Está claro que Turquía nunca recoñecerá a existencia dos kurdos, nin outorgará unha autonomía especial aos habitantes do Kurdistán que sen encontra baixo o dominio de Ankara. Pero, ao igual que en Irak, cando os kurdos foron necesarios para a fronte norte durante a II Guerra do Golfo, agora o goberno sirio precisa pactar cos kurdos para acabar con ISIS. Isto significa que os kurdos de Irak gozan dunha situación autónoma considerable e os de Siria gozarana en breve. Este é o temor de Turquía, un país dividido entre laicos e musulmáns, cun caudillo autoritario por presidente e co complexo de non ser o país dominante de Oriente Medio, isto é, non ser o que foi. O xenocidio armenio produciuse non só por xenofobia senón por temor a existencia dun estado armenio libre. A historia, afortunadamente, foi xusta con Armenia, e aquelas terras que foron o primeiro reino cristián da historia conseguiron converterse nunha nación con todos os seus dereitos. Imaxínense un país como o Kurdistán que integrase aos kurdos que habitan en Siria, Turquía e Irak, trataríase dunha potencia na zona máis que considerable. E isto Turquía non quero nin imaxinalo. Entralles urticaria só de pensalo, o mesmo tipo de urticaria que sofre o goberno chinés cando lle falan dun Tibet libre. Os kurdos combaten polo seu interese. En Irak contra un ditador e en Siria a favor dun ditador. Nada novo baixo as estrelas. Os tlaxcaltecas durante a guerra dos españois contra os aztecas combateron a favor de Cortés. Eran os inimigos acérrimos de Montezuma e por acabar coa ditadura que este exercía foron quen de aliarse co home branco, servindo así aos conquistadores. O mesmo que aconteceu no Rif, que agora volve ser noticia. Cando a coalición franco-española derrotou aos rifeños e se estableceu o Protectorado Español na zona do Rif, rematando coa república creada polos cabileños, estes non tardaron en aliarse cos marroquinos do sur, os que estaban baixo a influencia francesa, para facer causa común contra España e formar a nación de Marrocos. O que ocorre é que os rifeños teñen pouco que ver co resto dos habitantes do país, tanto en costumes como no árabe dialectal que falan. O monarca Mohamed VI, está sendo implacable na represión das manifestación e das protestas que están tendo en todas as cidades do norte. E isto é unha enleada gorda para un país que no sur ten outro problema, xa que Marrocos négase a calquera tipo de diálogo co pobo saharauí. Algo parecido ao que lle sucede a Arxelia coa Kalibilia e cos pobos nómades. Mentres tanto nunha illa perdida no golfo de Guinea, a illa de Annobon, os seus habitantes de cultura portuguesa e española, pregúntanse que fan eles formando parte dun país como Guinea Ecuatorial, que dista millas e millas da súa terra, cando nin falan como a eles, nin pertencen á ningunha das etnias poderosas de Bioko ou de Río Muni? Porque eles non poderían ser como Santo Tomé e Príncipe? Resumindo, que a descolonización en Asia e en África fíxose moi mal. Senón que llo pregunten ás xentes de Cabinda, que por narices teñen que formar parte de Angola. Somos no século XXI, vítimas de decisións políticas tomadas no século XX, e así nos vai. Pero a terra "móvese", non é plana, como as ideas, flue continuamente, e os cambios sociais e políticos se suceden. Aínda ben.