Opinión
Lino Braxe
O Ibán Toxeiro e Xosé Manuel Rabón
Como diría o poeta: "Pasaron os reinos que fundaron homes que viñeron do mar, pasaron os emperadores que tiveron o destino do mundo na súa man, os seus triunfos e derrotas, e a súa gloria. Como o vento sobre as augas". Si, de igual xeito, pasaron os gobernos do PSOE de Francisco Vázquez, de Losada, do bipartito, de Negreira, e agora o de Xulio Ferreiro, tamén pasará, e o Memorial Ibán Toxeiro continuará aí. O encontro entre o teatro amador e o teatro profesional seguirá celebrándose todos os anos para honrar aos amantes de Talía e para demostrarlle ao mundo que a constancia é un valor que non está en decadencia, mais ben ao contrario. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda decidía hai dezanove anos iniciar un camiño que hoxe é irreversible. Ao longo deste tempo actores e actrices de diversas xeracións foron converxendo e, incluso, dándose a coñecer neste Memorial. Manter a chama do recordo do actor Ibán Toxeiro era unha obriga, mais manter a chama do teatro en lingua galega era xusto e necesario. Este ano, o premio que leva o nome do homenaxeado, honrará a figura dun pioneiro do teatro amador e profesional na nosa cidade: Xosé Manuel Rabón. No ano 1973 fundou o Grupo de Teatro do Facho, onde dirixiu pezas como O cantar dos cantares de Eduardo Blanco Amor ou As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas. Máis tarde, na compaña doutros profesionais da escena, creou na Coruña a que sería a primeira sala de teatro de Galicia, a Sala Luís Seoane, e posteriormente, xunto co actor Miguel Pernas, a Compañía de Teatro Librescena onde dirixiu montaxes inesquecibles como o Cyrano de Bergerac ou o Otello. Esta traxectoria resumida aquí, sucintamente, faino máis que merecedor do galardón que se lle outorgará o próximo xoves no escenario do Teatro Rosalía de Castro. Na presente edición subiranse ás táboas actores e actrices amadoras como Ana Rodríguez Seoane, Trini Canosa ou Moncho Iglesias, e profesionais, como Sabela Hermida, Manuela Varela ou Amalia Gómez, e farano para contarnos historias de emigrados e refuxiados, nun gala marcada nidiamente pola solidariedade. O laudista sirio, Hames Bitar será quen lle poña música ao espectáculo. Dentro dun ano, outro grupo de actores e actrices subirán ao mesmo escenario para celebrar a XX edición do Ibán Toxeiro. E aí continuaremos algúns, axudando, como o fixemos desde o primeiro día, axudando a que pasen os reinos, os emperadores e a súa gloria como o vento sobre as augas, e contribuíndo a que o Memorial Ibán Toxeiro non pereza nunca. Porque a vida pode ser que non sexa teatro, pero o teatro ten que permanecer vivo, e iniciativas como esta que leva adiante a A.C. Alexandre Bóveda e persoas como Xosé Manuel Rabón, fan posible que esa teima se converta nun esplendoroso fulgor de irredento.
- Joaquín y Maribel, un matrimonio de A Coruña que deja su herencia en vida: «Por si algún día uno de los dos ‘pierde’ la cabeza»
- Julio Llamazares, en A Coruña: «España será normal cuando se hable de la Guerra Civil como un pasaje histórico»
- No querían que siguiera en el negocio, ahora lo dirige: la encargada de Komo Sushi en A Coruña
- El superyate de 80 metros de eslora de un magnate estadounidense recala en el puerto de A Coruña
- Esto es lo que se tardaba en ir de A Coruña a Vigo en tiempos de los romanos
- Uno a uno del Deportivo ante el Córdoba: las notas
- Así queda la clasificación de Segunda División: el Dépor regresa al liderato seis jornadas después
- Una grúa especial para colocar la espectacular cúpula del multiusos de Bastiagueiro