Galiza ferve en festas polo verán, non hai virxe ou santiño, nin produto da terra e do bendito saber facer gastronómico que non teña a súa festa, a súa misa e a súa mesa. E agora veña, a sacar do maxín argumentos mitolóxicos, históricos, os que por dalgún xeito xa estaban aí: churrusqueiras conmemoracións, efemérides escenificacións que lembran como sobreporse a cantos de sereas, a engaiolantes monstros, Maruxainas, Cocas? se non representacións de loitas castrexas, romanas, viquingas, galas, britanas, mercados medievais, renacentistas, barrocos, románticas, de indianos, Pepa Loba? todo vale coa ansia de disfrazarse, o Entroido lévase nos xenes e aviva todo o ano. Tampouco faltan os macrofestivais arredor de musicas celtas, heavys, latinas... Proba de que se move o maxín, de que sigue aceso o remol da cultura.

Festas do Apóstolo en Compostela, festa das festas de Galiza, arredor dun sartego que quere ser símbolo de esperanza e renacer, por algo tamén celebración ideada polas Irmandades da Fala, no 1920, como Día da Patria Galega. Gran romaría, cosmopolita tamén, aberta aos camiños e aos portos. E canto aquí se fai, por facerse con tradición de arte, retumba, escintila e imítase noutras cidades e vilas de Galiza. Aquela cidade de reliquias, con Panteón Real, de clérigos, gremios e confrarías cos seus santos patróns, celebrou, mais do que hoxe e como poucas, un rico almanaque de festas e feiras que moven a oferta e a demanda, a taberna e o mesón: cada vinte e cinco de abril o San Marcos, ao fin de maio a Ascensión e centrada no vinte e cinco de xullo a festa maior na honra do íntimo de Cristo, o Apóstolo Santiago, que non é pouca cousa e que algúns politizan e fan adaíl cabaleiro, abandeirado, xeralísimo de exércitos imperiais. Non faltará nesta capital o envexable e maiúsculo campo maior de feira e romaría, e velaí esa enigmática e natural sala de lecer, co arcano nome da Ferradura, carballeira abovedada de verde no verán, presidida pola capela de Santa Susana. Campo coas cicatrices da ilustración municipal de cada época que, con exceso de celo intervencionista cubriuna de "adornos": palco de música, pavillóns, farois, fontes, monumentos? case un museo.

Compostela é adro, praza, encrucillada na que converxen en cuncha de pedra os camiños marcados no ceo, na terra e no mar, a gran aldea de Galiza, a que da leccións niso da festa. Espazos e tradición non lle faltan, aínda abusando e adulterando con grandes palcos, decibelios e barullo a solemnidade monumental e artística de prazas e clausuras nas que mandan as badaladas da Berenguela, como a sacrosanta e claustral Quintana dos Mortos, o Obradoiro? e máis aínda. Compostela, en cordón umbilical de rúas vencéllase á súa Ferradura, ábrese a ela pola Porta Faxeira ou da faxina, a da madeira pros fogares. Histórico paseo de ida e volta para perderse no labirinto de pedra da cidade erematar sempre no Obradoiro. Sabíano ben, ás dúas en punto de cada día, as Dúas Marías, santas padroas da cidade civil, con tan triste historia de guerra e posguerra, disfrazadas de cor e dignidade, de Ser. Itinerarios para enxergar, con todos os sentidos postos, canto significan os Catro Elementos, que aquí pousan en Altar entre gárgolas, barrocos, chemineas e torres, esencialmente o inspirador matrimonio da Pedra co Auga. Convite a furar pola Historia. Mestura de aromas e sabores, arrecendo a caldeira de pulpeira do Carballiño, a empanada de millo e xoubas de Noia, a fritura de pementos de Padrón, quizais a vieiras de Cambados ao forno ou a tortilla de Betanzos, a amendoados de Allariz, a viño de Ribeiro. Toda Galiza trunfa en Compostela. E ollo coa ameaza do botellón campante.

Vésperas e días onde todos en Compostela se suman ao Rechamo que naceu de Xoán Manuel Pintos, onde a Alba de Gloria de Castelao voa sobre a capital galega. A cidade esmérase en ofrecer un competitivo cartel, debúxase e imprentase, será da autoría de creadores locais, con referentes na xenialidade de Díaz Baliño, Maside, Ventura Cores? o programa de man, as páxinas especiais na prensa, escaparate de galapros sabios locais, verdadeira xoias, intrahistoria en papel de cordel, apto para todos os públicos. Sabendo que a cidade de noutrora preparábase máis do que hoxe, nela todos tiñan algo que ofrecer: varandas dos balcóns cubertas con exóticas colchas, despois con bandeiras patrióticas, os altares dos templos cubertos de flores, as cociñas sen parar, as chemineas a fumegar e as mesas á espera dos mellores xantares, roupa nova, día para gabarse das estreas e dos sorrisos, no que tamén pesan máis as ausencias: No amencer as Dianas e alboradas, o estoupar de potentes bombas de palenque, seguidas dos pasacalles da banda municipal, sempre co toliño e a restra de rapaces detrás, seguidos dos gaiteiros, ben engalanados, como debe ser, cos cabezudos e xigantes, herdos dos auctos gremiais, lembranza de enfrontamentos de humanos sobre monstros, lembremos, a Coca de Redondela, os Gamainchiños de Betanzos, centulos, choqueiros, vaias, reis, señores feudais, mariños, cosmopolita representación de todas as razas, brancos, pretos, mouros, chinos? Sen faltar neste inicio da festa o invitatorio, chamada a todos, aos presentes e aos ausentes, aos visitantes, peregrinos? pregón con voz potente pronunciado por unha intelectualidade, agora abonda con alguén da farándula televisiva... Seguida da misa solemne, con todas as ofrendas do Reino, como as que se fan no Corpus de Lugo, e máis aínda en Compostela... a procesión do santo seguida das autoridades, encabezadas polo bispo, os xerais, comandantes, xefes, gobernadores, mantillas, medallas ? retrato do tempo. E veña as campás, pese a quen lle pese, a repenicar, a soltar melena nas espadanas. Na rúa principal a sesión vermouth... E xa, despois do xantar, entretementos populares, lembranza das xustas, das touradas e o que queda de xogos e competicións populares e tradicionais, apoucados agora polas innovacións das atraccións. E veña a bulir na tarde moreas de xente, abafo, entre sorprendentes orquestras que apampan, a Panorama, a Paris de Noia, a Garibaldi, Olympus, Philadephia... coas últimas tecnoloxías de Las Vegas... E para poñer fin ao día, ás doce da noite, a sesión de fogo fixo e voador; nesto Compostela experimentou e impuxo modelos de rodas, garetillas, vermes de luz, cometas, sarillos, granadas, choróns, virasois, moco de pavo, soles tornantes, caduceos, lume cruzado?..posta en escena da creatividade deses magos, heroes sobrevivintes da pirotecnia, creadores de brillantes e efémeras ilusións sobre o ceo, batalla de lucería, fachadas exóticas, alleas, como aquela mudexar, deseñada polo arquitecto Domínguez Coumes-Gay, do 1880 arder en labaradas, a competir entre luz e sombras cos contrastes arquitectónicos barrocos. Folión de luz, de espectros, de compañas convertidas en estralampos en honra do Fillos do Trono e onde rematan os camiños das galaxias. Xa non sufrirá tanto as labras, agora as videoproxeccións, o láser a ilusionar sobre as fachadas.

Arte da festa, posta en escena da saúde da cidade, algo ben sabido polos moinantes de Carballo ou do Lérez, con tómbolas, cabaliños e barcas de bambán, na lembranza as inxenuas atraccións de noutrora, o Barriga Verde, o Tragaestopas, a muller esqueleto, o forzudo, a meiga, a señora das cobras, a sorte do paxariño? fronte ás catedrais de luz, mecánica e altura de hoxe para os subidóns de adrenalina. En fin, principios que se perden no foro romano, tamén campo de experimentación de enganos e timos, esmoleiros, carteiristas, reconvertidos en novas tecnoloxías e sofisticados métodos. A feira é a feira.