Este domingo haberá drama en moitas familias e pandillas. Vaise dar unha reedición do clásico dilema dos veraneantes mesetarios entre mar ou montaña: fogueira ou partido? "Vos ide preparando as cousas, que logo nós xa nos unimos", dirán máis de un. "Si, claro, nos pasamos o traballo e logo vós vides de señoritos", recibirán algúns como contestación. "Deixamos a leña amontoada e volvemos axiña". "Si, e quen garda o sitio?" Poñerse a asar sardiñas e/ou churrasco ás 23,00 e acabalas comendo cara a medianoite non é moito plan. Sacar o televisor á rúa non vai ser posible na maioría dos casos. Por iso non estaba mal pensado o plan do responsable de Seguridade da Coruña, Carlos Touriñán, de instalar macropantallas en Riazor. Plan que prohibiu a Liga. Pensei que era polos posibles disturbios que podería ocasionar unha multitude sen controlar, pero non: era polo prexuízos económicos que lle causaría á cadea televisiva que ten os dereitos da retransmisión. Hai cousas que non me caben na cabeza, e unha é como as institucións que rexen o fútbol aplican as normas que lle petan „e non me refiro á do fóra de xogo„, estean acordes ou non coa lexislación vixente.

Se un concello, ou unha superficie comercial, unha asociación de veciños ou unha coral, quere retransmitir un contido televisivo de pago, o que ten que facer é aboar a tarifa correspondente, que ten que cuantificar o propietario dos dereitos. A teoría do lucro cesante tamén se lle podía aplicar a quen paga unha entrada para ir ao campo. Que conste que eu prefiro ver o partido nun bar a que se empreguen fondos públicos en ofrecelo nunhas macropantallas, pero non sei que pito ten que tocar a Liga niso. Da mesma forma que non sei con que dereito prohibe determinadas bandeiras que fóra dos estadios son perfectamente legais. Claro que se é polos disturbios, do que se tiña que preocupar a Liga é de determinados programas deportivos, que fan polo deporte o mesmo labor que facía a Radio Télévision Libre des Mille Collines de Ruanda pola convivencia entre tutsis e hutus. Tampouco sei por que a información deportiva „certos informadores deportivos, quero dicir„ están exentos da neutralidade, ou polo menos da aparencia de neutralidade, que debemos gardar os demais. De seguro que non fai falta que lles sinale a ningún co dedo, pero como falamos do que estamos falando, póñolles un exemplo que saquei dun xornal de Mallorca de hoxe mesmo [onte para vostedes], no que o informador comenta as posibilidades de que ascenda o seu equipo: "Y, por supuesto, está el factor arbitral, que en esta ocasión deberá ser favorable porque así ha sido en los últimos partidos jugados en Palma. Todo lo que pitó ayer en contra Trujillo Suárez deberá pitarlo a favor el madrileño Pizarro Gómez".

Home, unha cousa é querer que o teu equipo gane, sexas xornalista ou calafateador de buques, e outra poñer por escrito que che ten que axudar o árbitro, como xa pasou nos últimos partidos. Imaxinen a un cronista político escribindo: "Agora o que é de desexar é que os medios públicos turren a favor do goberno, tal e como veñen facendo desde hai tempo", ou "a ver se a Xunta Electoral declara nulos eses votos que lle darían o escano da maioría ao partido no poder"... Ah?, que algúns xa o fan? Debe ser que fútbol e política son mundos que se van achegando no malo. Afortunadamente, non creo que, polo menos en moito tempo, os debates electorais vaian ser de pago.