Este pasado martes, día 6 de xuño, cumpriuse unha efeméride que foi recollida, relativamente, polos medios de comunicación. Mais foi unha data que cambiou a historia do mundo. Trátase do coñecido como Día-D. Nin sequera nos puxeron películas sobre o tema nas televisións. E ese día foi importante, porque a fortaleza atlántica criada polos nazis para evitar calquera ataque ao continente europeo, foi derrubada. Rapaces chegados desde Norteamérica, Australia ou Gran Bretaña, xogáronse o tipo para que Europa recuperase a democracia e Hitler fose derrotado. Pero hoxe quixera falar de dous colegas de profesión, un escritor e un xornalista, tamén escritor. Eles viviron en primeira persoa os horrores da guerra. O escritor J.D. Salinger desembarcou atormentado en Normandía no1944. Tiña 25 anos e había tempo que desexaba escribir un relato para a posteridade. Aínda que, por aquel tempo, non se vía coa madurez necesaria para afrontar tan dura tarefa, mais non deixaba de tentalo. Cando lle tocou pisar a praia de Utah -e tivo sorte porque Omaha foi unha tumba para os marines norteamericanos- ía armado con seis capítulos dunha historia adolescente. Cando ao remate da contenda, os aliados alzáronse vencedores, aqueles capítulos que poderían ter rematado arrastrados polas ondas entre milleiros de mortos convertéronse en O gardían entre o centeo, un éxito mundial, con máis de 65 millóns de exemplares vendidos e un referente da literatura contemporánea. Salinger non só tivo que sobrepoñerse ao "traumático Día-D", senón que asistiu á liberación do campo de concentración de Dachau. As imaxes que alí contemplou marcárono para sempre. Anos despois, cando recibiu unha mención ao valor do Congreso dos Estados Unidos, só foi quen de musitar estas palabras "Que difícil, lúgubre farsa, e tantos homes mortos!". O escritor Cornelius Ryan foi corresponsal de guerra e cubriu tamén aqueles desembarcos para o Daily Telegraph. As súas crónicas sobre a a guerra aérea sobre Europa son memorables, así como a súa etapa xunto ás tropas do xeneral estadounidense George Patton; logo pasaría ao Teatro de Operacións do Pacífico e por último no 1946 acudiu en pos da noticia a Xerusalén. Pero o que máis lembramos son os seus libros máis populares, que deron lugar a sendas películas: O día máis longo, dirixida por Ken Annakin e Unha ponte demasiado lonxana, dirixida por Richard Attenborough. Lonxe de min defender as políticas de Donald Trump, pero debo confesar que leva razón co tema da OTAN. É moi cómodo que durante a posguerra e durante a Guerra Fría, todo o peso da seguridade de Europa caese sobre os Estados Unidos. Agora, temos un problema ben gordo. Estamos en guerra, pero parece que algúns aínda non o asumen, non se decatan ou non se queren decatar. Mirar para outro lado sempre foi, tamén, moi cómodo. Se temos benestar social na nosa civilización foi gracias a tipos como Salinger e Ryan, e como a tantos seres anónimos que perderon as súas vidas nas praias de Normandía. Como dicía un veterano da Segunda Guerra Mundial: "Os heroes quedaron aló, nas areas das praias. Nós, só fixemos todo o posible por regresar xunto ás nosas familias". Ou como diría o poeta romano Propercio, hai dous mil anos: "Sexa a gloria para aqueles que alcanzaron o triunfo, a min abóndame con aplaudir na Vía Apia".