Jaime D. Tenreiro, artista coruñés finado días pasados, pertencía a unha saga de intelectuais e creadores de tradición republicana, liberal e progresista da cidade da Coruña. O seu avó, Antonio Tenreiro, que padeceu o exilio interior, foi un arquitecto relevante da arquitectura galega do século XX, con obras como o Banco Pastor e o mercado de Santo Agustín, que compartiu con Estellés. Ramón María Tenreiro, seu tío-avó, que coñecera a Picasso no instituto Eusebio da Guarda, foi amigo de Valle-Inclán e tivo que exiliarse en Suíza. O seu tío, o pintor Antonio Tenreiro, ademais de arquitecto, deixou unha obra artística das máis logradas do importante grupo Atlántida, pola súa sensibilidade, elegancia e bo facer. Un seu curmán, Enrique Tenreiro, dedícase á práctica da perfomance e á escultura abstracta de referencias metamórficas e orgánicas. Unha familia, a dos Tenreiro, de raizame fidalga nas vizosas terras mariñáns de Pontedeume, que segue nutrindo o noso ámbito cultural e social con bos arquitectos e cualificados profesionais.

As razóns desta prolongada creatividade vén dada pola fonda tradición cultural e o cosmopolitismo e apertura de miras que por tradición presidiron o devir da familia Tenreiro desde inicios do século XX. Sendo eu adolescente, compañeiro de estudos nos Maristas do pintor Jaime D. Tenreiro, teño frecuentado nos anos setenta a casa nuclear da familia na coruñesa Praza de Ourense, onde unha magnífica biblioteca nutría as lecturas e a formación dos membros desta familia, marxinada na época do franquismo polas súas vinculacións republicanas e laicas, así como pola súa amizade e estreita relación con Casares Quiroga e a elite coruñesa do tempo da República. Ese substrato ilustrado da cidade sería, nas lamentables calendas da ditadura, substituído por unha ondada de arribistas e de mediocres que ocuparon as institucións e exerceron unha implacable represión sobre as ideas e as persoas que viñan abrindo os horizontes da liberdade e da modernidade.

Nesa casa de fermosas galerías con vistas sobre a fermosa rúa Feijoo, a praza de Ourense e o porto, onde abundaban os cadros, os libros e os obxectos singulares, latía un fondo alicerce cultural con raíces na cultura europea, con notable presenza da francesa. Alí se daban a man tradición e modernidade, Galicia e Europa, impresionismo e vangardas, e, cando Jaime D. Tenreiro comezou a súa andaina formativa, as benéficas edicións de Seix Barral e de Alianza, o surrealismo, o beat e os movementos underground, situacionistas e libertarios que tanto lle interesaron, alternaban nos andeis con nobres edicións antigas, co Sempre en Galiza de Castelao, as obras de Valle, do 98, do 27?

Posteriormente, o artista Jaime D. Tenreiro ampliaría en Madrid estudos de arquitectura e afianzaría o seu interese polo mundo do cómic, do deseño e da pintura, continuando a súa formación cultural como ávido lector (artes plásticas, literatura, filosofía, política...), dentro dunha curiosidade moi plural, até acadar unha sedimentada cultura e decantar unha visión moi persoal das cousas que nunca o deixou de acompañar. Neste sentido, sempre foi de espírito independente e amosou un talante crítico e rebelde, no que os anos foron deixando doses progresivas de lúcido e festivo humor, retranca fondamente galaica e acusado escepticismo.

No Madrid dos axitados anos setenta, o mozo Tenreiro, ademais de frecuentar o ambiente cultural e de galerías, moi efervescente naqueles anos, participou a fondo nas loitas e inquietudes antifranquistas, contactando con grupos de ideoloxía libertaria. Tanto na súa estancia madrileña como no seu retorno a Galicia, realizou debuxos, fixo cómic, pintou... participando en diversas revistas da época de carácter contracultural, chegando a fundar algún fanzine, para posteriormente, xa asentado na Coruña, colaborar con xente de La Naval, do colectivo Gruporzán ou con creadores como Raúl Reguera. Cos pintores Correa Corredoira e Manuel Moldes realizou no Castelo de Santo Antón unha moi recordada mostra, Tres pintores nunha illa, marcada por un expresionismo valente e expansivo.

Jaime D. Tenreiro, aínda que mantendo unha prudente distancia durante moitos anos dos circuítos culturais, dado o seu talante independente, nunca deixou de ler, debuxar, pintar. Sería en anos máis recentes cando volvería expoñer con máis frecuencia, sobre todo na dinámica galería Monty4, na que, entre outras actividades, realizou un gran mural a tres mans, en colaboración cos seus amigos artistas Alfonso Abelenda e Correa Corredoira, nun espléndido exemplo de creación colectiva.

Nos últimos tempos, realizou debuxos e óleos, explorando tamén as posibilidades pictóricas do medio dixital. Nos debuxos, que deixan no espectador unha certa sensación de caderno ou diario de momentos e de sensacións, hai unha notable eclosión de cor e de luz, a través dun facer solto e rápido, con trazos realizados con gran frescura, con sabor de acuarela e un alento impresionista sobre unha temática natural, de neboeiros, de ceos e de vales, nun plain air libérrimo e sen complexos que amosa fondas vivencias da paisaxe mariñá e unha notable alegría de vivir.

No que atinxe á pintura, Tenreiro, que sempre foi por libre, á marxe duns comezos expresionistas, abstractos e matéricos que se puideron ver nunha polémica e rupturista mostra colectiva celebrada no ano 1972 no Concello da Coruña, realizou unhas nupcias persoais e desinhibidas entre a tradición e a modernidade. Fondo coñecedor da pintura antiga e apaixonado do Renacemento, sempre admirou o impresionismo, os variados expresionismos e mesmo a pintura metafísica. Isto acabou por decantar un facer moi asentado na propia biografía, no que xurdía tanto a ollada realista sobre as cousas como un maxicismo marca da casa, un certo onirismo de estirpe surreal como un facer expresionista, unha inmersión nas lembranzas ou na mitoloxía e na simboloxía persoais como un facer irónico co seu punto de humorado manierismo.

Tenreiro outorgaba moito valor ao debuxo. E a unha cociña na que teñen alta relevancia a composición, os contrastes, a perspectiva? Sen esquecer o alento narrativo: a necesidade de verter as súas vivencias, ideas, recordos e divagacións, nos que ocupaban unha clara presenza, ademais dos mitos, lendas e símbolos, referencias ao mundo mariñán e eumés que viviu a través das súas estadas na casa familiar de Pontedeume.

Nalgunha ocasión teño falado da súa tendencia a moverse entre a orxía e a apocalipse, o humor e a iconoclastia, a falsa inxenuidade e a perversión, as pulsións do subconsciente e a deriva dos soños, a realidade e o lendario, o erotismo e a cita cultural, a narración e a alegoría... Esa axilidade perceptiva, vivencial e cognitiva preséntano como un Rousseau insólito caído doutra Galaxia ou un bárbaro Valle-Inclán da plástica. Cando non como un fidalgo paganizante ou un Villon provocador e goliardesco. Que de todo hai.

Unha obra decisiva é a de O cura de Vilarrube, onde, con ese personaxe polémico e sensual mergullado nunha dinámica de preitos e de fillos, que viviu no século XVI e foi sobriño de Pardo de Cela e de Diego de Andrade, recrea un mundo non lonxincuo ao das sagas dos Andrade, evocando un medievo poético e misterioso. É importante na obra o poder de evocación de tempos e de obxectos, así como a creación dun certo aura cos seus xogos de luz e de sombra.

O artista despregou ao longo da súa traxectoria variados rexistros dentro dun repertorio xeralmente representativo ou figurativo. Sabía moverse como peixe na auga tanto nos mundos do vivido e do autobiográfico como nos do simbolismo e a imaxinación. Nutría ás veces a súa obra con elementos de carácter cultural, histórico ou literario e practicaba de forma libre os xogos de anacronía, o ludismo e a capacidade analóxica. Unha obra na que asoma moita da súa cultura, do seu subconsciente, da súa imaxinación e da súa curiosidade fronte ao enigma: aquilo, por veces, tan real que devén, dalgunha maneira, descoñecido e altamente poético.

Mais na obra de Tenreiro, ao lado da historia, das lendas, dos soños e das lembranzas, non faltan as paisaxes, nin as naturezas mortas, nin esa sensación de vanitas que todo o corroe co seu alento de temporalidade, de putrefacción e de morte.