Este pasado día de Reis, A Deputación de A Coruña trouxo para todos os coruñeses un agasallo baixo o seu brazo: A edición das pezas teatrais Midas e O Ángulo de Pedra de Isaac Díaz Pardo. Había motivos para levar adiante este traballo. Un deles é, desde logo, o feito que a edición do ano 1957 está esgotada; outro é que este ano, cúmprense sesenta da súa publicación; e o último, e non por isto menos importante, a valía que ambas pezas teñen pola súa aportación ao panorama da literatura dramática galega da época. Compre suliñar que, Isaac, como tantos exiliados galegos en Latinoamérica, non abandonou a súa lingua e daquela escribe o seu Midas e o seu O Ángulo de Pedra en galego. No seu momento ambas pezas foron editadas por Citania, editorial creada, en Buenos Aires, por Luís Seoane e Diego Díaz Dorado no ano 1957, aos que se uniron máis tarde Antonio Baltar, Manuel María Varela e Perfecto López. Seoane, describiu con acerto a atmosfera e as temáticas que levaron a Díaz Pardo a escribir os seus orixinais dramáticos, isto é o que escribiu no seu momento o xenial pintor galego-arxentino sobre os textos do seu amigo: "Ao sesgo de personaxes míticos sintetizados por il, sin que perdan pola síntese ise caraiter mitolóxico, desentrañou seres humans moitos dos cuaes son hérois de todas crases que nos arrodean na nosa vida cotidián. O escéiticismo que parece consustanciarse ca moral dalgún diles non é máis que aparente, no fondo son homes que aspiran a unha vida mellor e cuio desespero maniféstase nunha aititude de descreídos, ou mais que descreídos de desenganados. Midas e O ángulo de Pedra están escritas con verdadeira door e posiblemente encol de esperiencias personaes. Hai nestas pezas lama e sangue como nas bastidas e auténtica piedade. Son como gravuras onde soio o branco e o preto estabelecen luces e sombras. Díaz Pardo, en ambas as dúas obras de teatro, recorrendo unhas veces ao mito e outras á humanidade do seu contorno, trae á escena a angustia do noso tempo nun país isolado, abafado por un fondo silencio imposto e polo drama dos seus habitantes". E agora, logo de ler as palabras do mestre Seoane sobre as obras do seu admirado colega, xa é tempo que vostedes, na súa casa, na súa cafetaría preferida, nun parque, nunha praia ou nunha montaña de Galicia, sexan os protagonistas desta aventura á que nos convida Isaac Díaz Pardo. É o momento no que o lector ten o dereito de gozar da palabra escrita, da literatura dramática. Agardemos que algún día, estas pezas podan ser ofrecidas aos espectadores e espectadoras cunha posta en escena digna do talento que nelas atopamos, ou cando menos que podamos gozar dunha lectura dramatizada das mesmas. Benvida sexa esta reedición de Midas e de O Ángulo de Pedra, que fai posible a Deputación de A Coruña. E espero que gozasen vostedes dun Bo Nadal. Nesta ocasión, non puiden acompañalos porque o día Nadal e o de Aninovo cadrou en luns e non saíu o noso xornal; así que reciban, aínda que sexa tardiamente, os meus desexos dun ano para todos vostedes.