Ben certo é que non todo vale con tal de ter turismo. Galiza resulta atractiva aos sentidos de que os ten afiados, isto é que é sensible. Éo polo tesouro das súas condicións naturais de Terra e Océano. E arredor diso o proceso xerado para atender e aproveitarse da natureza, a non menos a variada atractiva, Prehistoria, Historia e a Cultura, o que os seres humanos cultivamos para resolver a vida. Lección pouco aprendida, polo que enxergamos, pois non somos modélicos niso de conservar e potenciar o privilexio de tan ricos e variados recursos. Iso si, somos recalcitrantes conservadores ideolóxicos. A cultura tamén se degrada polo uso e o abuso: a aculturación. E velaí a contaminación integral, a forestación, desforestación, a explotación mineira, das augas, industrial, en lugares inadecuados, e coas súas consecuencias, o pouco respecto co patrimonio cultural, a normalización e botellonización das festas? Non se pode vivir a calquera prezo.

Natureza, Historia e Cultura que atraen e fixeron que nacera unha cultura de portos e encrucilladas, de feiras e festas, a base e principal fonte económica. Faise obrigatorio o control dos recursos, o equilibrio sostible, ideas tan no debate teórico e velaí a profesionalidade na xestión, a que require coordinación por parte das administracións.

As políticas de países maduros, civilizados, ansían por atraer, controlar e mellorar, de xeito sostible o turismo, sen que se converta en arma de dobre fío. Do contrario imperará a provisionalidade e o galponismo como postal terceiromundista, o afogo do propio ben.

Atracción de Galiza que fixo e fai que, pese a tanto reto e competencia, haxa quen nos escolla entre tanto catálogo para gastar o seu valioso tempo e os seus posibles. E non é calquera quen se achega deica este confín, é xente sensible, culta, que busca o que ela mesma ten, autenticidade e cultura, algo que debe agradecerse e mesmo agasallarse. Xente que vén, que volve e propaga o que sinte.

Entre as atraccións de Galiza están eses cinco "mares de dentro", que son as súas rías, e entre elas a de Arousa e a súa banda da Barbanza, presidida polo alto da Curota, paisaxes preferidas por Rosalía, ValleInclán, Castelao, Manuel Antonio e por tantos poetas... E apuntando á illa de Sálvora asómase Corrubedo, topónimo no que semella zoar o son das buguinas ou cornos de mar, Corrubedo. Para máis, na noite, aquí abre ronseis sobre o Atlántico o seu "faro de ollar largacío" que cantaba Bouza Brei, onduladas dunas, lagoas, bosque, penedas labradas polo tempo... Paisaxe sobre a que asoman dolmens, castros, cruceiros de capela con ritos de camiño e lendas de pobos avarentos que foron asolagados.

Personalidades do mundo de hoxe atopan e escollan Galiza pro seu lecer e deixar voar sobre ela a súa creatividade, mestúranse entre a poboación e contribúen á difusión da beleza e á xenerosidade desta terra. Unha desas xenialidadades é un number one, o arquitecto londinense Sir David Chipperfield, iniciado cos maestros Richard Rogers e Norman Foster, tamén este con certo vencello a Galiza, a través da súa compañeira, a psicóloga ourensán Elena Ochoa. Chipperfield , con encargos en varios continentes, con premiadas e laudadas intervencións arquitectónicas nas cidades do futuro, reclamado profesor e conferenciante polas mellores universidade, por algo nomeado Sir pola súa Graciosa Maxestade, entre o que coñece do mundo, escolle o corazón de Corrubedo para o seu lecer e inspiración. Arquitecto, urbanista e mesmo deseñador de mobiliario, caracterizado pola esencialidade, máis propenso á goma de borrar que ao lapis, ás regras e ao compás. Minimalista que sabe parar a tempo canto supón o intervencionismo, o impacto que fire a beleza da paisaxe, tendencia á que somos moi propensos os barrocos galegos, tamén co horror vacui... non lle toques máis á rosa.

Chipperfiel é ben coñecido polas súas intervencións en sobranceiros museos, e xa sabemos que significan estas institucións que conservan, estudan, expoñen e difunden os logros da civilización... naTate londinense, no Museo do Remo do Támese ; no Neues Museum de Berlín, entre outros de Alemania como o Museo de Literatura de Marbacham Neckar, non lonxe de Stuttgart, o Figge Art Museum en Davenport nos Estados Unidos, o Museo Anchorage en Alaska, a intervención no histórico Cemiterio de San Michele en Venecia, autor de pavillóns, bibliotecas, hoteis, pazos de xustiza, cidades de cultura, vivendas... tamén en Vigo o Pazo de Congresos, en Londres o estudo do seu amigo e colaborador o escultor Gromley... e para as súas vacacións e a súa intimidade, en comuñón coa paisaxe e a paisanaxe, construíu a súa casa de Corrubedo, xa antolóxica, por sinxela: por unha banda mirando ao mar, pola outra á rúa que leva ao porto. Construción esencial, valente tamén, entendendo a tradicional ansia escultórico por quebrar ou fraccionar as masas, herdo do leirismo galego, fronte a calquera impactante bloque escurialense.

É unha bendición que creadores se deixen seducir polo canto de serea de Corrubedo, con esas casiñas mariñeiras e labregas recebadas en cal e cor, si acaso protexidas con vestido de cunchas, despois fórono degressite ou de azulexo, afíns a cores vivas en zócalos, na carpintería de portas e xanelas... por outra banda tan na tradición mariñeira atlántica. Moitas destes saberes tradicionais maltratáronse por non achegarse a entender a cultura, e pola contra, co exceso de celo, imperou unha estética hiperxebrista desnortada que esfola a faciana das casas, os muros e deixa á vista a osamenta de pedrullo... efecto conseguintemente con causa na ignorancia e na aculturación, na crise de identidade.

Agora esta parte do controvertido concello de Riveira, referente que tanto sufriu no seu pelexo urbano polo intervencionismo desmedido e agresivo, volve a selo pero por ofrecer modelos arquitectónicos da contemporaneidade, e poderá selo máis no futuro, si se sementa ética e estética, xa que unhas cousas conducen a outras.

Ese estar de Chipperfield en Galiza compárteo con algúns dos seus amigos arquitectos de por aquí e por acolá, sabemos tamén que fai propaganda e convida a este confín a personalidades dos cinco continentes. E non queda aquí esa fusión sentimental, os medios fixeron público o desexo do arquitecto británico de regalar unha singular escultura de máis de media tonelada, da autoría dese outro amigo, Sir, Antony Gormley, un dos grandes escultores da contemporaneidade. Sería por un prazo de vinte anos, prorrogable, para poñer mirando ao horizonte do Atlántico, sobre as rochas do lugar dos Casqueiros, entre o porto e a praia da Robeiriña. Gormley é ben coñecido polas súas intervencións en espazos de soidade e cavilacións, pondo en mérito ríos, montes, praias que convidan á filosofía... como o Anxo do Norte de Gateshead e o Iron Man en Birmingham, ambas no Reino Unido, tamén en Vorarlberg nos Alpes austriacos, ou a intervención en Crosbybeach, praia de Liverpool, hoxe con sona polo cento de esculturas en ferro, metidas na marea, ás que se van complementando con algas e lapas, conxunto bautizado como Another place (esoutro lugar). Sabemos que a cuestión enredou o debate no pleno do Concello de Ribeira, o que non sabemos é apreciar o sol cando pasa pola porta e, pola contra, deixamos que campe a barbarie.