Tivo que suceder unha desgraza en Madrid para que a xente tome conciencia do terrible perigo que representan os medios de locomoción liviáns polas nosas aceiras. As aceiras eran o refuxio dos peóns, eran un espazo para a reflexión e a individualidade no territorio das cidades. Saïamos de casa convencidos de que nada malo nos podía pasar se iamos pandando por unha aceira. Creáronse para iso. Para que os febles puideran protexerse dos poderosos. Os carros, as carruaxes, os coches, as motos? Agora resulta que patíns, patinetes eléctricos, bicicletas e ata as veces motos circulan polas aceiras. E non lles digas nada, que te insultan. Unha anciá morreu en Madrid, vítima do endiañado patinete. Magnífico invento, para circular polas rúas mais non polas aceiras. Tamén na rúa Xoana de Vega, un ciclista rompeulle unha cadeira a alguén que podería ser a súa avoa e cando lle chamamos a atención, non só se deu á fuga senón que o fixo insultando á señora. Pois nada, a chamar a ambulancia e a foderse. Os ciclistas, patinadores e motoristas, deben entender a solidariedade que os demais temos con eles cando circulan por unha estrada, porque están nunha situación de risco e moi delicada, mais eles teñen que sentir o mesmo cando, incumprindo coa lei, circulan polas aceiras con respecto aos peóns. Daquela a situación de risco e moi delicada a viven outros. Eles son para os viandantes como un camión para unha moto. E de veras que non esaxero. Nesa indefensión nos vemos os peóns, e sobre todo aqueles que sofren algún tipo de doenza. Trátase de coidar os xardíns da desgraza do botellón. Pero que xardín máis bonito hai nunha cidade que a harmonía entre a súa cidadanía. Se as leis non coidan de nós, coidémonos entre nós. Diso se trata. Abofé. De algo tan sinxelo. Deixar os egoísmos a un lado e apostar polo respecto. Non somos ciclistas, nin motoristas, nin peóns, nin patinadores. Somos seres humanos que comparten un mesmo lugar de vida e o ocio. Demos unha lección ao mundo e comecemos a pensar como iguais. Necesariamente iguais. Por sobrevivir, vaia.