In memoriam Tino Poza

Como cada verán, desde hai dezaseis estíos, a Feira das Artes Plásticas, chega aos Xardíns de Méndez Núñez, como prólogo das festas da cidade e doutra feira, a do libro, que se celebrará en agosto no mesmo lugar. As casetas dos artistas plásticos transfórmanse en improvisadas galerías individualizadas, onde o paseante e amador desta disciplina artística goza vendo as obras daqueles que admira e, en moitos casos, mercando o produto que con tanta xenerosidade lles ofrecen os mesmos autores das pezas, sen intermediarios, e practicando con nós o escaso pracer da conversa. Un mundo máxico, alonxado do vibrante ritmo da cidade, un espazo cheo de cores, no que os criadores explican as súas técnicas e comparten as súas inquedanzas. Emilio Celeiro co seu taller de gravado para nenos e maiores e o concurso de pinturas para nenos e nenas que todos os anos se celebra na Feira, propician a participación da cidadanía e a proximidade entre o artista e os seus siareiros, que habelos, hainos. As Feiras das Artes Plásticas existen porque a emoción criada no estudo precisa respirar, o lenzo pide rúa. Saír do espazo onde foron inspiradas e apertarse coa xente. Dalgunha maneira, o que foi idea e logo unha obra concreta, como dirían os propios artistas precisa "que corra o aire". Cada ano novas linguaxes, novos modos de expresarse. Desde o abstracto ao collage, desde o realismo ao impresionismo, desde a acuarela ao gravado, desde o óleo ao debuxo, todos os estilos e as técnicas conflúen nesta Feira das Artes Plásticas. O lugar escollido para a súa posta en escena é privilexiado, os artistas se asentan un tempo nos xardíns polos que todos paseamos durante o ano. Sen dúbida, agora o paseo convértese nunha experiencia nova, a paisaxe muda, faise máis variada e humana coa súa presenza. Non son artistas da rúa. Traballan nos seus estudos e talleres, pero por uns días son tamén aqueles que todo o ano se gañan a vida facendo caricaturas ou ofrecendo as súas pezas escultóricas nas esquinas e prazas do noso país. A Feira das Artes renóvase cada ano, a outra, a Medieval, non. Sempre nos ofrece o mesmo. Visto unha, vistas todas. Aínda quedan días para gozar da presenza dos artistas nos xardíns de Méndez Núñez. Non o dubiden, acudan a darse un paseo por alí, a botar unha ollada, a aprender, a facerse máis ricos espiritualmente. Como máis ricos somos hoxe os lectores e lectoras de LA OPINIÓN, pois temos o privilexio que Manuel Gandullo nos cedese un dos seus debuxos para que ilustre este artigo. Fará que o noso luns sexa un pouco mellor. Gracias á arte e gracias aos nosos artistas por seguir creando mundos imaxinarios nun tempo de crise que todo parece afogalo, as veces ata o pulso da imaxinación.