Fanse frecuentes e encarnizados os ataques entre uns e outros e os que máis os dos yihadistas ás comunidades coptas dese labirinto de civilizacións ebrias de Deus, que é o Crecente Fértil: no simbólico Nadal do 2016 foi á catedral copta do mesmo Cairo e neste Domingo de Ramos á de Alexandría. Seméntase e normalízase o odio e aliméntase guerras de todos contra todos, suspéndense as celebracións de Ramos a Pascua Florida.

Copto é verba latina sometida ao árabe, derivada de Exipto, onde ten orixe esta cultura, ribeiras do Nilo, nas que a portuaria Alexandría rivalizaba na conformación da cristiandade con Antioquía, Roma e no século V con Constantinopla. Onde inicialmente xudeus conversos fanse herdeiros e transmisores de tradicións apostólicas e evanxélicas de Marcos e Lucas. Usan e propagan a cruz inscrita na circunferencia, o Crismón, como nova roda cósmica, anagrama de Cristo, coas súas X P inscritas na O entre a Alfa e a Omega. Comunidade ortodoxa con vellos e novos templos nas cidades e con solitarios mosteiros nos desertos, baixo as estrelas, un poderoso sol e arredor de pozos. Igrexas con sacros iconostasios, aureolados de ritos, cánticos, incensos e cirios, entre iconos de Cristo, da Virxe e dos santos mártires. Nada mellor para internarse na orixe da cristiandade e nas orixes do Románico que a visita ao Museo Copto eao Instituto de Estudos Coptos do Cairo, hoxe tamén correndo riscos de ataque.

Igrexa copta que lle outorga a Cristo unha única natureza, a divina, monofisismo? Ortodoxos, ensimesmados na súa orixe apostólica, "a correcta", segundo din iles e o Cisma de Oriente e do Concilio de Calcedonia, con patriarcado e Papa propio en Alexandría. Fora desas discusións teolóxicas o Papa Paulo VI iniciou acordos entre coptos e a igrexa de Roma os que se multiplican hoxe. Pacíficos entre os que máis, a pesares de estar na cerna das provocacións, entre conflitos que descargan cara ao seu exterminio. Quizais como os que sufriron, hai un século, as familias cristiáns armenias. E conseguintemente bandadas de coptos na diáspora.

Non se entende como relixións que parten da cerna do patriarca Abraham, xudeus, cristiáns e musulmáns, divididos en gamas de ortodoxia e hipócrita beatería, os que predican a "súa" paz, shalom, salam... se revolvan entre morte. Estremeiros trastornados que aínda non asumen a dialéctica, que non tiveron nin fixeron caso a concilios, á Ilustración e menos aodecimonónicoMarx que teimaba en que as relixións son o opio dos pobos, sen sufraxistas nin movementos de liberación.

Os coptos exipcios son maioría cristián en Oriente Medio, con idioma propio, descendente do demótico exipcio, lingua asimilada pola preponderancia musulmán, que esvaece na intimidade ou entre interminables rituais de dalmáticas, tronos, ouropeis, lámpadas, abafantes incensos e cánticos litúrxicos. A igrexa copta ortodoxa de Alexandría ten patriarca propio, como tamén o teñen os coptos de Eritrea, Etiopía e Nubia con ritos e vivencias que se perden nas orixes do cristianismo, con patriarcais e barbudos monxes, de cabeza cuberta cun gorro talar de cruces bordadas, apoiados en báculos de Tau, como cetro ou vara máxica. E cumpridores de quendas no coidado dos Santos Lugares.

Igrexa copta, que mantén esencias das primeiras comunidades cristiáns, herdeira dos seminarios nacidos na soidade do deserto da parte occidental do Nilo, o das tumbas Reais, no entorno do monte Tebas, a Tebaida, núcleo do que foi provincia romana, inmediacións do hoxe turístico Luxor. Os turistas páranse máis nos templos, palacios e tumbas faraónicas que nos vestixios daqueles primitivos seminarios dos discípulos dos apóstolos, orixe e referente do eremitismo, con florecer no século III e IV, arredor de Antón abade, un xeito de veterinario de selváticos porcos teixos, e que morreu centenario, santiño de barbada imaxe con tanta veneración en Galiza. Tebaidana que tamén tivo misión o soldado romano Pacomio e incontables eremitas, como novos magos, predicadores, cristianizadores de templos faraónicos, sumerios, orientais, enfrontados tamén a novos experimentos relixiosos como o arriarismo. Misioneiros metidos nunha catequese levada á arte e a través da que coñecemos as súas preocupacións teolóxicas, o enigma da orixe e da morte, o exemplo de Cristo, dos santos e dos mártires... reconvertendo a "chave da vida", o Ankexipcio, na cruz. Principios nos que tamén beberon misioneiros galegos, a viaxeira Exeria, o bispo dos límicos Hidacio, o teólogo bracarense Orosio, o heresiarca Prisciliano, Martiño de Dume ou aquelas comunidades "orientadas" que humanizaron o Val do Silencio e as Ribeiras Sacras galegas.

Comunidades especializadas en artesanías, nun arte que conxuga mitos, crenzas, motivos exipcios, sumerios, orientais, sumando influencias grecolatinas. Velaí esas cosmogonías, o universo dos animais fantásticos, grifos, aves, cun simbolismo imperecedoiro. Cultura nacida das influencias carabaneiras do deserto, do Mediterráneo e do gran poder e saber de Alexandría. Vémolo nas súas pinturas, nos libros miniados, nos retratos sobre táboa dos defuntos de El Fayum, orixe dos primeiros iconos, retratos de mártires e santos con ollos e orellas grandes, espreitantes á voz do Trasmundo. Coidadores da tradición aprendida do médico e discípulo de Paulo, o evanxelista Lucas, dedicado a pintar iconos, patrón dos pintores, ao que se atribúe varios retratos da Virxe espallados polo mundo, Bologna, Roma, Rodas, Czstochowa, Filipinas?. Ademais comunidades con tradicional habilidade para o tear, as túnicas de la e liño, as alfombras e tapices sobre as que predominan as xeometrías en púrpura e negro... Hábiles tamén para o traballo no metal, a ourivería. Bases artísticas que a partir de Mahoma e da expansión do islamismo, o século VII, inflúen enormemente na Arte.

Alexandría, capital de saber, foi faro da arte copta, e velaí aínda hoxe as tradicións nubias, etíopes, con elementos tan similares ás interpretación dos celtas cristiáns de Irlanda, dos viquingos? arte levado e traído pola milicia romana, polos misioneiros e as razzias nórdicas, cruzados e islámicos. Misioneiros con fórmulas que chegaron e camparon no noso extremo occidente, que enxergamos na arte Prerrománica e Románica do reino galaico-leonés. Esas pinturas, miniaturas ou murais con figuras de ollos a asexantes, enmarques trenzados, cruces enredadas en lazos, cosmogonías que tentan representar a infinda cara de Deus, sintetizadas na cruz de brazos iguales, e sempre a circunferencia, a conversión da roda cósmica no Crismón? os cadrelos, os bestiarios, Gilgames, prefiguración de Cristo, a domesticación das bestas a través da palabra e da música... Ao fin e ao cabo, coptos, celtas e nórdicos están a repetir un vello camiño que leva de oriente a occidente, e "orientarse", non significa outra cousa que ter como referencia ese oriente. Oriente, latexante, hoxe infartado corazón do mundo, onde tamén se deu remedio e se dixo que en principio era o Verbo e que se fixo carne para habitar entre nós... Amén.