Bacterias, bichos, pragas... O problema non é novo, atinxe a todos e de vello. E no estudo desas patoloxías están -e máis deberan aínda- as universidades, en Galiza o Centro de Investigacións Forestais, o Consello Superior de Investigacións Científicas, os oceanográficos, as piscifactorías... así como as novas institucións creadas arredor de vellos e novos andazos. O seu coñecemento remóntase ao Neolítico, cando o ser humano adquire uso de razón social e asume que pode coutalo e domesticalo todo, facelo seu e ao seu xeito: plantar, podar, enxertar, crear hortas, viveiros, invernadoiros, granxas, salazoneiras, piscifactorias... E de tal resposta humana ás cuestións do medio nacen os cultivos e conseguintemente a cultura que é suma de saberes, de respostas a problemas e coa que rematamos facendo liturxia. Asuntos ben sabidos por experimentados patrucios que aínda quedan, xa ningún de pana e boina, agora de vaqueiros e sombreiro, trotamundos da emigración, eses que, na porta ou dende a xanela da casa, na taberna que queda, pasan as horas mirando o devalar do sol ou de quen fende o ritmo monótono das horas ao seu paso pola aldea, os que filosofan sobre tanta novidade, pra seguir a dicir o que xa dicían os seus devanceiros, que o mundo anda revolto e o que se lle atribúe a Deus que "si este é o mundo que eu fixen que o Demo me leve". Mulleres e homes que case todo solucionaban intercedendo aos santiños, na lóxica de someterse a corentenas ou a remedios caseiros. Sobreviventes de andazos sabidos e de novidades naturais, migratorias e artificiais, mesmo motivadas pola insatisfacción e o abuso.

Conseguintemente a conta do drama nacen e medran empresas dedicadas a poñer remedio ou a causar outros males a través dunha intentada desinfección interfiren no ciclo ecolóxico. E experiencia debera haber na Galiza, non esquezamos que este é o país da modélica empresa, nacida en tempo e lugar xusto, o Porriño, a que desafía a posguerra e as súas pragas de miserias, a dos irmáns Fernández López e outros emprendedores intelectuais galeguistas, pioneiros no I+ D, a da químico farmacéutica Zeltia, fabricantes do popular ZZ feito a partir do xa desacreditado DDT.

Non faltan catálogos de insecticidas, experimentacións, inspeccións, asembleas, congresos sobre o tema, organismos, institución pra velar pola saúde da paisaxe e da paisanaxe... namentres os labregos seguen a usar as "medicinas" pra eidos e lameiros que lle recomendan nas boticas, revístense case de marcianos e cargan ao lombo sulfatadoras, algunhas dignas pezas de museos. Outros con novas técnicas fumigan, contaminan, intoxican.

A globalización, o mestizaxe, a promiscuidade, tan necesarias como a prevención, o ir e vir polo mapamundi de xentes, o traer e levar maletas e contairnes con novos e vellos produtos, roupas, madeiras, mobles, comestibles... portan con eles insospeitados e minúsculos polisóns: baterías, fungos, insectos, bichos que pasarán a ser, noutras latitudes, incómodos e infecciosos inquilinos. Exóticos viaxeiros que poden levar consigo unha familia, visitantes con efectos directos e indirectos. O cambio climático, o conseguinte quentamento global, axuda a crear ambiente e caldo de cultivo pra especies invasoras namentres sofren as autóctonas na convivencia dos globais xeitos de migracións. Cuestión que leva a novas situacións as que inciden nos comportamentos, nas tradicións, por tanto na cambiante cultura. Asuntos que dan que falar nos organismos internacionais e locais. Polo cal o control de pragas e os servizos fitosanitarios vanse normalizando, experimentando, con acertos e desacertos respecto ao que supón o uso e abuso de insecticidas, os produtos químicos, as fumigacións coa conseguintes efectos adversos... Lembramos os efectos do famoso DDT (Dicloro Difenil Tricloroetano) os efectos dos herbicidas... Así que aquelo tan franciscano e humanista de "que se arrinca unha herba e trema o universo" faise máis que realidade.

Faremos un repaso por esas familias de bichería minúscula, bacterias, ácaros, insectos, vermes... que alteran as paisaxes, que danan os bosques, hortas e xardíns pra desmoralizar a un labrego que aínda resiste tratando de sacarlle proveito á terra ou a ese seu mar sometido a tantas contaminacións: os parasitos protozoos que colonizan aos berberechos, a marceliosis, as mareas roxas, marróns, pardas de microalgas tóxicas e outros fenómenos cos conseguintes riscos pros produtos que entran no consumo.

Reaparecen pragas que semellaban só historia dos días da Segunda Guerra Mundial, como o chinche de cama, piollos e as mesmas pulgas que, as que, de cando en vez, toman sitio en escolas ou até en hospitais. As carrachas campan polo campo e xa teñen motivado alarma nos humanos. E velaí buscando un tempo que une o caloroso coa humidade a cucaracha americana, viaxeira procedente dos trópicos, con capacidade de adaptación ao medio, que se alimenta de todo. E xa sabemos de tantos tipos de mosquitos, o mosquito tigre procedente de Asía, recoñecido polo seu cor negro e raias brancas, con picadura intensa e transmisora de enfermidades... E conseguintemente contaminación de alimentos, enfermidades, alerxias... o ciclo amplía a súa cósmica espiral.

E moito temos escoitado e escoitaremos aínda máis das famosas avespas velutinas, chegadas entre a madeira transportada en barcos dende un clima subtropical temperado, o do Sudeste Asiático. Avespa que se alimenta doutros insectos, entre eles das abellas do país, entón o universo tradicional, mesmo filosófico da apicultura vese revolto. As pegas e outras aves, entre elas as galiña non poden con elas... e na paisaxe de Galiza xa aparecen os seus grandes niños como bolsas pendurando das árbores máis altas ou en lugares insospeitados do campo ou da casa.

E outras avespiñas, máis pequenas, como a do castaño, insecto orixinario de China, que ameaza soutos e conseguintemente a riqueza da castaña e da madeira, contra a que se experimentou coa solta doutro insecto parasitoide ( Torymus Sinensis) que se alimenta das larvas da avespiña depredadora, antídoto contra o seu avance. E sempre a couza a roer madeira.

As pasionarias ou "gorgojo do piñeiro" que se apoderan das altas copas de escuro arume arpado, mesmo poñendo a raia ás repoboacións do exótico invasor pino de Monterrei, vido de California. A máis do insecto nematodo da madeira do pino, no 1999 chegado de Portugal... Cerdeiras, cítricos e oliveiras vense atacadas por bacterias como a xylla fastidiosa ou a "araña roxa" sen deixar madurar os froitos... Mesmo as exóticas palmeiras, dende a beiramar Mediteránea até o noso confín, son atacadas polo picudo roxo deixando espidas antigas palmeiras, insignia da ilustración e do pasado dunha casa ou dun pazo... Mesmo o tradicional buxo sufre a praga da couza china, unha eiruga que axiña devora as sebes xeométricas dos centenarios xardíns dos pazos. E coma sempre a vide, tan sensible ao desequilibrio dos fenómenos meteorolóxicos, a vellas e coñecidas pragas como a filoxera, o mildiu, o oidio, o pulgón, a polilla, os tryps, o mosquito verde, o piral... As patacas podrecen polo efecto de novos escaravellos, pioxiños... a couza guatemalteca.

Paisaxes sobrecargadas de invasoras azaleas como acontece en Irlanda, Galiza e Portugal de plumachos (herba das pampas), dos xa vellos eucaliptos e dos máis novos metrosideros...

Incremento da poboación de familias de teixugos atravesando as estradas e mesmo visitando á hora da sesión vermouth alamedas das cidades... as ratas e os ratos... E as medusas, reproducíndose de cada anaco seu, resistindo e facéndose donas do planeta... todo un símbolo. As leccións deben mudar.