imposible. Ortodoxos, católicos, coptos, xudeus e árabes convivían nalgunhas cidades deses países, mais todo iso é agora papel mollado. Agora rachámonos as vestiduras porque USA aperta aos líderes da revolución irania. Pero se máis cedo que tarde tiña que pasar. Os chiís son a única posibilidade na zona de facerlle fronte ao Estado Islámico. Curiosamente, Arabia Saudita e outros aliados nas guerras contra Irak son sunís, ao igual que os criadores de Al Qaeda, e os financiadores do salafismo. Para algúns occidentais é difícil comprender isto, pero a batalla, neste momento, radica en que aliado debe elixir Obama na zona para que todo se remova, sen que nada cambie. Isto é, que Israel permaneza do seu lado, que Turquía siga ao seu lado, aínda que se arrase cos kurdos, e poida inaugurarse un novo tempo de alianzas cos países árabes que laven un pouco a cara dos erros cometidos nestes últimos anos. Os dereitos humanos en Irán poden esperar. Os refuxiados dos países en conflitos arróxanse ao Mediterráneo e desde o mar ás costas de Europa. E que fixo Europa en todo isto? Seguir políticas que non eran as que defendían os seus intereses. Porque Ohio está moi lonxe para un refuxiado palestino ou libanés, mais Lampedusa, Melilla ou Lesbos están moi preto. Que vai pasar con Damasco, onde o corenta por cento do profesorado da súa universidade é cristián? E os laicos? Que vai pasar con eles? Mentres, no corazón de Europa, Ucrania acaba de prohibir o partido comunista. Ucrania, que aspira a entrar na UE. Todo está máis revolto desde hai oito anos, e todo seguirá máis revolto mentres a ONU continúe a ser unha organización gobernada polos vencedores da II Guerra Mundial. Aliados? Non.