Era preciso ou conveniente trasladar os restos de Franco mentres arde Cataluña e a 15 días dunhas eleccións xerais? Eu diría que non, se a prudencia, a responsabilidade e o sentido de estado aínda foran valores seguros no mercado da rendibilidade electoral inmediata, que semella ser o único marco de referencia válido para os estrategas da Moncloa.

"Non se pode combater o lume con lume", advertía López Obrador hai unhas semanas logo da colisión do estado co narco en Sinaloa. Claro que o presidente mexicano representa unha especie, a do estadista, anterior á política de tahúres do tracking diario de inteción directa de voto ao servizo dun comunicador impecablemente vestido e sen vida propia máis alá do guión que padecemos agora e aquí. Pero por que, entón, era preciso o traslado de Franco precisamente agora? Ao meu ver, por tres razóns.

En primeiro lugar, o Goberno precisaba unha operación de cosmética a gran escala para contrarrestar, nas instancias internacionais, as dúbidas sobre a calidade democrática do Estado español logo da sentenza do 18 de outubro. Velaí, pois, o traslado, pola vía de urxencia, do xeneral que entrou en Xixón no 34 ao mando das súas columnas moras. Non sabemos o efecto desta manobra en Bruxelas e Washington, pero na Coruña, de momento, unha froiteira resultou ferida por vender peras de Lleida.

En segundo lugar, o PSOE precisaba tamén recuperar de xeito urxente certas credenciais de esquerda ante os comicios do 10-N. E fíxoo mesmo ao prezo de rachar coa sucesión de pactos de non agresión entre o novo poder democrático e o vello franquista que chamamos Transición, como ben sabe o Paco Vázquez que convocaba a manifestación do pasado domingo en María Pita. O PSOE abandonaba así a súa tradicional política de esquezo histórico programado e situábase nas coordenadas dun republicanismo daquela maneira, un republicanismo aggiornado e borbónico, como corresponde ao segundo país, tras Camboxa, con máis foxas comúns.

En terceiro e último lugar, o PSOE precisaba cubrir o flanco dereito empregándose con contundencia en Cataluña como o partido de orde, de eficacia probada que sen dúbida é. Amosa tamén que a integridade do estado e a aplicación da xustiza en versión Marchena están garantidas, malia aos excesos dun Marlaska que parece descoñecer a tenue fronteira, máis retórica que xurídica, que separa o constitucionalismo xacobino do unionismo provocador.

Aínda así, vimos pasar máis cousas das que tal vez conviña no traslado das cinzas de medio século XX español. Vimos un descendente da póla francesa dos Borbón portando o cadaleito, o resultado dun matrimonio de comenencia entre o poder sen estirpe e a estirpe sen poder, o que remite a outras comenencias sen matrimonio dos Borbón españois con Franco no seu momento. E vimos tamén campar a Tejero e os donos do Pazo de Meirás e da Casa Cornide por unha escena que resultou ser, máis ben, unha sorte de segundo enterro do vello ditador antes que unha reparación da lexitimidade republicana perdida.