Lin que hai unha polémica porque a Catedral de Santiago (os que mandan nela) vai cobrar por ver o Pórtico da Gloria a partires de decembro. Serán 10 euros. Eu nesas cousas teño, como Alejandro Sanz, o corazón partío. O acceso á cultura debe ser gratuíto na medida do posible, mentres non implique que morran de fame os que traballan nela. E se hai moita demanda dunha mostra cultural, o lóxico, para evitar que se estrague, é regulala, e un dos sistemas -nin o único, nin o mellor- é cobrar por ese consumo.

Os defensores de pagar argumentan iso, que hai que regular as visitas, que coa propaganda recibida logo da restauración, son unha chea, e que os cartos son necesarios para atender o seu mantemento. Os detractores, que unha Catedral, por moito que a administre unha entidade -neste caso a Igrexa Católica, por medio do Arcebispado de Santiago e o Cabido catedralicio- non deixa de ser patrimonio popular. Cada bando ten razón, claro, aínda que non lle falte ao outro. A obriga dos poderes públicos é tender as máis pontes posibles entre a cidadanía e os produtos culturais. Por exemplo, abrindo e dotando bibliotecas xa que non é posible -e seguramente nin desexable- que editasen libros de balde, ou que os escritores/editores/libreiros non cobren polo que fan. Os poderes públicos deben promover exposicións itinerantes para que determinadas obras cheguen aos máis sitios posibles, e subvencionar montaxes teatrais ou musicais, que non serían rendibles sen ese apoio e quedarían reservadas para quen puidese pagalas.

Pero o certo é que as catedrais son lugares públicos de culto, e en poucos sitios máis que en España cobran por entrar nelas. Non cobran en Nôtre Dame, nin na de Milán, nin na de Colonia, como moito, cobran por subir ás torres, ou ver os museos, como por outra parte facían tamén en Santiago. Algo curioso, porque en non moitos sitios as confesións relixiosas están exentas de pagar impostos polas súas propiedades, ou polos seus ingresos, como están en España. O escritor Julio Llamazares, que dedicou 16 anos a visitar con calma as 75 catedrais que hai en España, dicía que o que lle molestaba non era pagar, senón que no momento no que pechan as portas e cobran por entrar, acceden só os turistas. "Es decir, las catedrales se han cerrado a la vida de la ciudad. Los vecinos ya no las consideran suyas porque, cuando te cobran por entrar a un sitio, ya no lo sientes como algo tuyo". Nas catedrais non atopas veciños, sacristáns, senón turistas apampados mirando para todos os lados. Curiosamente, o único momento no que a entrada é libre é cando hai culto: é dicir, podes entrar para molestar aos que van asistir ao acto para o que se fixo o edificio.

Os argumentos para que se cobre a entrada nas catedrais e igrexas son os mesmos que os se dan agora para cobrar por ver o Pórtico da Gloria: fan falta cartos para o seu mantemento. E fan, claro, pero ningunha fai as contas do que ingresa e do que destina a ese fin. Case un millón de euros ao ano apaña a de León en entradas, por exemplo e nin a diocese en concreto, nin a Conferencia Episcopal en xeral, informan que porcentaxe desa suma vai a soster o edificio. Eu non sei se un edificio das características dunha catedral é sostible a base de entradas, ou cantas visitas necesita para selo. O que me parece é que ese equilibrio económico delicado non casa coa postura da Igrexa de apuntarse canto edificio pode.