A operación un éxito, o paciente morto. Para sorpresa dos médicos, a aplicación literal en Chile e Arxentina do receitario ideado por un austríaco na Europa rota dos 40 e perfeizoado polos rapaces de Friedman no Chicago dos 70, só produce os monstros, os monstros da acumulación brutal de riqueza nuns poucos, da evasión de divisas, da desigualdade social, da quebra da facenda pública.

A desaparición do estado, a conversión de dereitos públicos como a educación, a sanidade e as pensións en mercadorías ao alcance unicamente de quen poida pagalas, a venda dos recursos nacionais ao capital extractivo estranxeiro, a liberalización de todos os servizos que organizan a vida pública: transporte, enerxía, auga... Todo un paquete de medidas aplicadas desde arriba sobre sociedades en contextos de crise democrática, en estado de Shock, como ben ilustrou Naomi Klein no seu día. Esta é a súa medicina.

Feitas as grandes privatizacións, dá comezo a guerra ideolóxica: baixo o rótulo luminoso da liberdade individual e do sagrado dereito á propiedade -mesmo daquela adquirida grazas á ditadura- combátese a defensa do común, do público, como se se tratase dunha tentativa de imposición dun réxime totalitario. Así, a alternancia democrática permítese exclusivamente entre as diversas faccións da mesma clase social dominante, e cando chegan ao poder polas urnas os representantes dos de abaixo, inmediatamente son alcumados como populistas, paso previo para lexitimar o golpe de estado daquela, o procesamento xudicial de hoxe.

Chile e Arxentina padecen unha situación semellante: a dos efectos sociais da política económica neoliberal. No caso arxentino, ademais, unha crise de débeda pública que ten ao alumno favorito do FMI ao borde do default e do círculo vicioso dos 90. A diferenza consiste en que, na Arxentina, ese malestar social atopou unha saída política no peronismo, no caso chileno, porén, ningunha formación política foi aínda quen de organizar o desexo colectivo de cambio, de democracia entendida como dereito a organizar a vida económica de acordo cos intereses comúns e do principio de xustiza social. Máis alá da democracia formal schumpeteriana na que o dereito ao voto non garante o dereito ao pan.

En Arxentina, o peronismo deu por fin co seu home de consenso, Alberto Fernández, entre o estatalismo de Cristina Fernández e as concesións de Massa. O seu primeiro labor será o de negociar a débeda pública ante o FMI e nesa complicada tarefa poderá guialo o exemplo do feito por Néstor Kirchner en circunstancias semellantes en xaneiro de 2006. Tamén deberá buscar o xeito de levar adiante políticas redistributivas nun contexto de escaseza pola baixada de prezos de insumos no mercado internacional e do novo ciclo recesivo da crise de 2008.

En Chile -un país no que aínda segue vixente a constitución de 1980 aprobada durante a ditadura- a situación semella máis difícil de xestionar para unha esquerda falta de referentes indiscutibles e das conformacións políticas de amplo espectro e frentepopulistas que foron quen de transformar en maiorías electorais as arelas de cambio das maiorías sociais no resto de América Latina. A Historia, ás veces, precisa tempo.