Sexa un partidario da República ou non, o importante é que esta semana se lle fixo unha homenaxe ao editor, tradutor e traballador da cultura Francisco Pillado Maior. Foi nomeado Republicano de Honra 2017, dentro dos actos do Día da República celebrados este ano na nosa cidade. Ao longo de toda unha semana a Deputación, O Concello, a Universidade, A real Academia Galega e A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, organizaron conferencias, recepcións institucionais, ofrendas florais e unha homenaxe no Círculo das Artes a este intelectual que foi e é un verso solto, con proxección no colectivo, imprescindible para entender que é colaborar desde a individualidade, para coa túa xenerosidade, influír no destino da cultura dunha cidade. Francisco Pillado, Pancho, para os amigos, procede dunha familia amante das artes. Supoño que a súa paixón pola música é herdanza do seu avó, músico e compositor; e que a súa paixón pola lectura e polo teatro ven do seu pai, un recoñecido bibliófilo e aínda máis recoñecido xornalista, director no seu día de La Voz de Galicia, etapa que todo o xornalismo lembra como un período de liberdade e aperturismo nuns anos moi difíciles para exercer semellantes galanuras. Nos anos sesenta, Francisco Pillado, iniciou a recuperación do teatro galego na compaña de Manuel Lourenzo, tanto no Teatro Circo e como na Asociación Cultura O Facho de A Coruña. Tamén ambos deron vida aos Cadernos da Escola Dramática Galega e ao Concurso de Teatro Breve convocado pola dita escola. Nos cadernos, ambos amigos, foron publicando textos clásicos, traducións ao galego, inéditos de autores noveis ou ensaios. Destacar as súas traducións de Moliere, Chejov, Nicolás Guillén, García Lorca, Luís Seoane, Genet, Ghelderode ou Beckett; así como os seus traballos e achegas á obra de Lugrís Freire, pai do pintor Urbano Lugrís. Merece especial atención a súa implicación na fundación da Sala e Compañía de Teatro Luís Seoane, un foco de cultura non só para Coruña senón para toda a Galiza. Foi responsable da Biblioteca Arlequín de Sotelo Blanco Edicións. Dirixiu durante máis de vinte anos a editora Laiovento, da que foi cofundador. Pero como comentamos ao comezo deste artigo, Francisco Pillado, sempre fixo gala dunha enorme xenerosidade. Por iso, doou a biblioteca paterna á Universidade de Santiago de Compostela, e entregou á Universidade de Coruña todo o seu inmenso arquivo e biblioteca teatral: a Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor. Pancho, segue aí, insubornable, cariñoso, animando aos escritores a que cumpran co deber do seu oficio e prestándose a canta iniciativa haxa para mellorar a saúde da intelixencia dos seus semellantes. Sei que parecen estas, as palabras dun amigo; pero é que son o seu amigo. Algo que me honra enormemente. Ademais, como son membro do Club Beethoven, que el preside, non podía máis que celebrar desde esta columna a súa merecida e sentida homenaxe, á que me sumo con entusiasmo.