Nun recorrido por Galiza sempre petaremos con lugares que chaman aos sentidos. Lugares con aura arredor nos que intuímos algo e que remataremos apelidando como "máxicos", parte da tópica Galiza Meiga a que tanto atrae, quizais por descoñecida. A ciencia e a maxia danse de man nestes espazos, os que dende a Prehistoria recibiron cultos e arredor deles creouse festa, nos que a cristiandade, por orde dos seus santos padres, determinou construír novos templos pra novos cultos e facer romaría. Os Concilios de Braga, as prédicas e epístolas de Gregorio Magno ou do panonio Martiño Dumiense declararon anatema cultos tan vivos na vella Europa e especialmente en Galiza. Nam ad petras, et arbores, ad fontes, e per trivia cereolum incedere.

Lugares onde os Catro Elementos, os principios da vida que dicían os filósofos presocráticos, Auga, Terra, Aire e Lume, teñen un ritmo especial, intuído. Fontes, lagoas, pozos, tramos dun río... fondas covas labirínticas, montes erguidos ao ceo, altares, referentes no horizonte, asociados a camiños e lugares... bosques animados, fragas con ou sen penedos con formas de monstros, sobre os que, cando non peta o aire e crea laídos, como as voces dos devanceiros, petan as nubes pra esfiancharse ou desfacerse en chuvia ou deixar asomar ao sol. Lugares habitados polo seu genius loci, o trasno ou "deus" que lle da maxia ao sitio e que rematará por cristianizarse poñendo unha cruz ou unha ermida... a onde se acudía a pedir fortuna.

Os chamados Países Célticos, entre eles Irlanda, Escocia, Gales ou Bretaña son exemplares nos coidados, promoción e xestión dos lugares reverenciados pola tradición. Os herdeiros da Galiza Asturicense, a coñecida como parte Asturiana, non quedan atrás, toman nota e venden con máis que dignidade esa orixinalidade da súa Terra Astur, fonte turística e de recursos.

Novos estudos de Arqueoastronomía atenden ao devalar dos astros no transcurso do ano ou do día sobre determinado lugar, especialmente do Sol, da Lúa, de Venus ou de Marte. Práctica pouco coñecida nestes confíns. Para concluír que moitos templos sobre estes lugares foron ademais construídos con criterios astronómicos e mesmo actuaron como observatorios en relación no só coa agricultura, a gandería, senón tamén indicando en que tempo iniciar periplos mariños. Coñecementos esotéricos, propios de sabios, magos e meigas, expertos coñecedores do Ceo, das predicións meteorolóxicas, de cando sementar, podar, aparear... Asuntos con orixe na revolución do Neolítico, cando as bandadas de seres humanos asumen a súa capacidade para organizarse en poboados e domesticalo todo, animais, plantas, intervir sobre o mesmo territorio con grandilocuentes edificacións, incluso someténdose eles mesmos a normas de convivencia e de traballo en común...vivencias que con aquela orixe, fai unha ducia de miles de anos, aínda seguimos a perfeccionar. Dólmenes, circos ou aliñamentos de pedras fitas ou simplemente menhires son examinados ao longo do devalar do ano e dos astros. E velaí todo ese repertorio de petróglifos pra avalar eses cultos panteístas, en relación co devalar dos astros, a caza, a pesca, as navegacións... espirais, circos concéntricos labirintos, escenas de greas de animais, caza, armas, ídolos que mesmo se repiten por toda a beira atlántica occidental como do Mediterráneo. Evidenciando que o Oriente é o nacer do sol e mesmo dos deuses e das civilización e cara el "orientámonos", namentres que o Occidente, o noso extremeiro confín significa a morte... sacra disciplina herdada dos exipcios que edificaban a súas tumbas cara ao occidente, no deserto... Galiza é cabo do mundo antigo, onde rematan ou comezan os camiños, onde a alfa e a omega teñen maior significación, país de magos, de Prisciliano, por algo elixido como cemiterio e tumba do Apóstolo, con templos cristiáns nos que máis se representan aos Reis Magos, guiados por unha estrela: eles camiño dun nacemento, os peregrinos camiño do confín: a relación tumba-berce.

Mesmo as terras do Minho, como Tras os Montes as que foron da romana Gallaecia Bracarense, ofrecen e coidan singulares lugares, no Leboreiro o Santuario da Peneda, as Panonias de culto á divindade infernal Serapis en Vila Real, a Penha sobre Guimarâes... por dicir algúns, mesmo sobre cada cidade campa un monte, como un observatorio, tamén co seu santuario e arredor del lendas de ermitáns cavernícolas.

Cimas de montañas con singulares siluetas, como ben asociaba Otero Pedrayo, visibles dende lonxanos horizontes: velaí o Cebreiro en relación coa busca do Grial polos cabaleiros artúricos, significativo nesa ascese que é o camiño cara á tumba do Apóstolo Santiago... o Pico Sagro, ergueito saxum, marcando as terras do Ulla e de Compostela, onde as lendas sitúan o Monte Ilicino habitado de monstros e as covas da Raíña Lupa... o Monte Faro entre as terras do Deza e a chantadina Ribeira Sacra do Miño... O Monte do San Trocado sobre o Castro de San Cibrao das Las; no Valadouro o Cadramón, en Terra de Montes as cimas do Seixo, a Pena Corneira, a par co Coto de Novelle sobre a converxencia do Avia co Miño... o Facho de Donón dende o Morrazo apuntando ás Illas Cíes, entre o Mar de Vigo e o de Pontevedra, templo á divindade galaico romana de Deo vero Breo... o mesmo Tegra outeando o Ostium Minium, as portas da Galiza; as Penas de Gorgullos en Tordoia, os Montes de Traba en Soneira... o Pindo sobre Carnota, o Louro abrindo ao Mar de Noia e Muros, "mares de dentro" que serviron de escolas de navegación... o Neme coa Eira das Meigas en Bergantiños, o Monte de San Roque sobre Viveiro, a Frouxeira entre Mondoñedo e Foz... E Fisterra co Monte de San Guillermo... o Monte Casón sobre Ortegal, Teixido... ou a mesma Estaca de Bares... singulares, servindo de faros orientativos no día.

Entre tantas siluetas de montes que reciben sintomáticos nomes para orientar ao viaxeiro: faro, faramello, moureira, mouriscada, moura, como "mouros", "mouróns", derivados do verbo latino "moneo": memorar, avisar.... pra non perderse.

Covas como as mindonienses do Rei Cintolo... a Covas da Serpe, da Loba, simas e furnas mariñas como o Buraco do Inferno en Ons... mundo inferior, infernos, asociados con monstros, con sereas ou sereos...

Pozos e Fontes que nos poñen en relación cos sacros cultos "célticos", como o que os galos daban a un pozo sobre o que logo se erguería a catedral de Chartres... Velaí as Burgas ourensáns, fonte de cova de Santa Eufemia de Ambía, o ilustrativo ninfeo de Santa Baia de Bóveda en terras lucenses, en relación coa saúde e dos cultos fecundativos. E tantos e tantos templos erguidos sobre nacedouros de fontes, canles desviadas para crear nas inmediación do templo fontes veneradas como milagreira: a de Augas Santas en Allariz, como Santa Comba de Bande, Santiaguiño do Monte, Gundián en terras de Vedra, en Bergantiños Santa Margarida de Montemaior, o mesmo Santuario do Corpiño en relación cos anxos. Lagoas como a Fonmiñá, a mesma de Antela, o Puzo do Lago en Maside e outras desecadas nas inmediacións dos castros.

Os clásicos da Arqueoloxía galega, Cuevillas, Risco, Taboada Chivite trataron sobre o tema, mesmo os novos como Alonso Romero, Antón Malde, Ana Isabel Filgueira, Quintiá tamén furan por un tema sempre inacabado e dentro da espiral da Galiza Máxica.