Unha das artes máis antigas foi o tecido, está na natureza, nos vexetais e no mesmo sistema tegumentario duns seres humanos que saben tomar nota de canto lles arrodea. Tecido que se leva aos cabelos, xogando con eles e facendo trenzas, coas febras, cos xuncos, coas xestas, cos vimes... trazando cestería de resultados cada vez máis complexos, até industriais cando o tear e os tecidos se aplican a aparellos mecánicos. O tema da pra moito e entra no senso lúdico das secuencias matemáticas, rítmicas, xeométricas que conforman unhas técnicas que dan orixe a unha decoración que transcende e se aplica en outros materiais, como o barro, a cerámica, a pintura, a escultura, a filigrana ...a novos e non tan novos materiais, como o papel. Así é que velaí a orixe da arte da papiroflexía, técnicas que tanto teñen inspirado pra pequenos xogos manuais, dobrando ou desdobrando xeometricamente papeis, os que, a pequena escala servirán como maquetas pra megaestructuras escultóricas, arquitectónicas. Asuntos con algo de pitagórico, en relación co ritmo e por suposto coa música, coa poesía, coa vida... e bla, bla, bla.

A papiroflexia, tamén coñecida como cocotoloxía e máis modernamente co termo nipón origami (ori: papel, gami: dobrar) defínese como a técnica ou arte de tramar figuras con follas ou láminas de papel, dobrándoas xeometricamente de xeitos diferentes. Si ben o origami xaponés „e tal como son eles niso das secuencias do ritmo„ é moi estrito nas regras de factura: rexeita o uso das tesoiras, de pegamentos e mesmo da cor, soamente admite os infindos xogos de dobraxe do papel. Revisando a arte xaponesa atopamos estas habilidades na factura dos seus abanos, dos elementos decorativos como faroliños, monstros de papel e até na vestimenta, nos gorros... Destreza cultural que ven dende a antigüidade, impartida en escolas, con mestres, técnicas, tratados escritos e debuxados, con catálogos e clasificacións de tipos de origami. Todo un universo que expresa e abre á inesgotable capacidade creativa do ser humano. Quizais fose no medievo o viaxeiro Marco Polo quen, seguindo a Ruta da Seda „e coa invención e difusión do papel en detrimento do pergameo e do papiro„ trouxo a occidente estas técnicas, técnicas medradas polas relacións cos pobos islámicos, máis propensos ás decoracións xeométricas, calidoscópicas, tan en relación co mundo astral. Aínda que, como xa dixemos, esa ansia experimental con febras ou láminas, está dende a Prehistoria no mesmo ADN, no instinto. Dende o simple pregado de acordeón ou triangulación, do retrinco de figuriñas ou "mariquitas", a complexas construcións, pasando polo improvisado gorriño triangular con papel de periódico ao barquiño ou ao avión á simple e tópica paxariña, o moiniño de vento... figuras das que moitos non pasamos.

A papiroflexia crea adición, é un xeito de aguilloar o maxín, por algo a algún psicólogo se lle ocorreu meter nos test pra avaliar a intelixencia de cadaquén, esquemas de desdobramentos de figuras xeométricas, dende as máis simples ás máis complexas: conos, cubos, pirámides, dodecaedros... A fins do século XIX coas innovacións pedagóxicas e co racionalismo francés créase un ambiente propicio pra práctica da papiroflexia, incorporándose ao ensino dende os parvularios. Nas aulas, nas ludotecas, alí onde se busca estimular as ideas, fomentar a constancia, a concentración, a creatividade, divertir, pasar o tempo, mitigar o estres, como terapia dende un pensamento xeométrico, matemático, están as clases de papiroflexia, ate entre reixas, nos talleres grises das cadeas. E así dobrando e desdobrando tiras ou follas de papel esquécese mesmo quen un é, o que fixo , onde estivo e onde está.

E detrás da técnica está toda unha teoría e unha praxe, un aprendizaxe que caracterizou a moitos científicos e creadores: Hans Cristian Andersen, o dinamarqués, fillo de zapateiro, entre soletas de calzado cortadas a coitela, aprendeu e practicou esta arte, sumouna ao coñecemento de lendas viquingas e creou, ilustrou e desdobrou contos. Ben sabía Andersen, que o que facía se enredaba nas tradicións da súa arte nórdica, esa de secuencias xeométricas e cosmogonías de cadrelos, lazos e entrelazos. O dinamarqués foi un dos grandes referentes da papiroflexia, deixou coleccións, bocexos de ambientes e persoeiros pra moitas das súas obras, cavilados dende estes principios. Sabemos que Unamuno, filósofo contrapelo era máis que un afeccionado da papiroflexia, xa que se considera como o introdutor en España destas técnicas, ata mesmo escribiu un tratado de cocotoloxía, como el prefería chamarlle pola relación co "coco": galiña ou paxariña en francés, estudo que recolle no epílogo da novela ou "nivola" modernista Amor e pedagoxía. Retranqueira parodia dos tratados científicos , manifestación contra a escola única, obra tramada dende a teoría da cocotoloxía e na que o alter ego de Unamuno, o persoeiro don Fulgencio se burla do cientificismo, onde sempre cabe unha "morcilla", como o amor interfire nas grandes empresas, xa que é antipedagoxía. Ben sabemos que Picasso, concentrado e desconcentrado entre ideas novas e vellas, tamén levou a arte da cocoloxía ao museo, deulle color, intercalou, fixo con ela collage; Mondrian, Victor Vasarely, creador do op- art, Cesar Manrique e entre eles o galego Caruncho inspiraron parte das súas obras nestas técnicas do papel. E velaí na Coruña a Fonte das Paxariñas, deseñada en formigón polo arquitecto e pintor Antonio Tenreiro Brochón, como Richard Serra dobra pranchas de ferro... e xa non digamos na arquitectura Frank Gehry, quen partindo destes principios e dobrando e mesmo engurrando pranchas de titanio chega a un deconstrutivismo arquitectónico. Ao fin e ao cabo a arquitectura, eses espazos pra acoller aspectos da vida dos seres humanos, son cubos, prismas, xeometrías construídas a maiores escalas e nos materiais naturais e artificiais máis variados... e velaí que o arquitecto nipón Shigeru Ban trama as súas obras como cestas xeométricas e ademais reciclando nelas tubos de cartón. E a outras escalas de patróns, os de xastre ou costureira, dende estes principios a deseñadora e patronista Elena Souto elaborou un traxe para Lady Gaga.

Entre concursos de ideas, creatividade, rapidez... Xapón segue a madurar, estuda e establece períodos na arte do origami, respecta ao seu mestre internacional Akira Yoshizawa, referente niso de abrir a un mundo inesgotable, tamén co seu simbolismo, unha cultura... Inglaterra toma nota e Robert Harbin, Robert Lang interaccionan este saber coa informática pra logros incribles... como fai Vicente Palacios en España, abrindo ás novas técnicas do box pleating, sometendo ademais o papel a novas experiencias, humidade, pranchados, incisións, cortes, etc.

E non faltan creadores da papiroflexia que partindo distes principios e coas follas escritas, mesmo cos libros, como materia prima, empapelan murallas, monumentos, fan esculturas... Así é que servidor, aínda clásico, pensa en quen dedicou horas de amor pra escribr algo, pra ser lido e compartido, pra finalmente non contar mais que como materia prima dunha escultura... os libros son pra lelos, pra estar nas bibliotecas e nos arquivos, agardando pola man e os sentidos dos lectores. Pero o mundo circula por onde lle cadra. A creadora uruguaia, asentada en Galicia, Luz Darriba parte destes principios, Cumulum, Patchwork, redes, xeometrías usando libros e páxinas que "sobran" despois da desiderata das bibliotecas.

Ao fin e ao cabo a vida é como un xogo de dobrego do papel, entre xeometrías, saberes, inventos ou creacións, coas súas engurras e texturas, molladas e pregadas polo tempo tamén.