Si, posiblemente os lectores máis novos non o recorden, e menos os novos e vellos metidos en política „en determinadas políticas„, pero houbo unha época en que mentir estaba mal. Non era das faltas máis graves, claro. Non estaba á altura de roubar ou maltratar a alguén, e nin sequera estaba na escala que estableceu Thomas de Quincey en El asesinato como una de las bellas artes, aquela que dicía que empezabas por cometer un asasinato e acababas por perderlle o respecto a teu pai. Mesmo cando mentir estaba mal había unha categoría delas que eran boas, as mentiras piadosas. Agora o de mentir piadosamente é ser, como pouco, un moñas.

Vexamos o caso do logotipo de Correos. "Primero colocaron al jefe de gabinete de Sánchez como presidente de Correos, sin tener ni idea del negocio y a razón de 200.000 /año. Ahora se gastan cientos de miles de euros en cambiar el logo para dejarlo igual. Es indignante la forma en la que dilapidan dinero público #PSOE", tuiteou Ignacio Aguado, candidato de C's á presidencia da Comunidad de Madrid. "250.000 euros en cambiar el diseño del logo de Correos" asegundou logo Toni Roldán secretario de Programas de C's e portavoz de Economía no Congreso. Admitamos que a clase política española ten unha certa alegría na designación de cargos a amigos, aspecto no que destacou Aznar (efectivamente, queda raro "alegría" e "Aznar" na mesma frase), poñendo a compañeiros do colexio ao fronte das empresas públicas que privatizou. Pero tamén foi responsable das cartas e os telegramas de España Alberto Núñez Feijóo, que viña do sector da sanidade, e supoño que sen máis experiencia de Correos que mandar e recibir cartas. Igualmente, desde a miña ignorancia dos prezos de mercado, a min tamén me parece unha burrada de cartos por modificar un símbolo, pero non entendo a queixa pola escasa modificación. O motivo de queixa sería se o mudaran por completo sen motivo. É dicir, sen que fose necesaria unha nova imaxe por descrédito do servizo, ou un relanzamento tremendo. Pero en definitiva, é perfectamente lexítimo criticar os nomeamentos de cargos públicos, e cada quen quéixase do que quere, faltaría máis. O que non entra dentro do libre albedrío é atribuír falsamente autorías.

Juan Antonio Serrano, (aínda que non era exactamente o "jefe de gabinete de Sánchez", senón da Executiva Federal, e ignoro que cualificacións profesionais posúe) foi en efecto designado responsable de Correos, en xullo de 2018, un mes despois de que Pedro Sánchez chegara á presidencia do Goberno. Pero a decisión de cambiar o logo e de convocar un concurso entre axencias cunha dotación de 250.000 euros fíxoa pública Correos o 8 de novembro de 2016. Recordarán que daquela era presidente, con maioría absoluta, Mariano Rajoy Brey, e polo tanto mandaba en Correos quen el quixera. E o concurso resolveuse en setembro de 2017, cando Rajoy seguía sendo presidente, neste caso con maioría simple, por 168.947,46 euros, impostos incluídos. Ou sexa que fose que houbo, non foi cousa do #PSOE. É un caso de libro de fake news, esas que a clase política atribúe aos medios: hai unha parte de verdade, que oculta un enorme iceberg da mentira.

Ningún dos dous acusadores „non precisamente deputados de base„ se desculparon, nin admitiron o erro, e en C's non quixeron comentar o asunto. Ou sexa que das catro primeiras fases da confesión (exame de conciencia, dor dos pecados, propósito de emenda, dicir os pecados ao confesor), nada, así que da quinta, cumprir a penitencia, xa nin falamos. E non pasa nada. Ben, pasa: que o infundio multiplicarase en redes e bocas de tertulianos ata o infinito, e non pasará nada.