24 de octubre de 2016
24.10.2016

Adolf, o can e o pato

24.10.2016 | 00:58
Adolf, o can e o pato

Esta semana un cidadán estadounidense protagonizou un feito insólito. O home, consumidor habitual de LSD, ten un alto grao de civismo e sempre permanece alerta aos problemas que na súa comunidade poidan xurdir. Ademais é un bo veciño, preocupado polo benestar das persoas do seu barrio. Desde a súa casa, creu ver un incendio na casa de enfronte. Un incendio que só estaba na súa mente. Eran os efectos do LSD o que lle facían ver que o edificio dos seus veciños ardía polos catro costados con lamaradas de todas as cores. Tentou localizar aos propietarios da casa, mais non deu con eles. Saíu ao seu xardín e escoitou os ladridos do can dos veciños. Sen pensalo moito, subiu no seu auto, e empotrou o vehículo contra a porta da casa. Entrou decidido na mesma e rescatou ao can do ilusorio incendio que só habitaba na súa mente. Agora está detido nun calabozo do condado. O home non entende nada. Cría que estaba levando adiante un acto heroico, soñaba con que sairía nas noticias dos canles de televisión e que a súa vida anodina mudaría para sempre. Un iluminado, un pobre infeliz. Mais existen no mundo outros iluminados, e eses non precisan consumir LSD para ver ao seu redor incendios apocalípticos que anuncian a fin da humanidade. Donald Trump é un deses homes. Ademais de machista, como se ten comprobado durante a campaña, non só polos seus comentarios soeces sobre as mulleres, senón polo trato que deu á súa rival Hillary, á que tachou de corrupta, ladroa e noxenta, Trump é un apocalíptico convencido. Tan apocalíptico que afirmou que aceptaría os resultados das votacións, tan só se el era o gañador. O que resultaría toda unha apocalipse para a democracia estadounidense. Os dous candidatos son maos. Se o votante norteamericano non perde a cabeza votará polo mal menor, Clinton. Pero, e se a perde? Pois se a perde, Trump se convertería no apaga incendios do mundo. Isto é acudiría cos seus avións e cos seus tanques aló onde o seu cerebro crese que se está a producir un incendio no planeta. Máis dun comentarista político norteamericano ten afirmado estes días que se ás actuais eleccións se presentase o Pato Donald, arrasaría en votos, pois consideran á caricatura de Disney mellor candidato que calquera do dous aspirantes á Casa Branca. Non esquezamos que Adolf Hitler, outro gran iluminado, chegou ao poder gañando nas urnas. Con Trump pode pasar outro tanto. Definitivamente, o Pato Donald como presidente, e o tío Xilito como primeira dama da nación, serían unha imaxe máis recoñecible para o norteamericano medio que o seu tocaio, o millonario Donald.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine