Seis días estivo o ministro de cultura no seu cargo. Màxim o breve, pasou como un suspiro polo Ministerio de Cultura e Deportes. Lopetegui durou no seu cargo de adestrador da selección española de fútbol quince horas desde que se coñeceu que ía ser o próximo encargado de ocupar o posto de adestrador do Real Madrid. No primeiro caso, hai que recoñecer que todos nos quedamos sorprendidos co seu nomeamento. Un home que procede dos pratós de televisión, pero ademais de programas ou sensacionalistas ou do corazón, non parecía o máis axeitado para levar adiante un labor tan delicado como o de ministro de Cultura e Deportes. Por riba, as súas declaracións sobre o deporte non son novedosas. Oscar Wilde dicía cousas semellantes. O diferenza estriba en que Oscar non era ministro de nada e Máxim o era tamén de deportes. Tampouco pasaría nada se nomea un secretario para o deporte extraordinario, cun perfil claramente deportivo. Pero ao igual que el foi a quinta ou sexta opción de Pedro Sánchez para o Ministerio de Cultura e Deportes, tampouco Màxim encontrou facilmente alguén que o quixera acompañar na súa viaxe como secretario para o deporte. E por riba salta o fraude a Facenda. Eu a Màxim deséxolle o mellor como escritor. É un home cunha profunda vocación pola escrita, pero de persecución, de xauría, nada de nada. Simplemente fíxose público un delito que cometeu. No caso de Lopetegui erran todos. Florentino anunciando a fichaxe a dous días de iniciarse o mundial, Lopetegui non pedindo asinar cando acabase o seu traballo en Rusia, e Rubiales por arrebatarse e non ter paciencia para deixar acabar o seu labor a Lopetegui e finalizar con el como adestrador a competición mundial do fútbol. O máis responsable é Florentino. É un incendiario profesional. Pero os outros tampouco están libres de culpa. Creo que Hierro non o vai facer mal e que os xogadores, enrabietados pola situación, deixaranse a pel no campo. Agora ben, non escarmentamos. Somos un país ao que lle encanta pegarse tiros no pé. O equilibrio e a tranquilidade non é o noso estado natural, o noso é a polémica e o debate acalorado. E así nos vai. Sorte a Cultura e sorte á selección. Tamén á galega. Que xa temos gañas de ver un partido da selección de Galicia contra un rival contrastado. Son todos bos desexos. Que se cumpran.