En principio foi o verbo", a palabra é o que diferenza aos humanos do resto dos animais e que presupón acordo de códigos e leis entre emisores e receptores. E neso séguese a experimentar, sabendo tamén que si a voz ofrece matices fáciles de enxergar tamén se fan difíciles de transmitir de xeito gráfico. E velaí, pra facelo, a literatura e as súas xenialidades.

E nesa ansia de comunicar creamos e ampliamos códigos orais, xestuais, gráficos... dende os pictogramas e os petróglifos, pasando por marcas, siglas, ideogramas, xeroglifos, abecedarios, morse, braille... e dende os inicios da telefonía móbil asentan as emoticonas, inicialmente referidas a esquemas do rostro humano. A base está na linguaxe corporal e facial pra expresar angueira, canseira, gozo, noxo, xenreira ensinando os dentes e marcando as engurras... linguaxe primaria para a que xa estamos dotados de xeito xenético e os xenes tamén se educan á forza do uso dos novos códigos.

O noso tempo faise cada vez máis propenso ás mudas, a experimentar, refugar ou acoller mañas e técnicas. Dende estas perspectivas semella que quedan ancorados na Prehistoria os poetas que baseaban a comunicación, o amor en tácticas e estratexias a través de miradas e conversas, do agarimo coas mans, de recendos, a interacción dos sentidos, a cultura e do instinto... Hoxe, nas relacións persoais -e aínda non na burocracia oficial de ringleiras e tics- vence a virtualidade dixital sobre a realidade. O cerebro, confuso, codifica os novos códigos visuais coa ausencia da salsa dos demais sentidos.

Comunicarse é relacionarse, tender pontes para o entendemento, perfeccionar linguaxes que non soamente son verbais. Agora, na era da imaxe e con base no pasado, acontece unha nova invasión na comunicación, ensáiase cun sistema global de imaxes, o das emoticonas (emoción+ icono), gráficos que nos aproximan á complexidade da realidade.

O desenrolo tecnolóxico permite crear, ampliar, codificar, normativizar, normalizar e mesmo conxelar no tempo arquivos audiovisuais, gifs, fotos e todo tipo de gráficos estandarizados ou de creación persoal para a comunicación. Fenómeno que dende o 2007 compleméntase cos emojis xaponeses, ( emoji= imaxe en nipón, emoyi en castelán e en galego quizais imaxe, aínda que os sabios de consellos e academias teñen a derradeira palabra). Este xeito de imaxes virtuais son invento do enxeñeiro Shigetaka Kurita para unha empresa do seu país, en inicio con case 2000 ideogramas. E por iso de que unha imaxe di máis que mil palabras, os referidos emoji, a diferenza das emoticonas non so representan a faciana do ser humano, senón situacións, cousas, todo tipo de seres, obxectos, lugares... Así o Xapón, a súa tecnoloxía robótica e as súas persistentes teimas están detrás e diante de todo. Interesadamente non quere quedar atrás a californiana Unicode Consortium tentando monopolizar o tema da internacionalización do software, para ser creadora de novos emoticonas, os que usamos e que equilibran símbolos relixiosos, cor de pel, trazos de procedencia... e que, polo de agora, evitan a agresividade. Deste xeito as novas imaxes virtuais actúan como lubricante social dos novos xeitos de vida virtual, atallo tamén pra chegar á personalidade de cadaquén, termómetro afectivo, ademais de ser actividade divertida, sedutor xogo de comunicación, mesmo no que cada un pode poñer a súa parte creativa, mesmo acudindo a sucintas palabras, tentando subliñar o ton, poñer humor, amor, desamor, irritación... Serie de carácteres e monicreques xa integrados nos novísimos abecedarios, Raias ou Catóns elementais da nenez e da mocidade. Asuntos que non se aprenden na escola e si, como si dun xogo creativo se tratara, no cotián, polo uso, abuso e adición do móbil.

Pola forza do consumo imponse o deseño e o código global das imaxes, sen faltar os que tentan darlle carácter identitario, nacional, local, humanista, como para unha conversa íntima entre paisanos da mesma tribo. Galiza, o seu mapa, a súa bandeira, a gaita, a empanada, a tallada de pulpo,os seus tópicos e expresións retranqueiras, pese a ser país de máscaras, de exacerbacións esperpénticas, están ausentes. Carencia que non axuda ao desenvolvemento das identidades, ao dereito dos pobos e do que tanto se predica. E mira que neste galaico cabo do mundo abondan temas nos que inspirarse, xa de antes e despois dos 50 homes por dez reas de Castelao, cincuenta expresións ante diferentes circunstancias, xestos e acenos "asegún" que diría o sabio filósofo don Vicente Risco. O Seminario de Estudos Galegos, na súa misión de investigar e sensibilizar sobre o idioma, a historia, a arte e a cultura, de reforzar as raiceiras pra acontecementos futuros, non esqueceu de que somos o que proxectamos... pero a guerra fendeu e anestesiou en folclore e liturxia aquelas iniciativas. Aínda así na Galiza da ditadura houbo intelectuais que tentaron seguir na sementeira, como Seoane e Díaz Pardo, os que idearon e introduciron naquel ambiente gris o Laboratorio de Formas, teoría e praxe sobre o idioma das formas, que como as linguas teñen orixe, orixinalidade de procedencia, de patria ou matria. O tema tratado aquí entraba naquelas pautas, coas que se deseñaban tipos de grafismo, símbolos, formas galegas. Máis semella que no País do Leteo todo segue a esquecerse. Nesta dialéctica tampouco faltan os que se opoñen á existencia de imaxes locais por entender que adulteraran a mensaxe global única, novoesperantista.

No tempo das presas, das redes, da comunicación non verbal, a industria das aplicacións móbiles está atenta á demanda, a como incorporar sedutoras fórmulas expresivas virtuais. Invéntanse e estandarízase entón ese código, vocabulario visual, dicionario de grafismos que expresan sentimentos sobre o rostro, o corpo, as actividades, os transportes... e que se pregan á xeneralidade da cultura occidental. Roda do consumo na que entran outros produtos, manuais, dicionarios, tratados, páxinas on-line sobre como usar as imaxes, medio que incide na vida e que se incorpora á arte. Mesmo a xente moza,tan propensa a imitar, toma xestos das emoticonas. Adictos á virtualidade esta couta outras linguaxes en favor das novas series de códigos, complementadas con palabras abreviadas, informais, inglesas, moitas tomadas da banda deseñada e dos films de animación, tópicos que axudan a robotizarnos algo máis.

As imaxes virtuais dan color á conversa dixital pra exercer no cerebro a mesma resposta neurolóxica ou sensación que a visión do rostro real. Forte pegada global culturalmente aprendida. Deste xeito o ser humano faise propenso ao engano virtual pra confundilo co real.

Dentro destas mañas non falta a destreza en construír un xeito de xeroglíficos con ausencia total de palabras. Mesmo a industria, o competitivo comercio tecnolóxico sofisticase máis até chegar ofrecer telefonía intelixente e cada vez con máis interactivas dimensións, mensaxes con vibracións, pulsacións cardíacas... e a todo nos imos afacendo, educando... ou maleducando. ¿Quedarémonos sen palabras, sen literatura espesa? O que si é certo é que a Galaxia Gutemberg, a Galaxia Mac Luhan, a aldea global mudou ante a aparición de novos xeroglifos, lexicogramas, elementos extraoracionais, máis alá das normativas académicas que "limpan, fixan e dan esplendor" ao idioma. Cada vez máis ímonos afacendo ás mudas.

Si unha cultura está viva debe estar atenta ás tecnoloxía, facelas súas integralmente,levalas postas, da renda, enxergalas, aproveitalas e facerse ver, sentir culturalmente, idiomaticamente, pra existir. Ains...