Frak Sinatra tiña algo na súa voz que so escoitei noutras dúas persoas: Judy Garlan e María Callas. Unha calidade que me leva a desexar chorar de felicidade como un atardecer fermoso ou un coro de nenos cantando panxoliñas". Estas palabras tan belidas, pronunciounas Ava Gadner, e son o mellor punto de partida para falar da marabilla da voz. A voz é o instrumento máis humano da orquestra da vida. No hai música máis bela que a voz humana. Non abonda con ter unha bonita ou unha boa voz. Hai que sentila. Hai que encontrar e vivir o seu espírito. A voz é o instrumento máis humano non creado polo ser humano, pero que sempre viaxa con el na aventura da vida. A inventiva da humanidade proporcionou a construción de múltiples instrumentos, menos a de un, a voz. Esta nos acompaña desde que nacemos ata os nosos últimos días. E ata o día da nosa desaparición vai sufrindo transformacións. Ten o seu cenit e o seu ocaso. A voz humana defínese como un instrumento musical capaz de producir harmoniosas melodías ou provocar sensacións de amor, respecto, odio, terror, tenrura, simpatía?Para logralo necesitamos do aire que se obtén na respiración, fenómeno espontáneo e automático que ve alterado polos factores antes descritos, é dicir polas emocións que producimos ao expresar unha idea que xurde desde o noso cerebro. A regulación espontánea do aire empregado nunha frase e a situación ante a que o ser humano se ve sometido en dita frase fará que a intensidade da mesma e o seu ton se manifesten diferentes. Sen pretendelo, todos os días estamos interpretando durante a nosa vida cotián. É a voz a que nos imprime un carácter e una maneira de ser vistos polos demais. Os nosos tons son distintos se queremos manifestar as sensacións ás que nos referíamos no parágrafo anterior: amor, respecto, odio, terror? Como diría Daniel Pennac, "a nosa voz é a música que fai o vento ao atravesar o noso corpo". Ou a definición tan preciosista que fai Purificación Estarli "todo o que sucede na cabeza e no noso corazón maniféstase na nosa voz. Porque a voz é o verdadeiro espello da alma". Resulta curioso que sendo posuidores de tan fermoso don, o coidemos tampouco. E cada vez, debido aos ambientes sonoros que nos arrodean, a danemos con excesiva e inconsciente frecuencia. As músicas de fondo, a contaminación acústica das cidades e dos lugares públicos, fai que teñamos que subir o volume da nosa voz, causando nesta unha irritación innecesaria. O primeiro que hai que tentar facer é non imporse ao ruído, para iso é ruído. Se hai que facelo é mellor utilizar o "berro" ben proxectado, a ser posible impostado para non danar máis as nosas fráxiles cordas vocais. Estamos pouco tempo calados. O único repouso que ten a pobre é cando durmimos. É desconcertante que o instrumento co que entoamos a melodía do amor, da mágoa, da solidariedade, da amizade, da ledicia, goce de tampouco respecto pola nosa banda. O instrumento co que cantamos. Esa delicia inventada pola nosas mentes e os nosos corazóns. Claro que, non podía ser doutra maneira, o berro, as voces erróneas, vítimas da desimpostación, ocupan a maioría das tertulias televisivas e radiofónicas. A caixa pequena deixou de ser educativa para converterse nun mercado de berróns. Por iso, sempre estamos enfadados, falamos nun ton bronco e queremos impornos aos demais, non polos nosos razoamentos, senón polo número de decibelios que empregamos en defender os nosos puntos de vista. A sociedade do berro avanza a pasos axigantados e a da voz corre a ocultarse, tímida, no fondo dos lagos da sensibilidade.